Austeridade
[2 comentarios]O concepto austeridade está moi imbricado nunha sociedade como a nosa que ten na tradición xudeucristiá un dos seus elementos constitutivos. Pola propia xénese do cristianismo –a relixión dos pobres– a falta de ostentación ou o desprendemento material foron considerados valores positivos. Porén se desde o mesmo comezo houbo contradicións entre o discurso e a práctica da igrexa no que ten a ver coa austeridade (a primeira xa cando Cristo ten que botar aos mercaderes do templo), aquelas –por poñer outros exemplos– aflorarían de xeito especialmente incisivo nos debates escolásticos entre benedictinos e franciscanos do s. XIII (lembrar O nome da rosa) e, xa máis preto de nós no tempo, nas disputas entre o Vaticano e os cregos da Teoloxía da Liberación.








