De Obama a Sor Maravillas
Un artigo de Justo Beramendi
Debía poñerse unha placa na súa memoria nese edificio? Perante tan grave e urxente dilema, o beato Bono, solícito á petición do Opus Dei, dixo que si de contado. Os seus compañeiros socialistas (condición que segundo Bono leva aparellada a de “fillos de puta”) e moitos outros laicistas de pro dixeron que non. Tan decisivo e espiritual problema tivo ó cabo un final edificante porque o edificio ficará sen placa. Así que a xente de novo poderá dedicar toda a súa atención ás minucias materiais que a traen tan preocupada. Verbi gratia, o agravamento da crise, que non se sabe onde ten o fondo, e as próximas citas electorais (Galicia, País Vasco, Europa) nas que todos se xogan moito.
A Zapatero saíulle ben a xogada de forzar a presenza de España na reunión do G-20. Está claro que este tanto lle permite cobrar certa vantaxe a curto prazo sobre o PP e reforzar aínda máis a súa autoridade no partido. Isto foi patente na última reunión da dirección federal do PSOE, na que nin sequera asomou a cuestión do financiamento autonómico, que o goberno ten aparcada para mellor ocasión so pretexto de que primeiro teñen que poñerse de acordo as comunidades autónomas. Certamente, a imaxe de unidade foi contundente.
Pero os problemas non adoitan resolverse con imaxes. Despois da reunión Montilla volveu á carga porque lle vai niso a permanencia dos socialistas cataláns no poder. Mesmo acusou a Zapatero de deslealdade institucional. Esa bomba política segue aí. E activada.
Como segue a crise. Os desastres da economía multiplícanse: o paro dispárase, o consumo baixa, a banca non parece reaccionar moi positivamente ás inxeccións de cartos públicos, industrias fundamentais como o automóbil súmanse á construción na contracción dramática e as Bolsas continúan no tobogán. A receita keynesiana, aplicada a última hora, pode que resolva algo, pode que non, polo menos a curto prazo. En todo caso vai someter a unha dura proba a capacidade de endebedamento do Estado. E para colmo, os rusos (algúns mafiosos incluídos e con Putin tirando dos fíos) poden chegar a controlar unha parte substancial da industria enerxética española se prospera a intención de Lukoil de mercar case un 30 por cento de Repsol-YPF. “¡Que veñen os rusos!”, brama Rajoy en Almería esquecendo, co seu cinismo habitual, que foi a privatización culminada por Aznar a que fixo posible que agora poida ter lugar ese desembarco, moi difícil de evitar polo goberno dada a situación económica e as sacrosantas leis do mercado. En todo caso, a cousa é grave.
Problemas de memoria
Pero non todo son problemas económicos. Tamén hai problemas de memoria e de coherencia democrática. O xuíz Garzón armouna unha vez máis co seu intento de xulgar por xenocidio ós xerifaltes da ditadura. Tarde piaches. Tarde piamos todos. Pero máis vale tarde que nunca e, por ridículo que poida parecer dende o punto de vista xurídico, o intento tiña un gran valor moral, un valor de imprescindible hixiene cívica. Algún poder do Estado tiña que chamarlles algunha vez ás cousas polo seu nome. Pero, polo que parece, non podemos agardar esa virtude do poder executivo nin da maioría do xudicial. Primeiro foi o fiscal, prolongación do executivo no noso sistema, quen procurou parar a actuación de Garzón cunha arremetida brutal e descualificadora. Despois foi o propio señor presidente do Goberno, impulsor na lexislatura anterior da moi limitada Lei da Memoria Histórica, quen o 20 de novembro sorprendeu a propios e foráneos dicindo que o mellor que podiamos facer co franquismo era esquecelo. En que quedamos? Quedamos en que onte o arcebispo Rouco dixo exactamente o mesmo que Zapatero, aínda que, iso si, engadindo a ladaíña do peche das feridas. Debe ser por iso que a Igrexa montou unha fábrica de santos e beatos coas súas vítimas da Guerra Civil.
Con este panorama Garzón inhibiuse, unha vez comprobado documentalmente que os xenocidas mortos estaban mortos, cousa que todos sabiamos xa. O azoute de tiranos alleos foi derrotado polos testamenteiros dos tiranos propios. E o que prometía ser unha gran traxedia grega acabou en vulgar sainete. Con amargura e vergonza, fago miña a frase lapidaria coa que Amnistía Internacional comentou o último consello zapateril: “Para pasar unha páxina, antes hai que lela.”
E que di o PP de todo isto? No da inmemoria, encantados da vida, sobre todo se Zapatero acaba asumindo as teses de Rouco. É obvio que non se curou aínda da súa saudade criptofranquista. Este partido non terá auténtica credibilidade democrática ata que non censure o franquismo e as súas fazañas coa mesma enerxía e sinceridade coa que Esperanza Aguirre ataca os socialistas ¡por ter nos seus despachos retratos de republicanos! e se permite, dende as súas alturas de ricachona madrileña, chamar “canalla” ó Che Guevara que, equivocado ou non, morreu polos desposuídos.
Pero nas cousas da economía, que é onde realmente se xoga a partida, os do PP están menos encantados. Mais ben andan algo desnortados. Non acaban de atopar unha liña de ataque eficaz neste rebumbio. Mariano Rajoy, Soraya Saéz de Santamaría, Cristóbal Montoro e outros critican case todo o que fai o goberno coa boca pequena pero non teñen alternativa crible, probablemente porque non a haxa. As enquisas din que os socialistas baixan pero que os populares non soben.
En lugar de propiciar que o PP faga retroceder suficientemente ó PSOE, a situación está provocando que a oposición interna a Rajoy reinicie a súa ofensiva, agora con Aznar á cabeza. No seu discurso ás mocidades do partido, logo de insultar ós “progres apolillados” e de reafirmarse no amortizado “liberalismo” neocon puro, criticou a liña para el tépeda de Rajoy (sen nomealo). A perda de UPN, e do goberno de Navarra, e as carencias de autoridade da actual dirección anima os vencidos en Valencia a adiantar o inicio da nova ofensiva. Empezan xa a traballar, a cara semidescuberta, pola derrota do PP para asegurarse a defenestración de Rajoy e Ruiz Gallardón con tempo suficiente para chegar ás seguintes eleccións xerais cun líder, ou lideresa, da á dura ben rodado. Tan leais co seu partido coma sempre.
Con estes lastres a nave popular non ten doado acabar a travesía desta lexislatura por diante da socialista. Tampouco gañar as etapas intermedias. No País Vasco houbo novidades, pero ningunha boa para o PP. A detención de Txeroki é un paso máis no imparable devalo de ETA e en todo caso inhibe calquera reactivación das acusacións de apatía socialista na loita contra o terrorismo. Outra cousa é a quen pode beneficiar máis ese devalo nas eleccións vascas, pois a decisión de Eusko Alkartasuna de romper a súa coalición co PNV para intentar facerse cunha parte importante dos votos radicais vendéndolles o seu independentismo democrático abre unhas perspectivas novas e de resultado incerto. Todo depende, primeiro, de que Batasuna consiga finalmente presentar unhas listas propias suficientemente “limpas”, e neste caso a suma de EA e PNV tería unha tradución parlamentaria menor pola Lei d’Hont, co que os socialistas poderían superar ó PNV. Esta sería ocasión para a xubilación de Ibarretxe e para un posible goberno PNV-PSE. Se non hai ningunha candidatura abertzale en liza, o dato fundamental sería a porcentaxe de abstencións neste sector do electorado. Se é pequena, as posibilidades do sorpasso socialista diminuirían e sería moito máis difícil que o PSE se colocase en posición de gobernar ou co-gobernar, fracaso relativo que mitigaría o do PP. Probablemente repetiría o actual tripartito, Ibarretxe sairía reforzado e a cuestión vasca volvería ser un grave problema para o goberno central.
Manobras de palleiro
En Galicia o bipartito segue coa súa folla de ruta e imita ó goberno central no tratamento da crise na medida das súas posibilidades, prometendo axudas e accións a esgalla: asumir durante dous anos os créditos de casa e coche dos que perdan o emprego, contratar 2.000 parados para obras en estradas e montes (un mini-PER galego?), apoio á industria de automoción, 3.000 millóns para impulsar o investimento e o emprego, incremento nun 35 por cento da licitación de obra pública ata os 1.575 millóns de euros, etc.etc. De onde van saír os cartos cando os ingresos caen e a capacidade de endebedamento da Comunidade Autónoma é moito máis limitada que a da Facenda central? Xa veremos en que queda todo iso despois das eleccións.
O 8 de novembro Touriño pediulle ó seu partido que evitase a crispación preelectoral e se centrase nunha mensaxe positiva ofrecendo medidas eficaces. Con ese fin recuperou o Consello Territorial, a súa “fábrica de ideas” (por certo, que foi de Iniciativas 21?). Pero as fobias anti-BNG son máis fortes que ese chamamento a temperar as disensións. López Orozco, nada máis salvados os presupostos de Lugo grazas á abstención do BNG, reinicia a súa ofensiva contra os programas da Vicepresidencia e pide que as galescolas pasen a depender da Consellería de Educación. O conselleiro de Medio Ambiente, Pachi Vázquez, adícase a promover e beneficiar asociacións ecoloxistas afíns para neutralizar a Adega e amaga con bloquear partes do concurso eólico por razóns ambientais o que provoca a inevitable resposta de Fernando Blanco, quen cualificou nada menos que de “delito” os cambios que propoñía o seu suposto compañeiro de goberno. E o propio Touriño descualifica despectivamente a proposta de Quintana de crear unha entidade de crédito forte e pública (“non hai respostas nacionalistas para saír da crise”), para medio desdecirse días despois.
A presión preelectoral afecta incluso á intratable Magdalena Álvarez que, por primeira vez, únese ó coro do AVE-2012 e, para contribuír a ningunear ó BNG no Congreso, mentres Olaia Fernández Dávila lle formulaba unha pregunta no Congreso, deulle as costas e estivo de rexouba con outro deputado. Logo despachou o asunto cunha resposta digna dun burócrata doutros tempos: equivocouse vostede de portelo así que vaia preguntar a outra parte.
Entre tanto as consellerías nacionalistas seguen cos seus programas para incrementar todo o posible o seu capital electoral. Unicamente os problemas internos na Consellería de Cultura, coa destitución do número dous a só uns meses do final da lexislatura, desluciron algo ese esforzo. Por outra parte, este affaire puxo de manifesto que no mundo do BNG as divisións internas persisten, algo moito máis patente no enfrontamento entre o Sindicato Labrego Galego e a Consellería de Medio Rural, moi inconveniente nun momento en que se agravan os problemas reais da gandería galega (prezo do leite ós produtores, novo plan europeo para o sector).
O PP, desnortado
Pola súa parte, o PP, que acaba de revalidar a Núñez Feijóo como candidato á presidencia da Xunta, segue igual de desorientado. Non dá en ningún momento a impresión de que sexa capaz de afrontar a crise mellor que o bipartito. A súa medida estrela, de momento, é un plan de austeridade para aforrar 120 millóns de euros. O chiculate do loro. E ademais pouco crible vindo de quen vén, sobre todo agora que saen á luz probas do uso clientelar e improdutivo que fixeron os gobernos do PP de boa parte das axudas europeas, como a construción de centros para deixalos apodrecer sen usalos nunca. É moi posible que Bruxelas, logo de comprobar o abuso, esixa formalmente a devolución dos cartos tirados ó lixo. McCain fixo esforzos sobrehumanos para distanciarse das desfeitas de Bush sen conseguilo. Núñez Feijóo intenta o mesmo respecto de Fraga e tampouco non o ten doado.
A segunda gran baza dos populares é a inventio dun conflito lingüístico previamente inexistente, pero que pode chegar a ser se eles se empeñan. A asunción das teses de Galicia Bilingüe e a ameaza de cambiar a Lei de Normalización Lingüística en sentido involutivo se chegan ó goberno pode frear a fuxida dalgúns votos españolistas cara ó partido de Rosa Díez, pero pode facerlles perder moitos máis. Nisto Núñez Feijóo faría mellor en non distanciarse de Fraga. Pero non é esa a dirección na que apuntan, como demostra o esperpento de Galiza/Galicia no Parlamento entre Ignacio López-Chávez e Bieito Lobeira. Viuse algunha vez no mundo un parlamento no que haxa expulsións de representantes do pobo por non poñerse de acordo ¡no nome do país!? É consciente o Sr. Lobeira, teña ou non razón regulamentaria, da imaxe que está a dar do BNG en vésperas electorais? Pensa o Sr López-Chaves que con estas manobras de palleiro axuda ó seu partido a obter máis apoios electorais? Polo visto nestes lares, con placa ou sen placa, segue prevalecendo a mentalidade dogmática de Sor Marabillas sobre a apertura que, segundo din, vai traer Obama.
Alá cada quen coas súas teimas. E feliz Nadal para todos, malia a crise.
Temas relacionados: Obama, PolÃtica, Sor Maravillas















