TemposDixital


Novembro 12th, 2009

É Somalia un estado pirata?

Xoves 12 de Novembro, 2009
Roberto Mansilla.

Encravado no Corno de África, probablemente a característica principal que define a Somalia é a dun “Estado-fracasado”, categoría política occidental que identifica aos países con escasa ou nula capacidade para manter e garantir un mínimo de gobernabilidade e estabilidade política e territorial.

Cunha poboación de pouco mais de 9 millóns de habitantes, Somalia é noticia nos últimos tempos debido á proliferación da actividade de diversos grupos dedicados á piratería no Océano Índico e no Golfo de Adén, elemento que acrecentou a percepción exterior dun “país paria”, dominado por unha diversidade de milicias e faccións armadas afastadas dunha autoridade centralizada desde a capital Modadiscio.

Caos interno e islamismo radical
Ex colonia italiana e británica independente desde 1960, Somalia ilustra un foco constante de guerras civís acaecidas desde 1991 entre unha multitude de clans tribais e políticos, afectando seriamente á súa integridade territorial e, por conseguinte, a estabilidade sociopolítica dun país sumamente economicamente pobre, dependente dos seus recursos pesqueiros pero con importantes xacementos de petróleo, gas natural e minerais.

O réxime de corte socialista e prosoviético instaurado por Siad Barre tralo golpe militar de 1969 configurou un mínimo de estabilidade política que se derrubou progresivamente coa súa caída en 1991. Dende entón, Somalia transita por unha prolongada etapa de inestabilidade, caos e anarquía política, que levou incluso á práctica secesión territorial da república de Puntlandia, ao norte do país (precisamente o territorio que alberga a maior actividade da piratería nos últimos anos), así como doutros territorios como Somaliland e Jubaland.

Paralelamente, a rivalidade coa veciña Etiopía, Quenia e Eritrea, deu paso a constantes invasións militares dos exércitos destes países, especialmente no caso etíope, como ocorreu recentemente en 2006, que colocaron a Somalia como unha especie de laboratorio experimental dos conflitos rexionais no Corno de África.

Cómpre tamén considerar a presenza desde 1991 de milicias armadas islamitas, aparentemente agrupadas na Unión dos Tribunais Islámicos (UTI), que constantemente ameazan a autoridade do débil Goberno Federal Transitorio (GFT) instaurado en Mogadiscio en 2004, con apoio e recoñecemento occidental. Como aparente foco do “islamismo radical” no Corno de África, Somalia foi inmediatamente identificado por EEUU como presunto albergue do terrorismo islamita afiliado á rede de Al Qaeda, razón que motivou a Washington en 1993 a realizar unha fracasada invasión militar de Somalia.

A piratería somalí
A caótica situación interna, que provoca o drama humano dos desprazados e refuxiados dos conflitos internos,  xunto á falta dunha autoridade central estable e viable e a proliferación de faccións armadas que controlan diversos territorios e a pobreza socioeconómica, configuran un panorama proclive á manifestación de actividades como a piratería nas augas da plataforma continental somalí no Océano Índico e no Golfo de Adén.

Os piratas, con principal centro de operacións na poboación de Eyl, en Puntlandia, e unha notable utilización de tecnoloxía de armamentos, móbiles e identificación satelital, utilizan esta actividade como un evidente mecanismo de prestixio social entre os seus propios clans, así como elemento para saír de situacións de pobreza, con claro coñecemento de non existir unha lexislación pública internacional que permita actuar legalmente con efectividade ante piratería marítima. Os eficaces medios con que contan para realizar a piratería dá a entender un posible e activo tráfico de armamentos e contrabando de tecnoloxía no Golfo de Adén.

Segundo estimacións da International Maritime Boureau, os piratas somalís obtiveron ganancias de aproximadamente 100 millóns de dólares en 2008, básicamente utilizados no reparto do botín, o suborno aos oficiais locais e a compra de armamento e tecnoloxía para as súas actividades.

    Paralelamente, entre a diversidade da piratería somalí, conformouse un grupo denominado “Garda Costeira Voluntaria de Somalia”, lexitimando as súas actividades como mecanismo de defensa para os seus caladoiros pesqueiros, acusando ás compañías e países occidentais da presunta “explotación indiscriminada e ilegal” dos seus recursos pesqueiros. Un factor que incrementa aínda máis a complexidade política e de seguridade á hora de abordar o problema da denominada “piratería somalí”.

Roberto Mansilla é analista do IGADI



O caso do Alakrana: apontamentos de xeopolítica

Xoves 12 de Novembro, 2009
Rubén C. Lois González e Anxos Piñeiro Antelo. Grupo de Análise Territorial do IDEGA (USC)

Cando nos desprazamos a un supermercado e mercamos unha lata de atún, case nunca reparamos nos escasos custes do producto, sobre todo se pensamos que o recurso foi capturado no outro extremo do mundo. De feito, é importante que nos fagamos a pregunta de como se consegue obter tanto peixe a prezos moi baixos, que chega de calquera mar e que en ocasións é capturado de calquera xeito. Por desgraza para un grupo de veciños nosos que o están pasando moi mal nas costas de Somalia, quizais estas semanas sexa pertinente facerse esa pregunta.

    A perda de produtividade das áreas de pesca tradicionais, afectadas por unha sobreexplotación case sempre estrutural, obriga aos barcos españois a buscar a entrada en caladoiros cada vez máis afastados, en virtude de acordos da UE, de acordos internacionais xestionados por gobernos como o galego, ou a través da creación de empresas mixtas. O acceso a estes caladoiros negóciase en moitos casos en forma de iniciativas de cooperación en países en vías de desenvolvemento, achegando capital, experiencia e tecnoloxía a cambio do acceso aos bancos de peixe.

Así, moitos dos nosos barcos que traballaban fóra da costa próxima pasaron a facer as súas campañas noutras partes do Atlántico, logo do Pacífico e agora dun Índico que aínda posúe reservas de peixe suficientes.

    Sen dúbida, a lóxica dos nosos mariñeiros e dos seus colegas vascos é clara. Hai que gañarse a vida e para iso se ten o oficio (a habilidade) do mariñeiro, tantas veces ensalzada nas xentes das vilas do noso litoral. Gañar a vida para manter a casa, estudar os fillos, etc., aínda que iso supoña ir pescar cada vez máis lonxe, en tempadas longas e non facerse demasiadas preguntas sobre quen goberna, ou pon (des)orde nas costas máis próximas ao caladoiro. E así, probablemente na descoñecida situación catastrófica de Somalia desde inicios dos anos 1990 (unha catástrofe auspiciada por moitos intereses europeos e dalgúns países veciños), non se preveu o suficiente que a falta dun goberno, dunha policía ou duns gardacostas debidamente uniformados polo poder establecido, puidese rematar traducíndose no exercicio de soberanía duns mozos fortemente armados, estimulados polas drogas (isto tamén o vimos en Liberia, Serra Leona, Guinea-Bissau, etc., e pouco facemos), controlados por clans ou políticos locais que deciden cobrar as compensacións pola extracción dos recursos do seu país (ou zonas limítrofes) en directo, á brava, mediante secuestros dos que logo se negocia saír mobilizando á diplomacia oficial, a gobernos fiticios, a homes de negocios e a líderes asentados sobre o terreo.

    Está claro que o goberno e a sociedade deben mobilizarse para lograr que os secuestros non se repitan; para que os traballadores do mar retidos sexan liberados canto antes. Sen embargo, de nada valerá solucionar o problema presentado agora, se cando consumimos peixe fresco ou en conserva non nos interrogamos por cuestións como a sobrepesca, ou sobre a expoliación dos recursos dos países do sur.