Robert Brenner: A turbulenta economía global
Unha entrevista de Marcos Mariño
En The economics of global turbulence e The boom and the bubble, vostede describiu a evolución dos países centrais da economía global desde 1945 ata hoxe. Unha das súas teses fundamentais é que, a partir de 1973, as economías norteamericana e mundial entran nun “longo declive” que aínda non se superou. ¿Cales son as razóns que o levan a considerar que a partir dos anos 70 a economía está nunha crise sistémica?
Se ollas a historia do desenvolvemento capitalista, o que ves empiricamente son ondas longas: temos primeiro o período 1850-73, que é un longo boom, seguida pola famosa Gran Depresión en 1873-96. Despois tes o chamado boom Edwardiano, antes da Primeira Guerra Mundial, aproximadamente entre 1896 e 1913, que deu lugar á crise do período de entreguerras, 1919-1939. Finalmente, por suposto, está o longo boom da posguerra, entre 1940 e 1973, seguido polo longo declive actual a partir de 1973. Se ollas agora aos principais indicadores macroeconómicos –crecemento do PIB, investimento, stock de capital- os longos booms que marcaron a historia económica dos Estados Unidos son, de xeito sistemático, moito mellores que nos longos declives. Por exemplo, a economía dos Estados Unidos no longo boom de 1890-1913 e no período 1940-1973 é moito máis dinámica que no longo declive despois de 1973. Eu, como outra xente na tradición marxista, pensamos que o que esta detrás dos booms prolongados é unha alta taxa de ganancia para as empresas que se prolonga por moito tempo, e nos períodos de longo declive temos exactamente o contrario. Creo que isto pode demostrarse facilmente con datos empíricos.
Emporiso, hai un grande enigma con respecto ao longo declive actual: ¿por que está a durar tanto tempo? En certo sentido, isto é comprensible desde o punto de vista teórico: non houbo unha recuperación da taxa de ganancia nos anos 1980 ou 1990, e polo tanto non houbo recuperación do dinamismo económico. De feito, o balance económico dos anos 90 non foi mellor que o dos anos 80, que foi peor que o dos anos 70, que á súa vez foi por suposto moito peor que nas décadas de boom da posguerra, os 50 e os 60. Pero, ¿por que non se recuperou a taxa de ganancia? Eu diría que a razón fundamental é que non houbo a crise económica aguda que poñía fin aos períodos de declive ao longo da historia do capitalismo, e que creaba as condicións para unha nova época de alza económica. Estas crises non teñen que ser tan catastróficas como a depresión dos anos 30, pero teñen que ser o suficientemente agudas como para permitirlle á economía que se desfaga de grandes cantidades de medios de producción de alto custo e baixa ganancia, que polo tanto manteñen unha baixa taxa de ganancia en termo medio e impiden a acumulación de capital. A ausencia desta crise débese en parte ao feito de que as grandes corporacións tardaron moito en retirar o seu capital ou cambiarse a novas liñas productivas, facendo aínda máis grave o exceso de capacidade. Ao mesmo tempo houbo un proceso ininterrompido de desenvolvemento desigual, a medida que firmas de países en desenvolvemento foron capaces de combinar boa tecnoloxía e baixos salarios para entrar en liñas productivas que xa estaban saturadas. En primeiro lugar está o Leste Asiático, que se converteu no primeiro centro realmente dinámico da manufactura fóra do centro histórico do capitalismo, Europa e Norteamérica. Primeiro foi Xapón, logo os tigres do Leste Asiático (Corea, Taiwan, Singapur, Hong-Kong), e agora por suposto China. Esta entrada masiva de novos productores exacerbou o exceso de capacidade, e fixo que a taxa de ganancia na manufactura seguise sendo baixa en termo medio a nivel mundial.
En vista de que había moita entrada e insuficiente saída, un tería esperado que a sobrecapacidade dese lugar a unha crise profunda, eliminando masivamente medios de producción de custo alto e rendemento baixo. O que impediu isto foi a intervención estatal, a través do “subsidio” á demanda. Este é un novo aspecto, cunha importancia crucial, da economía da posguerra. En 1970 tivemos os déficits Keynesianos, e o mesmo aconteceu en 1980, coas enormes reduccións de impostos para os ricos impostas por Reagan e o seu xigantesco gasto militar. Nos anos 90, os Estados Unidos e Europa tentaron equilibrar o seu presuposto, e isto estivo a punto de lanzar á economía na crise que se precisaba – de feito, en Europa e Xapón houbo as peores recesións do período de posguerra entre 1991 e 1995.
Unha das críticas clásicas das economías capitalistas é precisamente a súa necesidade de pasar por terribles crises económicas coa conseguinte destrucción de capital e recursos, e as consecuencias que todos coñecemos. Pero na súa análise vostede insiste precisamente na incapacidade do sistema para levar a cabo esta purga…
Si, esa é a terrible ironía do capitalismo: as crises son necesarias para restaurar a saúde e o dinamismo do sistema. Polo tanto, a continua intervención estatal para previr esa purga deu lugar a unha meirande estabilidade, que se reflicte en recesións menos pronunciadas e relativamente curtas, pero que tamén reducen o crecemento e levan ao estancamento. Isto, de novo, encaixa moi ben coa idea marxista básica de que a prevención de crises profundas impide o retorno do dinamismo económico.
A entrada constante de capital desde o Leste Asiático deu lugar a serios problemas sociais noutros países –por exemplo, tivo un papel crucial no desmantelamento da industria naval en Galicia e no Estado español ante a competencia que viu destes países. ¿Como poden resolverse estes problemas?
Si, houbo un grande desmantelamento industrial en Galicia e no resto do Estado como resposta ao ascenso da industria naval coreana, en particular. Isto é un dos aspectos do proceso do que estamos a falar –a tendencia do sistema a eliminar medios de producción de alto custo e baixa rendibilidade. O que os traballadores necesitan para contrarrestar isto é un estado de benestar forte que proporcione seguros de desemprego e desenvolvemento do seu capital humano, creando as condicións da modernización e a emerxencia de novas industrias. Pero os traballadores precisan exercer moita presión para que este programa se leve a cabo, e isto é moi difícil de conseguir nun período no que o paro está a crecer. O único sitio onde esta estratexia parecer ter funcionado é nos países escandinavos, e quizá noutros países do Noroeste europeo. Pero hai que lembrar que estes países representan tan só un sector marxinal da forza de traballo global.
A cuestión política crucial é: ¿queremos ter realmente un sistema que necesita paro masivo, reducción salarial, cortes nos servicios sociais, e miseria xeneralizada para poder recuperar un grao saudable de acumulación de capital, da que todos dependemos? Eu penso que hai tempo que pasamos o punto en que os custos do ciclo capitalista estaban xustificados. No capitalismo, todos os factores dependen da acumulación do capital – o emprego, a estabilidade, o crecemento, os presupostos do Estado… Todo depende en última instancia da necesidade de xerar ganancias privadas. Un antigo secretario de defensa norteamericano dixo unha vez que o que é bo para a General Motors é bo para todo o mundo, e desgraciadamente hai moito de verdade nesta frase. Por iso temos que volver a formular a necesidade do socialismo, porque as nosas prioridades hoxe son, en primeiro lugar, unha democracia real, e non a democracia limitada pola busca de beneficio capitalista e a compra de políticos e eleccións por parte das grandes corporacións; en segundo lugar, igualdade a través da redistribución de riqueza; en terceiro lugar, responsabilidade ecolóxica; e finalmente redirixir radicalmente os recursos para que se realicen as capacidades humanas, a través da educación, o desenvolvemento de aptitudes … Creo que case todos nós estariamos moi contentos de sacrificar o crecemento rápido por estas cousas que non teñen prezo.
Unha das imaxes que emerxen da súa análise e da súa crítica ás explicacións do longo declive é un mundo de capitais nacionais en competencia, no que os traballadores pagan o custo desa competición coa reducción de salarios e os recortes en gastos sociais.
É certo que a miña teoría económica ten que o que eu chamaría implicacións políticas antirreformistas. Déixame explicar isto. Durante o século vinte, e especialmente desde os anos 30, o movemento socialista tivo basicamente dúas teorías da crise: a teoría do subconsumo, e a teoría da reducción de beneficios a través dos salarios (wage-profit squeeze). A primeira destas teorías, baseada no subconsumo, apareceu no período de entreguerras. Di que os beneficios tenden a ser demasiado altos como consecuencia da explotación capitalista, e os salarios son demasiado baixos. A consecuencia é que os traballadores non poden comprar o que se produce, e a recesión é entón unha consecuencia da escasa demanda dos consumidores. Pero, de acordo con esta teoría, o problema pode resolverse a través do estado, que pode redistribuír os ingresos a favor dos traballadores. Noutras palabras, o goberno salva os capitalistas da súa propia tendencia autodestructiva a ter ganancias demasiado altas. Desde este punto de vista, as políticas Keynesianas –gastos gobernamentais, seguro de desemprego, pensións, etc –resolveron o problema do subconsumo que aparecera na gran depresión de entreguerras, e forneceron a base para o longo boom da posguerra. Isto abriulle camiño á segunda teoría da crise, de reducción de beneficios a través dos salarios. O argumento desta teoría é o seguinte: a solución do problema do subconsumo a través das políticas gobernamentais de redistribución deu lugar a un crecemento rápido e especialmente ao pleno emprego. Pero entón, de acordo con esta teoría, atópaste cun problema: o feito de que os custos asociados a perder o emprego fosen cada vez máis baixos desprazou o equilibrio de forzas entre as clases a favor dos traballadores e en contra do capital, e iso deu lugar nos anos 60 a unha reducción dos beneficios debida a un incremento dos salarios e dos servicios sociais. Este incremento era maior que o crecemento da productividade. A solución do problema tamén é, supostamente, a intervención estatal: esta vez o que se precisaba eran acordos tripartitos capital-traballo-goberno que asegurasen que os salarios dos traballadores estaban en consonancia coa productividade e non provocaban inflación.
Eu chámolle a estas teorías reformistas porque achan que os problemas que dan lugar ás crises capitalistas poden controlarse a través do goberno, no interese común tanto do capital como do traballo, e dando lugar a un desenvolvemento capitalista sen altibaixos. Pero se esas teorías fosen correctas chegariamos a conclusión de que o dinamismo do capitalismo estaba garantido por toda a eternidade.
Eu penso que a razón das crises é a acumulación competitiva e anárquica, e polo tanto os gobernos non poden facer moito para evitalas porque non poden controlar as decisións de milleiros de capitalistas. Como dicía antes, no capitalismo todos os factores, inclusive a situación dos traballadores, dependen da acumulación do capital, que a súa vez depende das ganancias. Por iso o único xeito de saír dunha crise capitalista e restaurando a rendibilidade, e iso faise eliminando industrias non competitivas -o cal provoca desemprego- e reducindo os salarios e os servicios sociais. Dentro do sistema, non hai ningunha solución ás crises económicas que non se faga a expensas dos traballadores.
De feito, o último cuarto de século de desenvolvemento capitalista botou por terra as dúas teorías da crise das que falaba antes. O punto de inflexión foron os anos 70, nos que houbo simultaneamente grandes déficits Keynesianos -que supostamente tiñan que proporcionar a demanda necesaria- e unha reducción enorme dos salarios e dos gastos sociais para axustar os custos ao crecemento da productividade. Isto foi levado a cabo maiormente por gobernos socialdemócratas, así que non houbo que esperar ao neoliberalismo e a Reagan para que se lanzase este ataque á clase traballadora. Pero o resultado foi un crecemento moi lento, inflación, desestabilización das divisas, e finalmente a grande crise de 1979-82, que levou ao ascenso da dereita. Se os problemas foran demanda insuficiente ou custos excesivos, o capitalismo recuperaría a saúde. Pero por suposto non eran estes os problemas, como tampouco o foron na década dos 80, na que a represión dos salarios e dos gastos sociais foi aínda maior, acompañada polo Keynesianismo militar de Reagan a favor dos ricos.
Un dos puntos fundamentais desta ofensiva capitalista foi a reducción drástica dos impostos. Os impostos sobre as ganancias das corporacións pasaron de ser do 50% nos anos 60 ao 20% nos 80, e nunca volveron a subir…
En Estados Unidos, as reduccións de impostos foron enormes a principios dos 80. O que se fixo antes, nos anos 70, xunto con grandes reduccións no crecemento dos salarios e dos gastos sociais, foi levar a cabo moitísimas desregulacións. O obxectivo era atacar as prazas fortes dos sindicatos –especialmente na construcción, as liñas aéreas e o transporte- para reducir salarios e facilitar os despedimentos. Ao final dese período, en 1980, o goberno interveu na corporación Chrysler para sacala da bancarrota, coa condición de que os traballadores de Chrysler aceptasen reduccións salariais. O que hai que notar aquí é que a ofensiva capitalista comezou nos Keynesianos anos 70, cun presidente do Partido Demócrata, Jimmy Carter. Por suposto, Clinton reduciu aínda máis os impostos, e agora Bush está a baixalos moitísimo en favor dos máis ricos.
Un aspecto crucial da súa análise é a emerxencia das finanzas durante o longo declive que comeza nos anos 70…
Como diciamos antes, a primeira resposta á crise foi o estímulo Keynesiano da demanda, logo os recortes salariais, e finalmente a devaluación do dólar. Isto, acompañado de baixos tipos de interese, freou ao capital financeiro durante os anos 70. Tentaron compensalo reciclando as enormes cantidades de diñeiro que estaban a facer os países productores de petróleo para facer empréstitos ao Terceiro Mundo, e este é a primeira canle de expansión das finanzas. Pero en 1980 danse conta de que o problema da industria non pode resolverse cos métodos usuais, abandonan o Keynesianismo e oriéntanse cara a altos tipos de interese e un dólar alto. Estas medidas favorecen moito a banca, á que ademais se lle permite ter acceso a áreas cada vez máis amplas (como por exemplo o sector inmobiliario).
O problema dos desenvolvementos financeiros é que son moi irracionais, porque o capital financeiro non fai nada, non produce, e o único que lle importa é ir ao sitio onde pensa que terá meirandes beneficios. Vai dun lado a outro sen ningún criterio firme de onde investir, e o resultado é normalmente un exceso de empréstitos que desemboca nunha crise. Iso é o que pasou cos empréstitos ao Terceiro Mundo: cando subiron os tipos de interese houbo unha crise que case arruína aos bancos en 1982, e o mesmo aconteceu coa febre de fusións e adquisicións nos anos 80. A única razón de que o capital financeiro continúe a facer este tipo de negocios é que o goberno lle saca as castañas do lume, como pasou por exemplo na crise do Terceiro Mundo e tamén a comezos dos anos 90, cando Alan Greenspan baixou os tipos para reflotar á banca. Pero a finanza non se dispara ata os anos 90, con Clinton, e esa foi a razón do aparente boom na pasada década.
¿Cal foi a dinámica económica nese período, e cales son as perspectivas que se abren agora?
O dólar alto e os altos tipos de interese da época de Reagan estaban acabando coa industria norteamericana, e Reagan vese forzado a ir na dirección oposta e desvalorizar o dólar. Isto, xunto cos baixos salarios e a reducción de impostos, produce unha recuperación da rendibilidade da manufactura por primeira vez desde 1973. Pero a consecuencia é que o ien e o marco alemán soben, o cal dá lugar á crise en Xapón. En vista diso a administración Clinton chega a un acordo con Xapón en 1995 para volver a subir o dólar. Nese momento, a recuperación da rendibilidade na manufactura norteamericana chega ao seu fin, e na segunda metade dos anos 90 temos un descenso das súas ganancias. Ao mesmo tempo, o mercado de valores perde o control e sobe moi rapidamente. ¿Como é isto posible? A razón é que o mesmo acordo entre Estados Unidos e Xapón polo cal o ien e o marco se desvalorizan fai chegar a Estados Unidos un montón de diñeiro, e iso reduce os tipos de interese a longo prazo. Ademais diso, Greenspan reduce os tipos a curto prazo a pesar das súas advertencias respecto á exuberancia irracional no mercado de valores. Como consecuencia disto, as accións das compañías -especialmente no campo das altas tecnoloxías e das tecnoloxías da información- comezan a subir ante a ilusión de que está a emerxer unha “Nova Economía”, aínda que en realidade están propulsadas polos baixos tipos de interese. A suba das accións fai que as compañías teñan acceso a empréstitos enormes a pesar das súas baixas ganancias, co garante dos altos prezos das súas accións. Isto dá lugar a investimentos masivos que fan que a sobrecapacidade que existía na manufactura se estenda a toda a economía. Así que o panorama no ano 2000 é, paradoxalmente, un boom moi rápido, un mercado de valores enorme, e unha rendibilidade en descenso en toda a economía. Por suposto, isto non pode sosterse, e a burbulla do mercado de valores acaba por estoupar. Agora as corporacións non saben que facer con todo ese exceso de capacidade, están investindo cada vez menos, e o goberno está tentando resolvelo reducindo os tipos de interese. Pero iso non vai resolver nada, xa que en vista da sobrecapacidade as empresas non teñen ningunha motivación para pedir empréstitos e investir.
A única razón de que o período non rematase nun colapso total foi a débeda das economías domésticas, que pediron empréstitos contra a súa propiedade inmobiliaria nun momento en que os prezos das casas estaban a subir. Iso permitiu manter un boom no consumo, pero agora estamos nunha situación na que o desemprego está en aumento, a proporción da débeda das economías domésticas ao PIB acadou unha marca histórica, e parece que a burbulla inmobiliaria está a rematar, así que poderiamos entrar nunha recesión moito máis profunda. Non é nada claro o que vai pasar nin como van saír desta. O investimento leva diminuíndo durante dous anos consecutivos, e polo de agora non houbo ningunha recuperación da rendibilidade.
Ademais da súa actividade académica e científica, vostede é membro de Solidarity, unha organización socialista norteamericana. ¿Cal foi a dinámica da esquerda en Estados Unidos nos últimos anos?
Podemos comezar nos anos 60, no que hai unha revitalización da esquerda en Estados Unidos. Trátase dunha esquerda que aparece nun momento de prosperidade e a partir do movemento polos dereitos civís e contra a guerra de Vietnam, pero a partir de finais dos anos 60 a parte máis seria desta nova esquerda tenta conectarse ao movemento obreiro. A finais dos 60 e comezos dos 70 asistimos a unha revolta laboral moi grande nos Estados Unidos, especialmente por parte dos militantes de base, xa que as burocracias sindicais non están a responder á ofensiva capitalista que se desencadea nese período. Así que os marxistas esperabamos que se abrise un período típico de crise capitalista e ofensiva obreira, pero estabamos moi equivocados. A medida que a crise se afondou, as grandes revoltas que estaban a acontecer a nivel mundial foron esmagadas –como en Chile- ou integradas no sistema –como en España e Portugal-, e o mesmo pasou en Estados Unidos. A culpa non foi soamente da esquerda: nós concentráramos as nosas enerxías na clase obreira industrial –a industria do automóbil, do aceiro, do transporte- pero, tal e como aconteceu no País Vasco e en Galicia, a desindustrialización foi un golpe moi duro: as industrias comezaron a colapsar e a clase obreira a dispersarse. En vista disto, a esquerda dedicouse esencialmente aos movementos de solidariedade –como por exemplo con Latinoamérica- pero de xeito episódico. En 1991 houbo un gran movemento contra a guerra de Iraq, e a partir de aí entramos no peor período para a esquerda norteamericana en todo o século vinte. Clinton completou o proceso facendo crer que o seu era un goberno progresista, cando se trataba dun dos réximes de dereita neoliberal máis sistemáticos do mundo, un réxime capitalista incriblemente exitoso, a chamada Terceira Vía que creou a pauta para o resto dos países.
De feito Perry Anderson publicou en xaneiro de 2000 un editorial na New Left Review –da que vostede é editor- cun ton moi pesimista…
Si, pero de todos os xeitos penso que as cousas cambiaron desde entón. Na década dos 90 a ideoloxía do neoliberalismo parecía poderosa porque había toda esa historia da Nova Economía, pero unha vez que entramos na recesión económica a súa atracción ideolóxica desapareceu axiña. O que mantén o statu quo non é unha ideoloxía coherente, senón un profundo cinismo e a sensación de que non hai alternativa. Clinton non fixo moi bo traballo en manter as aparencias do que poderiamos chamar o paternalismo estatal, pero o boom do mercado de valores ocultaba a realidade. Agora, Bush está levando a cabo a ofensiva capitalista máis explícita que poidamos imaxinar. A súa estratexia e manter un conflicto internacional indefinido para desencadear unha resposta patriótica e victorias republicanas que lle permitan levar a cabo medidas capitalistas extremas –reducción de impostos, ataques ao sistema de saúde… Hai unha conexión moi clara entre a política exterior deste goberno e a súa política doméstica, e iso abre a posibilidade de que o movemento contra a guerra incida na política interna. Así que polo de agora son optimista, máis do que o teño sido nos últimos quince anos.
Isto lévanos a guerra contra Iraq. De feito, en 1991 vostede publicou en New Left Review un artigo sobre as razóns da guerra naquel entón. ¿Cales son as auténticas razóns que levaron a Estados Unidos a invadir Iraq desta vez?
Creo que sería un erro pensar que se trata de “business as usual”. Se ollas o mundo en 2000, o que ves é o seguinte: a grande revolta obreira de comezos dos anos 70 foi completamente erradicada, os movementos de liberación nacional que acadaron o poder –Angola, Mozambique, Nicaragua e El Salvador- foron esmagados nun baño de sangue pola intervención norteamericana, directa ou indirecta… En 1990 a Unión Soviética colapsa, e nos 90 Rusia e China toman a vía capitalista do xeito máis extremo e noxento e buscan o apoio dos Estados Unidos e do Fondo Monetario. Mesmo Corea do Norte tentou, en 2000, chegar a un acordo coa administración Clinton, e Irán apoiou a aventura en Afganistán. O que tento dicir é que en 2000 os Estados Unidos tiñan eliminado calquera posible ameaza xeopolítica. Se ao comezo da campaña Gore-Bush prediciras que habería unha serie de intervencións coloniais en Oriente Próximo, todo o mundo pensaría que estabas louco, porque non había ningunha razón para facelo desde o punto de vista do capital ou do establishment. Entón, ¿por que aconteceu? Algúns pensan que en realidade sempre quixeron facer algo así, pero que tiveron que esperar ata o 11 de setembro para ter unha escusa. Pero eu non creo que iso sexa certo, porque mesmo despois do 11 de setembro moita xente do establishment (como Baker, Kissinger, Schwarzkopf e mesmo Powell) non estaba a impulsar unha guerra en Iraq nin en ningún outro sitio. Non creo que esta ofensiva imperialista estea ao servicio da acumulación do capital, nin creo que se trate de petróleo no sentido de garantir unha fonte de cru, porque as principais compañías petrolíferas levaban tempo pedindo o fin das sancións, e pensaban que podían chegar a acordos con Sadam. O que pasa é que corenta e un membros do goberno de Bush teñen conexións directas co petróleo, e o que queren e privatizar o petróleo iraquí para repartilo entre eles. Así de miserable. Outro aspecto moi importante é o enorme poder da dereita sionista dentro deste goberno, encabezados por Wolfowitz: un dos obxectivos é eliminar Siria, Irán e calquera outra ameaza para a seguridade de Israel, mesmo Arabia Saudita, e iso explica en grande medida este programa de cuasi-colonización. Así que temos intereses petrolíferos moi específicos, unha poderosa interese sionista, e unha concepción neocolonial.
Pero mesmo tendo en conta todo isto, penso que non podemos entender o que está a pasar se non incluímos os aspectos domésticos desta política. Como dicía antes, a guerra permanente contra o terrorismo fornece un programa a longo prazo ao partido republicano, que está tan á dereita que non pode ser elixido nas urnas en circunstancias normais. O preocupante de todo isto é que se hai unha crise capitalista seria, estas aventuras imperialistas de pillaxe resultarán moi atractivas. Ademais, o aumento do gasto militar e o Keynesianismo militar son solucións obvias en tempos de crise. Agora ben, se usas métodos Keynesianos para manter a economía, relanzas o emprego e os salarios, e polo tanto precisas dun réxime moito máis duro cos traballadores. Así que o programa actual dos republicanos, que non obedece polo de agora a razóns sistémicas, podería volverse axeitado para o sistema no seu conxunto se a situación económica se pon moi negra. Sabemos moi ben que os réximes fascistas aparecen cando a acumulación capitalista se bloquea, e tentan relanzala a través do imperialismo redistributivo e do gasto militar. Bush e o seu equipo son unha especie de fascistas prematuros, pero se houbese unha recesión económica seria poderían converterse en fascistas necesarios.
O analista do capitalismo contemporáneo
Robert Brenner é profesor de Historia na Universidade de California en Los Ángeles (UCLA), onde ademais é director do Centro para Teoría Social e Historia Comparada. Doctorouse en Historia na Universidade de Princeton, en 1970, cunha tese sobre a Revolución inglesa que acabaría por dar lugar ao libro Merchants and revolution (1993). Así mesmo foi profesor visitante na Universidade de Harvard, na New School for Social Research, así como membro do Instituto de Estudios Avanzados de Princeton. Nun artigo publicado en 1976, Brenner formulou a súa tese sobre a transición do feudalismo ao capitalismo, que deu lugar ao famoso “debate Brenner”. Os seus traballos sobre este asunto, xunto coas intervencións de varios expertos no debate, foron recollidos en The Brenner debate (1985). Entre as súas publicacións destacan os seus artigos “The origins of capitalism: a critique of Neo-Smithian Marxism” (1977) e “The regulation approach: theory and history” (1991). A primeira parte do seu impresionante traballo sobre a economía capitalista contemporánea, The economics of global turbulence, apareceu nun número especial da New Left Review en 1998. A segunda parte, The boom and the bubble, foi publicada por Verso o pasado ano, e celebrada polo Wall Street Journal –que non é precisamente sospeitoso de afinidade ideolóxica con Brenner- como a mellor historia financeira do período. Brenner é membro do grupo socialista Solidarity e editor da revista Against the current, ademais de pertencer ao comité editorial da New Left Review.
Entrevista publicada en TEMPOS novos en xuño do 2003, nº 73
Temas relacionados: Brenner, Capitalismo, Economía

















[...] isto non pode sosterse, e a burbulla do mercado de valores acaba por … Veja o post completo clicando aqui. Post indexado de: [...]