TemposDixital


A Contratempo

Media Galicia respira veleno

Mércores 1 de Setembro, 2010
Xosé Veiras,responsábel da Área de Enerxía e Transportes de Verdegaia.

A contaminación figura entre as principais causas de perda de biodiversidade. En particular, a contaminación atmosférica (chuvia ácida, ozono troposférico,…) está involucrada en moitas ocasións no decaemento dos ecosistemas forestais. Así, na contorna das centrais térmicas de Meirama e das Pontes téñense encontrado danos en piñeiros relacionados, en parte, coa contaminación atmosférica.



Conservación e diversidade vexetal

Mércores 1 de Setembro, 2010
Por Javier Guitián

Mentres que as administracións teñen tendencia a valorar a situación da biodiversidade dun territorio valéndose das cifras, os científicos tratamos de achegarnos a esa realidade analizando o que estas significan. No caso galego, ambas as dúas aproximacións non deixan lugar ao optimismo e sitúan a nosa comunidade á cola dos territorios ibéricos na conservación do patrimonio vexetal.



A biodiversidade en Galiza, en situacion terminal

Mércores 1 de Setembro, 2010
Por Arturo Castro López

2010 é o Ano Internacional da Biodiversidade declarado pola ONU. Suponse que durante este ano haberá múltiples iniciativas para difundir a información e promover a protección da diversidade biolóxica de tal xeito que institucións, organizacións, empresas e cidadanía tomen medidas concretas para reducir a perda constante de patrimonio biolóxico.



Debate: O desasosego da esquerda social

Mércores 11 de Agosto, 2010
texto e moderación: Marcos Pérez Pena. Participaron no debate: Alexandre Carrodeguas, membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e de Galiza non se Vende; Alberte Lema, membro de Redes Escarlata e da CUT; Alfredo Iglesias, do consello de redaccion de Altermundo; Xoán Hermida, membro de Amarante; e Lidia Senra, secretaria de organización do Sindicato Labrego Galego e membra do comité de coordinación da Coordinadora europea de Vía Campesina.

Alexandre Carrodeguas: A esquerda sufriu unha derrota, estamos na travesía do deserto e non temos un movemento organizado. A min gústame unha metáfora que utilizaba Pasolini sobre o palacio e a praza, e creo que hoxe en día non temos organizada a praza, non hai masa crítica na praza para incidir na institución. Non podemos partir dun programa pechado, o programa hai que construílo partindo das necesidades da xente e dos seus problemas cotiáns, o que temos que facer é organizar capilarmente a xente. O capitalismo é unha cultura, non só é un sistema económico, e mudar unha cultura é algo moi de longo alcance e debe facerse a nivel concreto nos barrios, nas fábricas, nos lugares onde a xente sofre e busca outro mundo. Poño o exemplo de Ferrol, da loita contra a planta de gas: na parroquia que está máis preto da planta os veciños apenas estaban organizados, cada un estaba na súa casa vendo a televisión. A partir do inicio da loita creouse unha asociación de veciños, fixéronse debates e charlas e hoxe existe alí unha pequena comunidade. A partir dunhas necesidades sentidas, dunha loita concreta, dunha análise concreta, foron chegando a unha análise máis xeral.
Alfredo Iglesias: Coincido co que dis, pero penso que temos que ter un modelo como horizonte. Iso si, non vou propoñer receitas finais pechadísimas, porque non as teño, e porque é na práctica onde se transforman as realidades. Eu parto de que para saír da crise actual hai que saír do capitalismo, polo tanto vou definir a esquerda como aquelas organizacións que defenden a saída do capitalismo para superar a crise. Ese novo modelo tería que partir duns principios básicos: a socialización das actividades produtivas e dos recursos e o control económico das actividades económicas. Socialización non implica necesariamente nacionalización ou estatalización en termos do socialismo histórico, senón o control democrático desas actividades. Á vez, cómpre superar vellas eivas do socialismo real, e polo tanto hai que incluír un modelo de decrecemento sustentable; non hai outra alternativa se queremos saír desta crise, que é unha crise ecolóxica.
Lidia Senra: Efectivamente, a crise é profunda, é unha crise do sistema e non podemos falar só de crise económica ou financeira, senón que hai unha crise enerxética fonda, unha crise climática e unha crise de acceso aos alimentos. Os gobernos non toman as decisións, son as multinacionais as que están marcando a pauta. Acabamos de ver aquí como un goberno que se di progresista, que a principios de lexislatura apuntaba medidas de corte progresista, e de repente Obama, o FMI, o BCE…, cámbianlle a canción e cambia totalmente o sentido das medidas. Dende as organizacións sociais debemos dar a batalla e tomar conciencia de que debemos, como pobo, recuperar o poder de decidir.
Alberto Lema: A respecto disto, ocórreseme unha analoxía, un experimento que fixeron con ratas. Nunha gaiola poñían unhas ratas que eran sometidas a descargas de electricidade ante as que non tiñan ningunha posibilidade de evasión ou de actuación. Noutra gaiola había outras ratas que eran sometidas ás mesmas descargas eléctricas, pero que tiñan un botonciño que cando o premían, paraban as descargas. Estas ratas, as que podían controlar o seu contorno, tiñan unha maior esperanza de vida que as primeiras, as que estaban sometidas a un contorno caótico que as torturaba e ante o cal non tiñan solución. Este experimento ten unha segunda parte, na que as ratas que tiñan o botón, conservárono, pero desconectado: o botón xa non paraba as descargas eléctricas. No entanto elas, pola cuestión pauloviana, seguían premendo nel como se o fixese. E estas ratas seguían vivindo máis cás que estaban nun contorno caótico. A isto os científicos chamáronlle ‘ilusión de liberdade’, que se produce cando ti levas a cabo unha acción que realmente non ten capacidade real de mudar as circunstancias nas que vives pero que subxectivamente acouga a túa sensación de desamparo. Creo que hoxe a esquerda habita nesta situación, nesta ilusión de liberdade. A esquerda é tan débil que o botonciño que prememos para que paren as descargas non ten ningunha capacidade para funcionar; xuntámonos, falamos, pero non temos capacidade real de transformación.
L.S.: Cando os partidos de esquerda chegan aos gobernos están tan tocados polo neoliberalismo que só son capaces de xestionar o neoliberalismo e abandonan o traballo coas clases populares.
A.L.: Hai diferenzas entre a crise do 29 e a crise actual. Daquela a solución do capital foi unha saída pola esquerda: o keynesianismo. Pero iso produciuse nun contexto no que acababa de triunfar dez anos antes unha revolución. En cambio agora o Capital está convencido de que a solución á crise do mercado é máis mercado, e isto sucede porque non houbo unha ‘gloriosa revolución bolxevique’ dez anos atrás. En 1989 rematou un ciclo; por moi críticos que temos que ser cos sistemas do socialismo real, o certo é que servían de contrapeso non xa do capitalismo real senón do capitalismo ideolóxico, funcionaban como unha ameaza, e a socialdemocracia foi unha creación do Capital para acalmar a clase obreira. Pero agora o contrapeso do Capital xa non era o comunismo, senón o Estado de Benestar, e parece que no 2008 caeu o muro da socialdemocracia, o muro de Zapatero.
Xoán Hermida: Efectivamente, a caída do muro puxo en cuestión o socialismo real, pero tamén a socialdemocracia, hoxe a socialdemocracia non pinta nada. O problema é por que os partidos de esquerda, tanto socialistas coma comunistas, renunciaron á transformación sistémica do seu contorno. Se exceptuamos a mobilización de Portugal do 74, o resto da esquerda renunciou a transformar o sistema. Por que a esquerda partidaria adormeceu a esquerda social para que non houbese unha transformación estratéxica e só sexa o Pepito Grillo do sistema? Ese é o problema: levamos 60 anos sen unha estratexia revolucionaria para Europa, mentres que en América Latina a está habendo: podemos compartila máis ou menos, pero está aí. Creo que segue existindo loita de clases, pero seguramente os suxeitos revolucionarios non son os mesmos que hai trinta anos. Antes os traballadores estaban en Bazán ou Astano, todos xuntos, tiñan conciencia de clase porque non lles quedaba outra; pero hoxe un está no paro, outro está na súa casa traballando dende un ordenador, outro é funcionario, outro é inmigrante, porque nunca falamos dos inmigrantes e eu creo que xunto cos labregos son os dous motores fundamentais de cambio real.
A.I.: En América Latina hai unha mobilización de sectores da sociedade que non son obreiros, evidentemente, mal iriamos se só se mobilizan os obreiros. Pero para facer a transformación social hai que transformar as relacións de produción, iso é básico, e en América entendérono. Estamos vivindo un proceso de proletarización de todo, do campo, de sectores profesionais que nunca estiveran proletarizados, os funcionarios, que agora se converten en traballadores asalariados que xeran plusvalías: por exemplo, nos centros concertados. Se realmente queremos transformar a realidade social, temos que transformar as relacións de produción.

A folga do 29-S

X.H.: Cando empezou esta crise o que menos se podía esperar era que nunhas condicións supostamente mellores para a esquerda o que se ía revelar era precisamente a crise da esquerda. As solucións que se dan son solucións esgotadas: proponse reactivar o consumo, aumentar a produción… Que estamos facendo? Reproducir o modelo do sistema? Esta non é unha crise coma as do pasado. Propóñense solucións que non son eficaces, por exemplo unha folga xeral. Creo que hai motivos para facela, pero o problema é en que condicións se fai esa folga, con que perspectiva estratéxica e quen é convocado. Vai ter seguimento, pero non servirá de nada porque non hai unha proposta unha alternativa ao sistema.
A.I.: Xoán, se cadra esta folga xeral está feita á antiga, pero se non nos mobilizamos non imos a ningures. O desmantelamento do Estado do Benestar é unha evidencia e estámolo perdendo entre outras cousas porque hai unha desmobilización da clase traballadora. Se non se mobiliza o descontento os que están en fronte nosa seguirán avanzando no desmantelamento de todos os resortes sociais. Nos últimos trinta anos os servizos sociais pasaron de ser dereitos esenciais a ser mercadorías das que nós somos clientes. Temos que recuperar o control deses dereitos, temos que aprender que son nosos, que foron conquistas históricas. A desmobilización vén de vello, a marxinalidade forxouse durante anos, cunha reconversión industrial brutal, cunha explotación tremenda do mundo labrego, con desempregados a esgalla, con persoas que traballaban na economía sub-sub-mergullada… E iso só ten unha consecuencia, desmantelar a democracia. E iso é o que nos desmobiliza.
X.H.: Iso debería de mobilizar máis, non? Entón non será o problema que non hai un referente subxectivo para canalizar todo iso?
A.I.: Hai condicións obxectivas de sobra.
L.S.: Coincido en que é fundamental mobilizarse, e neste sentido calquera resposta que empecemos a dar é positiva. Pero tamén coincido en que a problemática é moi ampla: a precarización podemos vela fóra do traballo asalariado, por exemplo no mundo labrego os prezos dos nosos produtos están igual que hai trinta anos e ademais estánsenos impoñendo unhas formas de producir e unha dependencia tremenda das multinacionais. Temos o tema dos transxénicos, que é unha maneira de controlarnos ás labregas e de controlar a alimentación de toda a humanidade pola vía de “isto é meu e ti pagas a patente”. Son temas que hai que meter no debate cara a unha mobilización xeral. Temos que ter máis debate, mellorar a comunicación e traballar máis en rede. Por exemplo, aumentar a relación entre as organizacións labregas e os sindicatos do mundo asalariado, creo que sería moi bo para ir a unha mobilización global como alternativa fronte ao neoliberalismo.
X.H.: É que se estamos dicindo que estamos nunha crise sistémica, o normal é que a folga fose global, no conxunto da UE cando menos, se é que queremos obter un resultado claro. Debería ser ademais transversal e se cadra quen tería que convocar esa mobilización non son os sindicatos, senón organizacións sociais de moi diversos tipos, porque nos estamos enfrontando a algo novo. Non podemos facer o de “imos cubrir o expediente cun día de folga” porque se é así vai ser un fracaso e unha frustración para a xente que vai ir á folga.
A.L.: A folga do 8 de xuño demostrou o fracaso dos sindicatos da esquerda institucional, que están desconectados e burocratizados e que a xente non os toma en serio. As folgas xerais poden ser mellores ou peores, poden ser rituais de “saímos co santo en procesión e volvemos á casa” ou poden ser folgas difíciles para a patronal. Pensar que a folga é ritual en por si ou que os sindicatos ou os partidos de esquerda están malditos é unha visión inxusta.

A esquerda social e a esquerda partidaria

X.H.: Eu non dixen que os partidos estivesen malditos, a esquerda política e a social son complementarias. Pero por un tema de hixiene democrática, e aquí xa vivimos moi malas experiencias, como a de Nunca Máis, é bo que se separen á hora de construírse. Non podemos obviar que Nunca Máis foi un dos movementos sociais máis importantes dos últimos anos en Europa e foi lapidado coa instrumentación partidaria. A ágora está baleira porque aos partidos lles interesou que estivese baleira, cada vez que se enchía xa se encargaban de desactivala. Así o fixo o goberno do PSOE en 1982 e tamén o bipartito hai pouco. Entendo que a esquerda partidaria se move nun sistema e é normal que teña que ceder; o problema somos nós, que temos que ter a suficiente forza para non caer niso; sempre poño o exemplo do Brasil: Lula chegou ao goberno en parte co apoio do MST, pero o MST seguiu facendo ocupacións de terras e seguiu criticando a Lula.
A.L.: O que pasa é que a esquerda participa dun xogo político que non é o seu. O xogo da democracia burguesa está feito para ser sustentado por patróns capitalistas, que che poñen cartos riba da mesa para facer a campaña. E a esquerda, ante a imposibilidade de mudar as regras, participa como pode. Hai que ter cartos para facer unha campaña, así que llos pides a unha entidade financeira e despois cando gobernas tes que entregarlle un dique enteiro ou unha fábrica no interior dunha ría.
X.H.: O problema da esquerda social é depositar toda a confianza nos partidos, en que “o día que gobernemos xa mudaremos as cousas”. Pero é imposible cambiar o sistema dende dentro tal e como está estruturado o modelo. A esquerda social ten que traballar coa esquerda partidaria, pero a esquerda partidaria ten que entender que está ao servizo dos movementos sociais. Mentres non entendan isto non van ser referente de nada. Houbo un partido que o entendeu durante un tempo e por iso chegou ao 25 por cento dos votos en Galicia. E tiña un discurso bastante radical, máis radical que agora. Pero só entenden a esquerda social como viveiro no que captar votos. Cando a esquerda social diga “por aquí non imos” aí estará a solución, e está empezando a pasar.
L.S.: Vimos dunha cultura na que interiorizamos que o partido político que chega ás institucións é o que sabe, e polo tanto as decisións que toma son incuestionables. Esa mesma cultura é a que leva a seguir tendo a concepción dos movementos sociais como correas de transmisión dos partidos. Temos que cambiar esa cultura, e o papel dos partidos de esquerda sería poñerse ao servizo dos movementos sociais e defender nas institucións as propostas das organizacións sociais, pero sen desfiguralas, iso si.
A.C.: Os partidos están en crise, autonomízanse con respecto ao electorado porque son cooptados pola institución e pasan a ser comisarios do gran poder económico. En Ferrol, eu militaba no BNG cando iniciamos a loita contra a planta de gas, pero chegados a un determinado momento, por  decisión do aparato político do partido que controla o partido pasamos a ter unha postura distinta. Foise pasando da mobilización á institución e ao entrar no palacio abandonouse ás persoas que estaban na praza, que ficaron soas e calumniadas.
L.S.: Críticas e autocríticas hai que facelas e é san, pero sempre dedicamos moito máis a poñer o dedo no problema que a debater as solucións. E creo que as solucións hainas e creo que niso somos moi pouco eficaces. Por iso a xente non queda coa idea de que temos solución e propostas, só lle deixamos moitos máis problemas dos que xa ten. As organizacións teñen que ser moito máis participativas, tamén. Eu empecei a militar no ano 76 e veño dunha cultura moi de correa de transmisión, pero creo que hoxe toda a cidadanía ten capacidade de análise para tomar decisións se poñemos a información á súa disposición
A.I.: A esquerda social ten que existir, pero a esquerda partidaria tamén. A historia demóstrannos que a transformación da sociedade sempre foi executada por un partido, tanto na chegada ao poder pola vía insurreccional, como sucedeu en Rusia, onde había un partido bolxevique, coma na chegada pola vía institucional, como fixo Chávez en Venezuela. A esquerda social ten que ser a fonte que lexitime o poder da esquerda partidaria. Para iso hai unha receita básica, que é a democracia. O erro da socialdemocracia é que o pobo só votaba partidos socialdemócratas, pero non participaba nas accións de goberno. O que non pode ser é que a esquerda partidaria se desentenda da sociedade, ten que dinamizala. É complicado, pero hai países que o están facendo, como Venezuela, coas asembleas participativas, nas que se organizan os barrios e as fábricas. A esquerda partidaria, cando chega ao poder, ten que institucionalizar unha democracia democrática, non unha democracia burguesa.
X.H.: O que pasa é que temos dous partidos aos que o único que lles importa é gobernar, e nin tan sequera cumpren os seus programas de mínimos cando chegan ás institucións. E despois temos mil partidos, supostamente máis á esquerda, que reproducen mecanicamente os erros deses dous ou peor. E ademais, como non analizan a situación na que están, están illados.
A.L.: Por alusións, hai moito tempo que no meu partido sabemos que as de Zara son tan traballadoras como as de Astano. Non temos ningunha teima nin obsesión coa siderometalurxia, non queremos encher o país de fundicións. A esquerda está ao día. Que é marxinal? Por suposto. É que as vías que existen para deixar de ser marxinais levan fóra da esquerda. Non é unha vocación de marxinalidade, que eu queira ser pobre para conservarme impoluto… Non, é que sabemos as contraprestacións que ten o pacto e non queremos entrar nese xogo. Hai un camiño ancho para o que queira medrar e chegar rápido e hai un taxi esperando, o que pasa é que o taxi ao final cóbrache. Pero se non queres ir en taxi, tes que ir pola corredoira.
X.H.: E non pode ser que se a esquerda é marxinal é porque non fai unha análise correcta da realidade? Nunca se vos pasou iso pola cabeza? Eu non militei nunca no BNG, pero hai que recoñecer que nos anos noventa o BNG tiña un discurso radical, entre comiñas, non era o discurso de agora, e tiña o 25 por cento dos votos. Quero dicir que non necesariamente algo antisistémico ten que ser marxinal. Pode selo nun momento determinado, pero esta conxuntura da marxinalidade dos grupos de extrema esquerda en Galicia xa dura 30 anos. Ao mellor hai que analizar por que. A min que se me explique en que inflúe o sistema para que existan sete partidos independentistas en Galicia. Non se poden fusionar en un? Impídeo o sistema?

(Ábrese o debate ao público)

Manuel Barbeitos, secretario de redacción da revista Claridade: Dende os movementos sociais temos que facer o esforzo de deixar de lado as diferenzas e chegar a visións comúns, para facer cousas tan sinxelas como desmontar as mentiras que nos están contando e daquela seremos capaces de presentar alternativas. Son moi crítico coa socialdemocracia, pero a democracia acadou as pensións, a atención aos vellos, aos nenos ou a seguridade social. E hai unha socialdemocracia en Suecia e outra moi distinta en España, que está facendo o que está facendo: a xestión da crise para o capitalismo. Dinnos que hai unha crise financeira, que o problema son os bancos. Non, o problema son os máis de mil millóns de persoas que morren de fame porque hai unha crise alimentaria. Se conseguimos detectar que os problemas son estes e non os que nos venden temos parte da batalla gañada porque as solucións serán outras. O debate de se Lenin fixo o que fixo na revolución de outubro está moi ben, pero a xente fóra está buscando respostas a problemas, aos catro millóns e medio de parados dos cales a metade non cobra nada, mentres o señor Botín se forra. Ese é un problema real que ten que resolver a esquerda.
Xavier Ron, responsable de Esquerda Unida en Compostela: O que temos que facer é agrupar o que hai que agrupar para crear a alternativa á fronte capitalista. E unha das tarefas é reconstruír o Estado, o Estado de todos, co control e a participación democrática. Porque aquí non tivemos realmente unha democracia con control participativo, o que tivemos foi franquismo e despois a entrada do neoliberalismo. E así vivimos, suspirando polo escaso Estado de Benestar que tiñamos. Penso que hai alternativa e temos que creala, temos que perder o medo a xuntarnos e renunciar ao noso embigo e coincidir no esencial. A folga xeral é necesaria, o pobo que ten que saír e dicir “basta xa”, opoñerse ás políticas de desmantelamento do público. Se o pobo ese día toma a rúa, algo cambiará.
Enrique Banet, presidente da Fundación Galicia Verde e activista: Se queremos solucionar o problema, o primeiro que hai que facer é recoñecer o problema. Aquí hai unha loita de clases, nós estamos en crise porque estamos no bando perdedor, ese é o problema. Pero hai un bando que está gañando moitos cartos. Os políticos lamentablemente son os árbitros desta loita e están escorados cara á parte vencedora. Eu creo que os políticos teñen que servir ao pobo e non a esa clase dominante, aos mercados.
Mabel Rivera, actriz e activista: A esquerda ou non existe ou está totalmente desaparecida en combate e non sei en que combate, en que carallo de guerras están. Ogallá a crise sexa tan profunda neles que desaparezan dunha vez. A única alternativa que teñen é regresar ao pobo, fundirse nel. Hai trinta anos eu traballaba nunha empresa que se chamaba Astano. Daquela xa se estaban fraguando unha serie de historias: os maiores consentidores de que actualmente esteamos nesta situación foron os partidos de esquerdas, foi un pacto vergonzoso aquelas historias da Moncloa, estaba todo perfectamente planificado. Non teño unha perspectiva histórica máis atrás, pero teño a miña propia historia, intensa, porque de trinta anos a esta parte vin como foron ao garete moitos logros que se conseguiran co esforzo de moitísima xente de esquerdas. A única solución está en nós, nas organizacións. Para min é a única posibilidade de nos salvar, porque estamos nunha época absolutamente de resistencia.
Carlos Neira, economista e investigador social: Creo que non é casual que aquí nos atopemos varias persoas de Ferrol. Ferrol é unha boa metáfora do país: foi o primeiro sitio onde o nacionalismo tivo poder municipal e tamén foi o primeiro sitio onde eses avances políticos e sociais afundiron. Hai que empezar a propoñer solucións, facer cousas dende abaixo, coa xente, sen importar idearios. Hai que empezar a traballar en microcosmos particulares que van ter percorridos de aparición, éxito ou fracaso, pero que deixarán pousos, como temos moita xente de Ferrol. Hai que empezar a propoñer solucións e logo atoparse ou recoñecerse ou non con outras experiencias ou con outras persoas. Os partidos non se van suicidar, polo tanto terán que levar un pau electoral impresionante, sufrir unha crise absoluta para desaparecer e fundirse outra vez na cidadanía. É necesaria unha fronte popular que xunte toda a esquerda interclasista á marxe de ideoloxías doutro tipo ou dunha consideración máis ou menos nacional da cuestión galega. Moita da xente que se considera de esquerda neste país ten outro ámbito de referencia, que non é Galicia senón o Estado, e hai que telo en conta. Hai un problema máis de diferenzas de clases e non de diferenzas doutro tipo.
X.H.: As municipais van supor un golpe moi grande para a esquerda partidaria e eu voume alegrar porque é a forma de que estes tipos reaccionen. O exemplo que poñía Carlos do Bloque en Ferrol é moi claro e é unha situación que agora se vai estender a outras cidades. Eu tamén creo que temos que crear unha fronte popular, pero unha fronte de camaradas, non de compañeiros de viaxe aos que despois se lles pega un tiro. E por que non construír instrumentos partidarios que despois non se presentan a determinadas eleccións, que igual se presenten ás municipais e non se presenten ás xerais e que neses comicios utilicen estratexias de voto branco ou nulo? Está todo por inventar: non hai alternativa, hai que construíla.

Debate publicado no número 158 de TN, de xullo de 2010.



Europa fronte aos especuladores

Martes 13 de Xullo, 2010   Ler comentarios [1 comentario]
Manoel Barbeitos Alcántara

A cobertura por parte da inmensa maioría dos medios de información españois da “crise grega” foi e é lamentable. Ben non entenderon nada –a maior parte–, ben reproducen a sabedoría convencional e presentan a situación baixo o prisma do dogma liberal dominante.
A “crise grega” non é máis que unha nova escenificación e materialización das crises financeiras sistémicas que diferentes rexións da economía mundial veñen sufrindo como consecuencia da nova orde internacional. Nova orde que impulsou a liberalización financeira acordada, a finais dos anos 70 do pasado século, polas grandes potencias –lideradas por Estados Unidos e Gran Bretaña– e as grandes institucións financeiras internacionais –o FMI e o BM–. Unha nova orde que a Unión Europea non cuestiona senón que cada vez apoia máis decididamente.
Grecia únese así a México (1994), ós “tigres asiáticos” –Malaisia, Corea, Filipinas e Indonesia– (1997-98), a Rusia (1998) e Brasil (1999) como grupo de países relevantes que sufriron os ataques dos especuladores, que puxeron en evidencia a incapacidade das autoridades monetarias nacionais fronte á especulación financeira internacional.
Por outra parte, o plan de axuste que o goberno grego vén de asinar cos organismos financeiros internacionais –FMI, BCE…– ten como obxectivos implícitos: 1. Garantirlles ós grandes acredores da débeda grega o cobro efectivo dela e 2. Forzar o goberno grego a liberalizar, e xa que logo privatizar, moitos dos servizos públicos e das funcións sociais que deste xeito pasarán a mans das grandes entidades financeiras internacionais.

Imos por partes.

A crise financeira

Lembremos que a crise financeira actual estoupou cando na primavera do 2007 a banca de investimento estadounidense, que pasaba por ser a máis solvente e dinámica do mundo, entrou nunha crise sen precedentes que afectou as principais institucións bancarias.
Os cinco grandes bancos de investimento dos Estados Unidos, un tras outro e nun curto período de tempo, entraron nunha crise que os levou á bancarrota –caso de Lehman Brothers e Bearn Stearns–, á súa venda –Merril Lynch– e a grandes perdas –Goldman Sachs e Morgan Stanley–. Pola dimensión e a relevancia das operacións destas entidades bancarias a crise estendeuse a todo o sistema financeiro estadounidense –bancos, entidades de seguros, etc.–.
En menos dun ano todo o sistema financeiro estadounidense –que contaba cun extraordinario volume de activos financeiros, que tiña enormes sumas investidas en produtos sintéticos con títulos sen valor pero que ignoraba, e aínda segue ignorando, en que grao– sufriu multimillonarias perdas. Perdas avaliadas polo baixo en dous billóns de dólares e que obrigaron a intervir directamente ás autoridades federais para evitar que todo o edificio se viñese abaixo.
A crise financeira dos Estados Unidos tivo a súa orixe na arriscada política crediticia dos bancos. Unhas entidades faltas de liquidez que, co gallo de protexerse das débedas hipotecarias, procederan –hai que dicir que apoiados polo goberno federal– á súa titularización. O proceso consistiu na conversión das hipotecas en títulos cotizables tales como os CDS (Credit Default Swap) –moi activos con títulos da débeda pública e dos que volveremos a falar ó tratar a débeda grega– e na creación dunha serie de sociedades –as SIV (siglas en inglés de Vehículos de Investimento Estruturado)– de moi alto risco que procederon á compra das débedas hipotecarias transformadas agora en títulos mediante os hedge founds –fondos especulativos de alto risco que na súa maioría son filiais dos grandes bancos–.
Co estoupido da burbulla inmobiliaria estadounidense, os títulos –as hipotecas titularizadas, as famosas subprime– pararon de venderse deixando sen liquidez as SIV, que entraron entón en crise e arrastraron con elas, pola sucesiva creba dos fondos especulativos, os grandes bancos. Estas entidades financeiras tiveron que asumir as súas débedas e compromisos entrando elas tamén en creba por falta de liquidez.
Dada a relevancia mundial destas entidades, que operan nun sistema financeiro occidental moi liberalizado e marcado pola especulación financeira, aquela crise trasladouse a todo o sistema financeiro internacional. Esta propagación veuse favorecida por unha mundialización económica que facilita, polos mecanismos clásicos dun sistema financeiro globalizado, a extensión e propagación das crises.
Deste xeito a crise financeira estadounidense trasladouse a Europa. Se Gran Bretaña, polas especiais características do seu sistema financeiro, resulta ser a máis afectada, tamén sofren os seus efectos a maioría dos países da Unión Europea, cuxas entidades financeiras –co apoio dos respectivos gobernos e bancos centrais e a propia Unión Europea e o BCE–, apostaran polas hipotecas de alto risco –as subprime– e os títulos cotizables –como os CDS–.
O dominio que, nos países máis desenvolvidos, ten o capital financeiro sobre toda a economía fixo que a crise financeira se xeneralizase. A crise, evidentemente, afectou a Grecia como ó resto da Unión Europea, mais a súa intensidade foi diferente segundo que país. E foi maior naqueles que contaban ben cunha importante presenza de prácticas especulativas nos mercados financeiros –Grecia– ben cunha elevada relevancia do auxe inmobiliario na actividade económica –España–.

Os límites da Unión Europea

Se a crise financeira e os seus efectos marcan a crise grega, non menos relevante resulta a actual engrenaxe político-financeira da Unión Europea, pois limita enormemente a capacidade de actuación dos países da zona euro en instrumentos de política macroeconómica tan fundamentais como as políticas monetaria e fiscal.
En materia de política monetaria, os países europeos da zona euro están condicionados tanto polas decisións xa adoptadas –derivadas fundamentalmente dos criterios de converxencia incluídos no Tratado de Maastricht, que introduciron o euro como moeda oficial dos 15 países que asinaron o tratado– como as relativas ós tipos de xuro e cambio tomadas ultimamente polo BCE. Unha entidade cuxos dirixentes parecen imbuídos dun fundamentalismo monetarista e que non fan ren que non aproben o Goberno alemán e o Bundesbank, partidarios ámbolos dous de políticas monetarias excesivamente restritivas.
Tales políticas son tremendamente prexudiciais para moitos países da Unión Monetaria especialmente para os menos ricos –os chamados PIIGS: Portugal, Italia, Irlanda, Grecia e España, países europeos que, antes da ampliación ó Leste, ocupaban os últimos lugares na listaxe económica– sen que estea moi claro que favorezan os máis poderosos, como poden ser Francia e Alemaña.
A existencia dunha moeda única, o euro, para países moi heteroxéneos, sen outros lazos de unión que a libre circulación de mercancías e capitais e con sistemas fiscais e laborais tan diferentes como os da zona euro –a Unión Europea non é Estados Unidos– é, cando menos, un risco moi grande especialmente para aqueles con menor capacidade exportadora, como os PIIGS, que importan máis que exportan.
Unha única moeda limita a capacidade de actuación de cada país fronte a situacións de risco ou debilidade en mecanismos de axuste tan fundamentais como o tipo de cambio: o goberno grego, ó igual que o español e o portugués veñen de comprobar, unha vez máis, a súa limitadísima capacidade de actuación fronte ós recentes ataques especulativos.
A situación pódese volver moi grave se ademais as autoridades monetarias responsables (neste caso o BCE) adoptan decisións, relativas ós tipos de cambio e ás taxas de xuro, que supoñen un freo para o crecemento desas economías (impiden políticas expansivas), ó tempo que se inhiben diante de ataques especulativos a países membros da UE. Estimulados, para máis, por estas políticas restritivas que favorecen a aparición de burbullas especulativas: os axentes financeiros aproveitan as baixas taxas de xuro para especular contra gobernos endebedados.
En materia de política fiscal o pacto de estabilidade, derivado do Tratado de Maastricht, supuxo a aceptación polos estados asinantes da implementación de políticas fiscais tamén moi restritivas –compromiso dun déficit público anual inferior ó 3 por cento do PIB e dunha débeda pública acumulada inferior ó 60 por cento do PIB–. Tales políticas, en situacións de crise como a actual, castigan a aqueles países –de novo, os PIIGS– que necesitan perentoriamente que a súa economía medre, para que se recupere a demanda agregada, se incremente a actividade, se cree emprego e se melloren as condicións de vida dos seus cidadáns.

O endebedamento exterior e a especulación

Sen o control de instrumentos básicos da política económica, os países europeos, especialmente os menos desenvolvidos, vólvense vulnerables maiormente en momentos de crise como a actual. Precisan ser sostidos financeiramente para non verse excluídos dos intercambios internacionais. Necesitados de recursos e tendo que optar por políticas fiscais restritivas que atenden mais ó control do gasto que a estimular os ingresos –por decidir que o déficit orzamentario se controla mediante a redución dos gastos e non incrementando os ingresos fiscais– vense finalmente forzados a acudir ós mercados exteriores no servizo da débeda.
Entón é cando caen en mans dos especuladores, principais actores dos mercados financeiros: fondos de pensións, sociedades de investimento ou mutual funds. Seguros e bancos teñen un volume de activos financeiros tal que basta con que se poñan de acordo e impliquen unha parte dos seus activos ben nunha acción concertada contra unha moeda –como sucedeu no ano 1992, cando os fondos de pensións atacaron o Sistema Monetario Europeo especulando contra a libra– ben contra os títulos de débeda dun país –como sucede agora nos casos de Grecia, Portugal e España– para que logren os seus obxectivos de influír nas orientacións da política económica dese país.
Moito mais fácil resulta se, previamente, conseguen que estes países acepten cualificacións de risco crediticio emitidas por sociedades –axencias cualificadoras de riscos: Moody´s, Standard&Poor´s e Fitch– con as que os axentes financeiros comparten intereses e que actúan ó seu ditado contra os países que deciden atacar como agora ós da zona euro.
O Senado dos Estados Unidos probou que estas sociedades recibían cuantiosas primas dos axentes financeiros por emitir informes sempre favorables ós seus intereses e tamén que foran cómplices da grande especulación que incubou a crise financeira do 2007.
Evidentemente estes actores dos mercados financeiros traballan sobre seguro. É frecuente atoparse con que altos responsables de gobernos e de entidades públicas financeiras estiveron antes vinculados cos actores financeiros mais potentes. É público e notorio que a banca Goldman Sachs, un dos maiores propietarios de fondos especulativos e con fortes lazos coas axencias de ráting, tivo e segue tendo representantes destacados nos sucesivos gobernos estadounidenses en lugares tan decisivos como o Departamento do Tesouro ou a mesma Presidencia.
Tamén contan con relevantes e influentes altofalantes mediáticos: Wall Street Journal, Financial Times, The Economist…, que buscan convencer os cidadáns do comportamento sempre correcto e axeitado dos axentes financeiros.

Os plans de axuste estrutural

Estes axentes financeiros, cando lanzan os seus ataques especulativos contra un país, non soamente buscan as ganancias inmediatas derivadas das súas operacións financeiras senón que ademais queren forzalo, unha vez que o colocaron nunha situación de extrema debilidade financeira, a adoptar determinadas políticas –os famosos “plans de axuste estrutural”– que camiñan na senda das máis amplas liberalización e privatización económicas. Contan para iso coa inestimable axuda das institucións financeiras internacionais (Fondo Monetario Internacional e Banco Mundial) ás que agora parece ser que se suman os fundamentalistas da UE (BCE, Bundesbank…).
Liberalización e privatización que supoñen austeridade orzamentaria, liberalización de prezos dos alimentos e das materias primas, alza de prezos dos combustibles e dos servizos públicos, diminución dos salarios reais, liberalización e flexibilización das regulamentacións do mercado de traballo, liberalización do sistema bancario, privatización de empresas públicas, reformas impositivas, reformas das pensións, abandono de políticas e programas sociais.
Liberalización e privatización que supuxeron, na maioría dos países onde estes plans foron implantados, un empobrecemento masivo e un elevado custo social.

Grecia como vítima

O problema actual de Grecia no é nin o déficit público (13,6 por cento do PIB) nin a débeda pública acumulada (113 por cento do PIB) que, se ben superan claramente os criterios do Tratado de Maastrich, non resultan un caso excepcional nos países mais desenvolvidos (Gran Bretaña, por exemplo, ten un déficit público superior).
O problema actual derívase dos factores que anteriormente subliñei: a adopción de políticas fiscais restritivas que miran ós mercados exteriores para a procura de financiamento nun contexto de crise financeira internacional provocada por prácticas especulativas, nun marco europeo ríxido fixado por uns criterios de converxencia moi restritivos. Criterios que Alemaña vixía que se cumpran escrupulosamente pero que, como dixen, favorecen os ataques especulativos.
Grecia, como a maioría dos países da Unión Europa, viu medrar o seu déficit pola caída da actividade froito da crise financeira. Para afrontar este déficit actuou como moitos dos gobernos europeos, adoptando unha política conservadora: acudindo ao financiamento externo e non incrementando os ingresos fiscais. Os conservadores sempre subliñan que os déficits públicos son consecuencia duns gastos públicos excesivos e non duns ingresos públicos escasos.
Este financiamento foi conseguido polo goberno anterior emitindo títulos da débeda que foron adquiridos por actores financeiros –aseguradoras e bancos alemáns pero tamén outros actores financeiros– que actuaron con eles de xeito moi semellante a como fixo a banca financeira estadounidense coas hipotecas subprime: especulando. Converténdoos en títulos sobre a débeda tipo CDS mediante os hedge founds respectivos –títulos especulativos que lles producen ós seus propietarios/especuladores unhas ganancias enormes por ver inflados os seus valores grazas á especulación–.
A suba especulativa dos prezos –moitas das veces en base a apostar polo risco de insolvencia dun país como pasa con Grecia– supón unha suba imparable do custo global da débeda: uns gañan –os especuladores propietarios dos CDS e dos títulos da débeda– mentres outros perden –neste caso o goberno grego, que emite os títulos para amortizala súa débeda–. Grecia aparece así como vítima dun ataque especulativo.

Grecia como experimento
Se agora lles botamos unha ollada ós principais puntos do acordo relativos ás “reformas” que se lle impoñen a Grecia veremos a real dimensión do “axuste” –que non é mais que unha nova copia dos xa citados plans de axuste estrutural–: austeridade orzamentaria (redución do déficit dende o 13,6 por cento actual o 2,6 por cento no 2014), recorte dos investimentos públicos, diminución dos salarios reais (conxelación dos soldos dos funcionarios durante tres anos, eliminación de pagas extras), reformas das pensións (conxelación dos importes,  endurecemento das condicións de acceso e nos sistemas de cálculo do importe), privatización de empresas públicas, liberalización de servizos (enerxía, transporte), flexibilización das regulamentacións do mercado de traballo (reforma do mercado laboral, redución nos custos das indemnizacións por despido), reformas impositivas (incremento do IVE, dos impostos sobre alcohol, tabaco e combustibles…), etc.
O pobo grego –as clases populares– van pagar moi caro o “axuste”, como antes lles pasou ós mexicanos, arxentinos, brasileiros, asiáticos, rusos…..: impoñer unha política restritiva cando a recuperación non está en camiño, xerará un alongamento da crise na que perderán especialmente as clases populares.
Iso si, a banca grega non ten de que preocuparse –os seus socios coidaron ben dos seus intereses–: o 10 por cento do fondo de rescate, uns 10 millóns de euros, irán destinados a reflotar o sistema bancario heleno se for mester.
Como di J. Stiglitz, “o paradoxo é que lles demos ós bancos un cheque en branco para salvalos, e agora a axuda que se pon a disposición de Grecia ten uns custos excesivos”.
Grecia é, tamén, un experimento. Detrás dela outros países da zona euro –empezando polos PIIGS– serán obxecto de ataques especulativos: os especuladores son insaciables.

Se Europa quixera…… queimaría aos especuladores

Pero, aínda que pareza incrible a realidade podía ser outra, se Europa quixera.
Se Europa quixera podería poñerlle freo ás prácticas especulativas no seu territorio e mudar as políticas públicas que aboan o terreo a aquelas substituíndoas por políticas expansivas como fixeron aqueles países que deste xeito non sufriron a crise en demasía –Asía Oriental e Asia Meridional–, ou conseguiron saír cedo e en boas condicións –Australia, América Latina e o Caribe–. Estes países están a facer –en materia de política fiscal e monetaria– todo o contrario do que se lle está a esixir a Grecia e o resto de países da UME.
Se Europa quixera….. queimaría os especuladores e sería máis solidaria. Pero este tema pode quedar para outro artigo.

Artigo publicado no número 158 de TEMPOS Novos, de xuño de 2010.



Por unha Galiza neofalante

Martes 15 de Xuño, 2010
Marcos Abalde Covelo

Durante o século XX viuse moi minguada tanto a cantidade das persoas galegofalantes (ruptura interxeracional) como a propia calidade do galego (hibridación). Na sociedade nada é natural nin espontáneo. Só un uso brutal da violencia simbólica e física puido provocar semellante asimilación lingüística. A migración masiva ás cidades acelerou este proceso que aínda hoxe é lexítimo por unha idea forza fundamental: todo galego é un mal galego. Se é estándar porque é un galego da tele, inventado, de libro. Se é dialectal porque é un galego de cortello, castrapo, de pailáns. Para boa parte da mocidade, a inmersión no castelán é case total por causa da diglosia familiar, do ensino e dos medios de comunicación. O noso pobo ten un trauma coa lingua, mais calquera trauma é unha posibilidade de crecemento. Acabarmos co racismo lingüístico será a única maneira de o superarmos.

Neste contexto, todos e todas deberiámonos considerar neofalantes e neoescribintes, independentemente da idade de (re)instalación no galego, pois o fulcral é racharmos co apartheid, acrecentarmos os usos do idioma e así restituírmos a dignidade colectiva. «Para os neofalantes que ceibarán Mátrix», deste modo dedicaba O’Leo un dos textiños do seu libro Hai cu. A persoa neofalante como construtora da súa propia historia lingüística, non como vítima. A persoa neofalante consciente, dignificad(or)a, que ultrapasa a diglosia. Cómpre esforzo, seguranza e estudo dun idioma de calidade non subordinado ao castelán e libre da miopía imposta polas fronteiras do Estado. Canto podemos gozar cos produtos culturais de países galegófonos como Portugal ou Brasil!

A xente nova non fala na lingua das nais; fala, canta, ri, ama na lingua das amizades. Na actualidade, non fai sentido subliñar a lingua materna. Acho moito máis importante asumirmos o galego como lingua fraterna, lingua que escollemos, das irmandades, dos irmáns e irmás galegas. Fan falta referentes que transmitan entusiasmo e animen a dar ese paso para adiante, pois o galego co mamarmos non chega.

Son moitos os preconceptos contra as persoas neofalantes e ningún contra as «neohablantes» de castelán. A estas últimas, ninguén as increpará polo seu mal castelán, nin por usaren un castelán pouco castizo, nin ninguén lles pedirá explicacións, nin lles preguntarán se pertencen a este ou aquel partido. Imaxinan que a súa lingua é neutra. Hai outra xente que quere erguer un muro entre galegofalantes e pensa que a falante inicial é unha falante de primeira, de pedigrí e a neofalante, unha de segunda, de palleiro. Esta idea nega a propia posibilidade da aprendizaxe e alias esquece que a proxenie dos e das neofalantes xa será falante inicial e, sen corromper ningunha esencia, dirá neopalabras tan fermosas como «vermello», «cadeira», «avó», «grazas» ou «portaluvas».

Esa teima das persoas neofalantes por empregaren unha lingua plena en todas as ocasións crea unha comunidade de (neo)falantes á súa volta. Elas están a protagonizar un proceso de descolonización que traza o retrato dunha nova Galiza, dona de si, sen complexos, libre. O propio Castelao, que con nove anos emigrou á Arxentina, volveu a Rianxo falando castelán. Será de adulto cando tome consciencia da situación da lingua e opte polo galego. Así é como se transforma a sociedade, como se deixa de obedecer e se comezan a tomar decisións, como a persoa pasa de ser un súbdito a ser un cidadán. O futuro do galego está no suburbio, no apartamento, na mocidade, nas e nos neofalantes. Como afirmaba Belén Regueira: «Galiza será neofalante ou non será».

Artigo recoñecido cun accésit no VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2010



A procura do tesouro

Martes 15 de Xuño, 2010
Marica Campo

É ben coñecido o conto aquel dun pai que, tendo uns fillos nugalláns, decidiu darlles unha lección póstuma e asegurarlles así o futuro. Anunciáballes no testamento a existencia dun tesouro nas terras que herdaban. Os fillos, movidos pola ambición, deixaron atrás a preguiza e dedicáronse en corpo e alma á procura do tesouro. Cavaron e cavaron até converter os terreos ermos nun verxel. Non tardaron en se decataren de que o achado era a feracidade daquelas terras.

Se cadra a nós tamén nos teñen falado do tesouro que é a nosa lingua propia, o galego; mais non acreditamos na verdade do anuncio. Coidamos que se trata dunha cuestión puramente sentimental, afastada da razón práctica. Unha atadura ao pasado que non leva a ningures. A onde nos trouxo este pensamento é doado de constatar. Os bens que pode xerar unha maior identificación co noso están aínda sen explorar abondo. Non parece errada a idea de que coa lingua recuperariamos o orgullo de sermos nós e, co orgullo, a capacidade de pensarmos unha Galiza menos dependente, máis creativa e, daquela, máis próspera. Nesta órbita se moveu o pensamento de Pondal e, consonte ao que deixou escrito, non semella apócrifa a súa resposta á pregunta de por que non prospera Galiza: «Porque renunciou á súa lingua».

O noso eido, como o do conto, está inculto e cheo de malas herbas. Estas son os prexuízos que inzaron por toda a parte e impiden a puxanza dos gromos, que os hai.

Entre as ortigas do pailanismo que nos leva a considerar superior todo o que vén de fóra, pugna por se abrir paso cara á luz a planta da conciencia dun pobo que ten na fala de seu o máximo expoñente e o máis puxante motor. Fronte aos saramagos do autoodio, a autoestima tenta o seu camiño. Mais unha especie nova vén sumarse ás que afogan o seu crecemento. Chámanlle imposición e compárana coa que se fixo do castelán outrora. A falacia do argumento evidénciase cun símil que pode parecer antigo: Non é o mesmo destronar un rei lexítimo que repoñelo no seu trono. Certamente non leron a Paulo Freire na súa Pedagoxía do oprimido, perfectamente aplicábel ao caso do galego. Segundo o autor brasileiro explica, mentres o opresor lle impide ao oprimido ser, o oprimido loita por este dereito. E, o que non é menos importante, os opresores, a prohibir que os outros sexan, non poden á súa vez ser. Daquela, ao retirarlles o poder de esmagar, restáuraselles a humanidade que perderon no uso da opresión.

Cómpre, xa que logo, unha revolución ecolingüística para erradicar as malas herbas e achar o tesouro. Temos o plano ben trazado coas palabras dos que nunca esqueceron a súa situación, Novoneyra por exemplo: «Recóllote da TERRA, estás mui fonda». Temos a forza do amor para converter a que tería que ser, en orixe, lingua materna, en lingua filial, amical, do ensino, do traballo e dos negocios. Se a cadea de transmisión quebrou na natural sucesión de elos, é preciso recompoñela como sexa, mesmo deixando á parte a súa configuración lineal e converténdoa en rosa dos ventos. Si, a sinalar todos os rumbos da existencia, a conxurar a pauliña de séculos que nos afastou do noso ser auténtico e nos desherdou.

Porque sucede que, por moito que teimemos en ignoralo, as cousas do corazón e as cousas de comer están misteriosamente unidas. Mais sucede tamén que aquelas son as primeiras no acontecer dos feitos.

Artigo gañador do VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2010



Día das Letras Galegas: afectos que atallan distancias

Xoves 20 de Maio, 2010
texto: Comba Campoy

Partiamos dunha sensación de desgaste, de que pouco resta por probar para facer deste día unha celebración compartida e vivida intensamente. A calor da conversa fíxonos ver que, como deixou escrito o homenaxeado este ano, a forza do noso amor non pode ser inútil.

Nova vida ao feliz invento
Que pensará Don Paco del Riego do que deu de si a súa idea de adicarlle un día ao libro galego? Ninguén dubida que foi fundamental para o desenvolvemento da cultura galega nos case cincuenta anos transcorridos desde aquel ano fundacional de 1963. Euloxio Ruibal considera indiscutíbel o éxito da celebración. “O que medrou o sistema literario galego desde aquela non podería ter sido sen o Día das Letras Galegas”. Luís González, “Foz”, achega un detalle pouco coñecido. “Paco del Riego escolleu o dezasete de maio, o día no que veñen asinados os Cantares Gallegos, pero tamén o aniversario da constitución das Irmandades da Fala. E non creo que iso se lle escapase á súa cabeza que está aínda moi ben”. Desde a súa orixe, a celebración tivo unha orientación claramente política, aínda que o momento recomendase centrala no aspecto máis cultural. Nesa liña, Branca Novoneyra lembra como seu pai traballou intensamente nos días lindeiros co 17 de maio, porque “a súa visión era traballar nun pobo cunha conciencia nacional mínima, no que é moi importante unha celebración e unha reivindicación da lingua e da escrita, como é o caso das Letras”. Na cativa repercusión social atopa Bragado o problema. A diferenza do 23 de abril, onde a sociedade catalá se mobiliza de xeito masivo, o Día das Letras non conseguiu converterse, como quixera Del Riego, “nunha data de orgullo para a cidadanía galega”. Por iso, sen negar todos os elementos que fan da conmemoración imprescindíbel, “temos que darlle unha volta”.
Cal pode ser a causa dese afastamento da sociedade? Bragado pensa que “a Academia puido caer nunha certa ritualización da celebración, á que non foi alleo o goberno galego, especialmente os do PP, que non axudaron a popularizar a data”. Os medios de comunicación (os comerciais, puntualiza) terían sido cómplices desa liturxización. “Algúns anos sacaban as portadas en galego ese día, agora se cadra atopamos sorpresas. Sacan un suplemento, porque é o único día no que os editores poñemos publicidade; unha sorte de imposto revolucionario que temos”. Euloxio, quen, dadas as diferenzas entre as sociedades galega e catalá, considera inxusta a comparación co Sant Jordi, insiste en que non se pode falar de fracaso da celebración, dada a cantidade de actos que se celebran ao seu redor. Respecto da ritualización da data, achega unha nova perspectiva ao problema, sen negalo. “Que pode facer a RAG no Día  das Letras? Pois un acto académico. Nos últimos anos estase organizando ademais un congreso ao redor da obra e da vida do homenaxeado. Os países, sobre todo os que están na nosa situación (desprotexidos, minorizados) necesitan máis ca outros de ritos. Necesitan xuntarse, reforzar ideas comúns, porque estamos en pleno proceso de construción da identidade, e temos demasiados atrancos”. Unha idea na que coincide Foz: “Non sei por que nós temos que desmitificar a Breogán ou Pardo de Cela, cando os españois mitifican Viriato, pastor lusitano, ou o Cid, un mercenario inventor do cheque sen fondos como ben saben os xudeus de Carrión. Os que queren desmitificar, que comecen por eles”. Máis alá do elemento simbólico, e volvendo á problemática sobre o alleamento social do Día das Letras, Euloxio exculpa a Academia, cuxa función se limita á escolla da figura homenaxeada. “A RAG propón e é a sociedade a que ten que poñelo a funcionar. E os gobernos, que teñen a obriga, que non están a cumprir, de defender e promover a cultura galega”. Nel Vidal coincide na exoneración á Academia de responsabilidade no que el denomina “rutinización” da conmemoración. “Todos sabemos o que se vai facer, ano tras ano. Cambia a autora ou autor pero os concellos fan actos seguindo un esquema coñecido (conferencias, maratóns de lectura, compra de libros para repartir…); Política Lingüística fai a mesma exposición cambiando o autor todos os anos; os movementos de defensa da lingua convocan a mesma manifestación… Unha falta de imaxinación da que somos responsábeis todas e todos. Temos que cumprir, se queremos que algo cambie, un papel máis activo e imaxinativo”.

Reedicións e revisións, máis compromiso ca negocio
En contra do lugar común, as Letras Galegas non constitúen un negocio. Tampouco para as editoras. “O mesmo que se considera popularmente, e moitas veces dino os responsábeis políticos, que o libro galego é un sector subvencionado, considérase que os libros que se publican arredor do autor homenaxeado son todos subvencionados ou son enormes negocios”. Explica Bragado que, malia o esforzo por aproveitar a prescrición escolar dos libros editados, “non conseguimos o obxectivo fundamental, que Novoneyra por exemplo presidise este ano as cifras dos libros máis vendidos en galego”. Pedreira insiste no seu desánimo respecto do seu gremio. “Non hai compromiso, non só no día das letras; o resto do ano ocultan o libro galego dos escaparates. Tamén nas feiras do libro, que acaban de eliminar a obriga de ter o 30 por cento de libro en galego”. Por iso Mercedes non entende que se acuse de oportunismo aos axentes culturais que aproveitan a figura homenaxeada para colocar as súas obras no limitado mercado cultural galego. “Sempre saudarei toda produción que provoque o 17 de maio, independentemente do seu formato, por suposto sempre respectando a obra do autor escrupulosamente”. Sobre iso pode falar Branca Novoneyra, nun ano no que á súa familia lle están a chover as propostas desde distintos ámbitos da creación. “Traballamos, desde antes de comezar o ano, para que a súa obra sexa reeditada tal e como el quería. Porque Uxío deixou pechado todo o que quixo dicir. Aínda que con boa intención, algunha xente traballa desde a simplificación e o reducionismo da figura das letras. Este ano nós quixemos evitar iso, e se houbo que bloquear proxectos, bloqueáronse. Aínda así, colaboramos coa maior parte da xente que presentou proxectos rigorosos, e sobre todo coas editoriais, porque o que nos interesa é que a figura de Uxío quede nas súas obras. Nalgúns momentos tendeuse a esvaecer a figura das letras sobre a súa biografía, cando realmente o que hai é que lela. As nosas xeracións teñen que facer a relectura actual que non se podía facer hai 50 anos. Non é o mesmo falar de Os eidos agora que hai 30 anos”. Outra cuestión complexa é a xestión dos dereitos de autor, máis nun caso como o de Novoneyra, que finou hai só dez anos.”Parece que porque son as letras galegas a figura é de todos. E neste caso non é así; é un autor cunha propiedade intelectual moi clarificada, e a familia mirou moito que a súa palabra estivera axustada ao que el quixo, porque consideramos que é a única forma de que esta persista e que sexa un referente potente e activo para a sociedade, máis aínda neste ano”.

O texto completo da tertulia pódese consultar no nº156 de TEMPOS Novos, de Maio de 2010.



Uxío di-verso

Xoves 20 de Maio, 2010
Algúns momentos da conversa entre Carme Blanco e Paco Martín arredor da figura de Novoneyra

Paco Martín: Coñecín a Uxío nos anos 60, en Lugo, dunha vez que veu de Madrid. Coido que aló pasou unha época fundamental. De feito, escribiu Os eidos á volta da súa primeira estadía naquela cidade. É posíbel que en Os eidos influíra o feito de ter estado en Madrid, porque esa comuñón…
Carmen Blanco: …coa natureza, coas cousas todas…
P.M.: Si, coas cousas da natureza, que el humaniza. Eu recordo que lle gustaba moito gadañar, e que o facía moi ben: “Gadaño cada vrao por mil, miles de flores”, escribira. Dicía que sempre nacían moitas máis flores onde a herba fora gadañada e que así el, o home, estaba participando respectuosamente do ciclo da natureza… A canción da fontiña é soamente dela, pero “ten unha cousa miña pola que podo entendela”…
C.B.: O gadañar está na súa poesía. No seu testamento intelectual, en Dos soños teimosos, explica que nese motivo procura un dos ritmos base da poesía de Os eidos, esa poesía que asenta nos sons e nas músicas do Courel, nas músicas da natureza pero tamén dos traballos e das xentes.
P.M.: Supoño que hai que ser do Courel ou vivir nel para ter esa proximidade coa natureza. A xente de Parada, onde el naceu e viviu, era especialmente afouta.
C.B.: Novoneyra é un home moi do Courel. Realmente é un home antigo do Courel, un patriarca courelao, e iso déixase ver na súa poesía en todo momento, e por isto a súa obra ten un  gran valor antropolóxico. Puxo en verso moita palabra que escoitou alí no Courel porque é un poeta da lingua-fala.
P.M.: En Os soños teimosos afirma, tallante, que a lingua é o elemento que define Galicia. Estou seguro que este ano van aparecer polo Courel unha chea de negacionistas do galego, dos que están facendo o posíbel por desfacerse del, a falar ben de Novoneyra e a gabar o seu labor literario, coidando moi ben de esquecer esta afirmación.
C.B.: Uxío Novoneyra, ao final, e así  o di no seu testamento intelectual, colleu a lingua como bandeira practicamente única de Galicia. De todas as maneiras, Novoneyra é moitos poetas e é tamén un poeta en lingua castelá nos seus comezos. E é un poeta máis aló das linguas. Na súa poesía dos últimos anos nótase unha gran nostalxia de tempos pasados. O que é lóxico. Ía ao Courel e víao sen xente, coa poboación avellentada. Aínda que sempre mantén a teima da esperanza e do futuro que quere para O Courel, déixase levar pola elexía, pola dor pola perda da lingua, da xente e do vello mundo rural.
Alén o Courel
P.M.: Eu case ousaría dicir que aqueles primeiros poemas seus en castelán teñen un algo lóxico, de circunstancial… El é, e el séntese, en verdade poeta cando o é en galego. Certo que as súas estadías en Madrid foron fundamentais pero cando desde alí olla a serra o que se lle debuxa é O Courel. Nel encarna a Galicia súa, as patrias… Soubo tamén ser lugués e compostelán ademais do que puidese coller de madrileño, sobre todo do café Gijón, onde pasaba horas cada día na compaña de Carlos Oroza. Paco Umbral bate con el cando chega aló por primeira vez e, no libro dese título, defíneo como “gallego catedralicio”…
C.B.: É que era grande como unha catedral. El ten un verso no que di que Lugo, Madrid e Compostela son cada unha a súa cidade. E na súa poesía están. Está Lugo moi presente. Está Madrid, na serie “Elegías de Madrid”, incluída en Elegías del Caurel y otros poemas. Non podemos ficar no tópico de que Uxío é só poeta do Courel. É un poeta de verdade, e entón éo de todas aquelas cousas coas que viviu e que lle interesaron. É poeta do rural, pero tamén da metrópole, das cidades, de Compostela, das vilas como Monforte e Quiroga, ao pé do Courel…

Uxío diverso
C.B.: Uxío recolle a vida en toda a súa complexidade, e por iso hai moitos Novoneyras e moitas voces diferentes no poeta ao longo da súa traxectoria, incluso dentro da poesía política. “A Letanía de Galicia” e o “Vietnam canto”, aínda que teñen elementos comúns son totalmente diferentes. O primeiro está baseado na síntese, na concentración conceptual, perfectamente pensado e organizado. En cambio, “Vietnam canto” é un poema máis aberto dende o punto de vista formal. E logo ten eses magníficos poemas políticos, os máis libertarios, os máis profundamente libres, eses poemas dun só verso moitas veces, que enlazan co “Bailas e fasme libre”, como “Os que así nos tein só ten noso os nosos nomes no censo”. Son poemas dunha liberdade absoluta e total e para sempre, máis alá daqueles puntuais que fan referencia a un momento político concreto, aínda que entre estes hainos tamén moi fermosos como o dedicado aos obreiros mortos en Ferrol no 1972.
P.M.: Uxío é tamén un gran poeta do amor. Lémbrome daquel verso que di “Nunca fun como te amo”. El é capaz de sintetizar esa marabilla que é o amor e facelo nun só poema.
C.B.: É un poeta profundo do amor, con modalidades moi diferentes ao longo da súa vida. Porque Uxío canta a beleza da vida. Ten un verso precioso no que di: “Amo e esixo a beleza”. Esixe esa beleza que é todo o bo da vida, que é a liberdade, a paz e o amor, e que é o que temos que esixir en cada momento. É ese Novoneyra, o da beleza máxima, o que máis me gusta.
P.M.: Uxío ten unha chea de cousas nas que demostrar esa delicadeza propia do amor.

Escritor dun só libro?
P.M.: Nunca me gustou moito o que algúns dicían de que Novoneyra era escritor dun só libro e que non fixera máis nada. E hai quen o segue dicindo.
C.B.: Ten moitos libros e é poeta de moitos rexistros. A cantidade só é un valor se vai unida á calidade. O importante é que os seus son libros de peso, de calidade, diversos, con voces moi varias e un traballo constante na mellora, na limpeza da palabra, moitas veces borrando até deixar un só verso, pero outras veces tamén ampliando. Fai unha revisión constante, e ese é o seu gran valor. El é un poeta en movemento e en recreación permanente.
P.M.: Sei que moitos escritores novos admirábano. Mais din que non influíu moito noutros poetas. Supoño que non é fácil facer un tipo de poesía como a que el facía. As circunstancias sociais, culturais e económicas son, ademais, por completo diferentes, e hoxe non é moi doado escribir da terra desde dentro dela….
C.B.: É que Novoneyra é Novoneyra, e cadaquén terá que ser cadaquén. A de Uxío é un exemplo magnífico de poesía. E iso inflúe moito máis do que se pensa, como modelo de obra ben feita. El, que aprendeu moitísimo de toda a mestría da poesía, tanto galega como universal, en cambio non imitou totalmente a ninguén, por iso é un gran poeta. E se nalgún momento imitou, despois deixouno de lado. Colleu aquilo que lle interesou doutros poetas para metelo no seu mundo, sobre todo, no que se refire a autores anteriores, de Rosalía mais tamén de Pondal e Pimental, e tamén doutros moitos novos.
P.M.: Mais unha figura do tamaño da súa parece como se tivera que crear escola. Uxío foi independente até niso, non tivo necesidade de ter que crear ningún tipo de escola.

O texto completo da conversa pode consultarse no número 156 de TEMPOS Novos, de maio de 2010.



A cultura no sobrado

Xoves 15 de Abril, 2010
Miguel Vázquez Freire

Á hora de facer un reconto da traxectoria do novo goberno en política cultural,  é difícil subtraerse á tentación de levar o acento sobre as sonadas metidas de pata do señor Conselleiro (a cultura galega “ensimismada”, “Toro y el Desván de los Monjes”). Con todo, poderíase aceptar que nelas non cabe ver máis que simples, aínda que malfadadas, anécdotas sen maior significación, se estas se acompañasen dunha executoria que viñese desmentir a imaxe de desprezo e ignorancia da cultura propia que por desgraza parecen traducir. Pero non hai tal desmentido senón que, ao contrario, a acción da Consellería no ano transcorrido confirma algún dos peores vaticinios que faciamos nun artigo publicado hai un ano (A política cultural e lingüística que vén, TEMPOS Novos, nº 145).

AGADIC SEGUE… OU NON SEGUE?
Na Consellería de Cultura reprodúcese a mesma pauta que moitos observadores e analistas teñen sinalado con respecto á política xeral do novo goberno: unha vontade case insaciable de destruír todo vestixio da acción gobernamental do bipartito, mesmo aínda que en ocasións isto reverta en graves disfuncións na continuidade institucional. Alguén podería pensar que a excepción se dá con AGADIC, xustamente unha estrutura que no programa electoral do PP recibía as maiores críticas, ata o punto de postular a súa desaparición. AGADIC, pola contra, segue pero… boa parte dos organismos que dependen dela foron descabezados e mantéñense nun funcionamento case vexetativo. Isto é o que acontece co Centro Dramático Galego e co Centro Coreográfico.
(…)

TEATRO E DANZA
No CDG procedeuse case inmediatamente ao cesamento da directora e, nun primeiro momento, á suspensión de toda a programación xa acordada. É doado interpretar que foi o temor a ser acusados de censores ideolóxicos o que finalmente forzou a aceptación da montaxe de As actas escuras, controvertido premio Xacobeo do desaparecido Vidal Bolaño, que xa sufrira no seu momento unha forma de censura por parte dun goberno do PP. Daquela o premio incluía o compromiso de representación pero esa representación foi vetada, sen dúbida porque non pareceu oportuno que unha obra que escenifica a mentira histórica do “redescubrimento” dos restos do apóstolo fose representada co “patrocinio” dun goberno que simultaneamente promovía os fastos xacobeos que se alimentan daquela mentira. Debemos aplaudir que agora un novo goberno PP se atreva a facelo? Máis ben cómpre congratularse simplemente de que non se teñan atrevido a reiterar outra volta a mesma censura.
Pero, desde o punto de vista institucional, a diferenza do feito co CGAG, neste caso, primeiro, deixouse sen dirección ao CDG sen agardar a consumar a transición e, segundo, convocouse un concurso para seleccionar ao novo director que implica unha notoria desvalorización da súa figura, a comezar por unha diminución nos emolumentos con respecto aos que cobraba a directora precedente. Como cabía esperar, a convocatoria concitou unha moi limitada resposta. Veñen de darse a coñecer os resultados: presentáronse só cinco persoas, das cales dúas foron excluídas por defecto de forma. Sen menosprezo das tres persoas entre as cales terá que seleccionarse o novo director ou directora, é evidente que o concurso non atraeu a primeiras figuras do eido teatral, nin do ámbito específico galego nin moito menos do internacional.
(..)

ENTRE A IMPROVISACIÓN E A PARÁLISE
A mesma combinación de improvisación e parálise obsérvase no ámbito do audiovisual. Con razón foron criticadas no seu momento as desavinzas entre PSOE e PP que se traduciron nun confuso reparto de competencias entre dous organismos, o Consorcio Audiovisual, dependente de Presidencia, e a Axencia Audiovisual Galega, adscrita a Cultura. O novo goberno podería aproveitar o mal antecedente para impoñer unha nova racionalización. Pero, que fixo? Desmantelar os organismos herdados sen ofrecer nada a cambio. Neste momento, o Consorcio existe só sobre o papel, o antigo xerente dimitiu hai tempo, todo o persoal foi expeditivamente despedido e tan só se mantén unha persoa encargada, supoñemos, de atender o teléfono e abrir e pechar as portas da nada.
(..)

XACOBEO E CIDADE DA CULTURA
Cabería agardar, cando menos, que nas dúas iconas culturais que o PP reivindicou como propias, o Xacobeo e a monumental Cidade da Cultura, o balance fose máis positivo. Non é o caso senón que se repite o mesmo esquema: primeiro se destrúe, logo iníciase devagariño unha marcha sen unha dirección clara. No que respecta ao primeiro, a irresponsabilidade da acción destrutora faise se cadra máis evidente, dados os prazos perentorios cos que se contaba diante da inminencia do novo Ano Santo. Non importou. Tirouse abaixo non só co vello equipo do Xacobeo, senón coa maioría das medidas adiantadas (incluído o deseño dunha imaxe promocional e logotipo, xa pagados), e contratouse un novo equipo, traído de fóra de Galicia, ao que se encargou reinventar o deseño (coa conseguinte duplicidade de custos para o erario público, aquí as esixencias de aforro en época de crise non son de aplicación).
Máis recentemente, a adxudicación do Plan de Medios a unha empresa publicitaria madrileña vinculada a Miguel Ángel Martínez, ex-voceiro do goberno de Aznar, provocou unha interpelación parlamentaria dos partidos da oposición. Resultados? Un lema que semella inventado polo amante dos tópicos sobre os galegos (non se sabe se afirma ou pregunta) e, como teñen denunciado desde os sectores turísticos, dous meses perdidos sen programación. Sen dúbida a crise tamén puido influír nas pésimas cifras destes primeiros meses (moi inferiores en visitas e ocupación hoteleira, en comparación co Xacobeo precedente), pero o fracaso é inapelable.

O artigo completo pode consultarse no nº155 de TEMPOS Novos, de abril de 2010.