TemposDixital

Que se coce no forno da comunicación política: Fermín Bouza e Juan Jesús González

Mércores 15 de Abril, 2009    Engadir a digg | Engadir a technorati | Engadir a wikio | Chuza esta nova | Engadir a Mename | Engadir a Del.icio.us | Engadir a Yahoo
Contra a crenza de que o que coñecemos por "opinión pública" se fabrica no laboratorio dos medios, ou é apenas un efecto especulativo do mercado político, Fermín Bouza (Catedrático de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid) e Juan J. González (Profesor da Facultade de CC. Políticas e Socioloxía da UNED) osman nela síntomas inequívocos dunha voz cidadá. E de que a crise acabou de arrebolar o realismo das experiencias persoais encol da axenda pública. Ao tempo, co PSOE fosilizado e o PP a practicar consigo antropofaxias, xulga Bouza que "a vida política está desactivada". O catedrático de Socioloxía participou en febreiro no II Curso de Especialización Xornalística, que organiza o grupo de investigación da USC Cidadanía e Comunicación. Canda el veu González, cuxo retorno ao seminario, o 30 de abril, será para medir o papel do xornalismo durante os procesos electorais. Comparten epistemoloxía e desacordos, e ademais o convencemento de que en Madrid o forno da comunicación política non está para bolos.

Texto de Aurelio Castro e foto de Tamara de la Fuente


Juan Jesús González: A nosa idea de opinión pública é moi aberta e moi dinámica. Interésanos a interrelación entre tres partes, cuxo elo non só sería fluído, senón ademais dialéctico ou dialóxico. Son a axenda dos medios, da que non fai falla dicir que é cadora máis importante; a axenda da cidadanía, e a dos partidos políticos. A opinión pública é a resultante da interacción destas tres axendas entre si. Adóitase dar por feito que a relación está determinada e que o que pensan os cidadáns é o que publican os medios, coma se simplemente os primeiros fosen un eco dos segundos. Nós coidamos que non é tal. Na opinión cidadá hai, en efecto, unha compoñente importante de elementos mediáticos, mais tamén de experiencia persoal. Se non, porque seguiu acreditando que o paro era relevante, malia que había tempo que os medios deixaran de falar del? Coa axenda dos partidos políticos sucede igual, baixo o suposto de que vén sendo o que os medios din deles. En realidade é moito máis ca iso. Hai un factor importante de vencello coa sociedade civil, en que medida os partidos son quen de lle transmitir a esta un certo estado de ánimo. Fenómenos coma o de Obama, tan recente, permiten recuperar esa relación que nunca se debeu perder.

Fermín Bouza: A opinión pública, no seu senso máis operativo, existe. Hai algo ao que podemos chamarlle así e que procede da perspectiva mediática, que á súa vez non é un ovo cósmico, senón que alguén a induce. O 90 por cento das noticias de portada dos medios créanse no Parlamento, ou na súa contorna. Estes días, por caso, se Garzón tal ou cal… é dicir, que a axenda mediática é subsidiaria da axenda política. Eventualmente ocorre ao revés, e acaso en España, de máis. Desa relación complexa han nacer as axendas cidadás, que son a pública e a persoal. Estamos determinados tanto polos políticos, coma polos xornalistas e a súa forma de narraren a realidade. E iso non implica que os cidadáns non teñen voz. Cando a queren ter, impóñense, quer á axenda política como á mediática. De feito, constatamos que ás veces a axenda pública difire destas dúas. Poucas veces, pero cando difire, difire significativamente. O que a marca durante estes últimos anos é o desprazamento do terrorismo, que é un tema estrela, por preocupacións económicas ou engadidos: vivenda, paro e emigración. Velaí unha certa autonomía da axenda pública respecto da mediática.

J.J.G.: A gran pregunta é como podemos evitar as redundancias e os reducionismos co sistema de medios que temos, ao que algúns deron en chamar “mediterráneo” fronte ao “liberal” ou “anglosaxón”. No noso, os medios caracterízanse polo seu aliñamento político. Malia non seren simples altofalantes dos partidos. A miúdo sucede ao revés. No caso español é claro, sobre todo nos últimos tempos. De repararmos na dereita, os medios compiten para ver quen lle dá imposto a súa axenda ao PP, que pasou por moitas ambigüidades, vacilacións estratéxicas, aproveitadas para inverteren esa relación e tornala en subordinación do partido. A min tanto me ten, que manden medios ou partidos. En calquera dos casos, é a propia relación a que presenta un problema. Fermín, ti estás máis de acordo con este “sistema mediterráneo”, porque cres que todo é máis transparente. Pola miña banda, considero que debían introducirse unhas pautas de comportamento distintas, segundo as que os medios non se vexan tentados de lle diciren aos partidos o que han de facer. Non están para iso, senón para mediar e regularen o conflito político. E aquí xúntase a fame coas ganas de comer; a arquitectura do noso sistema de medios acaba por sustentar eses solapamentos.

F.B.: Son lector da edición on line do New York Times, e gusto moito do sistema anglosaxón, pero éme máis difícil de entender ca o noso. Aquí está claro. Se mercas El País es un “progre” –cando menos, en Madrid–; se o ABC, un carca “admirábel”. Coñezo de sobra o que estou a ler, non teño que pensalo moito. E o New York Times faime pensar. Non sei con que se corresponde cada columnista ou cada noticia. Son xornais moi ricos, moi mesturados, nada unitarios. Talvez é demócrata porque o é a liña familiar que o mantén, ou porque a tradición que o alicerza é esa. Así e todo, os contidos ás veces non o son. E iso dáme preguiza, obrígame a interpretar (risos). Probabelmente sexa mellor o sistema “anglosaxón”, aínda que non me atrevería a emitir unha sentenza demasiado definitiva.

J.J.G.: Conscientes da dificultade de mudarmos de sistema, porque iso non é nada doado, o problema podémolo formular dun xeito máis asequíbel. En derradeiro termo, a pregunta ha de ser: ¿Cal é o papel dos medios de comunicación?”. Teriamos dúas posibilidades. E unha é que traballen na formación de opinión e criterio, no subministro de elementos de xuízo para os cidadáns seren por volta máis cidadáns, estaren mellor informados. Iso é o que cómpre seguir reivindicando. Á fin, o sistema mediterráneo de medios o que nos ofrece, dá o mesmo as radios que as televisións que a prensa, é unha toma de partido.

Na anterior lexislatura os medios convertéronse, se non o eran xa, en pendóns das respectivas identidades políticas?

J.J.G.: Niso hai fluxos e refluxos. As teorías dos anos 90 eran optimistas ao respecto. Acreditaban que non habería excesivas interferencias ou presións entre o ámbito da prensa e o dos partidos, e moito menos instrumentalización. Disque iamos cara a unha “democracia de audiencias”, con relativa autonomía das partes. Curiosamente, dende 2000 foron aparecendo teorías pesimistas, segundo as que camiñabamos en dirección contraria. Foi fulcral niso a experiencia dos EE.UU. de Bush, inzada de medios de comunicación ben aliñados, conforme a misións moi concretas de adoutrinamento ideolóxico, non importaba a que custos. Se había que enganar, enganábase. Confiemos en que Obama reverta a converxencia na boa dirección.

F.B.: Agardamos tanto de Obama que non sei se o home dará feito (risos). No entanto, algo fará, xa que estamos todos a mirar para el. É a primeira vez que un presidente estadounidense ten carta branca da cidadanía americana e do resto do mundo –sobre todo, do resto do mundo–. Calquera cousa que argalle para saírmos da crise, ha contar con marxe, polo de agora, para levala adiante. É un home sensato, que espero que pense en algo máis ca en gañar as seguintes eleccións, e tome decisións valentes. Non é o momento de encerellarse, non hai tempo. E ademais, a crise ten culpábeis que derivan do propio sistema, do capitalismo vixente. Non pido que se faga unha revolución, pero dentro do desenvolvemento histórico do capitalismo cómpre entrar noutra fase. Esta, de absoluto descontrol, non pode seguir. E Obama debe acertar. Ou si ou si.

J.J.G.: “Neoliberalismo” significou arrincar a economía do control democrático e político. Quero pensar que esa fantasía chegou á súa fin, que desapareceu esa idea e a economía volve a ser un tema discutíbel pola política. Mais volvéndomos ao asunto dos medios, a lexislatura pasada trouxo malas noticias, e tamén algunha boa. A mala, que foi coa que nos quedamos, está na mente de todos: a competición compulsiva dos medios da dereita por impoñerlle a un partido en crise, o PP, unha determinada axenda. Pero a boa é que se acadou un certo consenso no ámbito parlamentario para renovar o estatuto de RTVE, que ficaba moi desfasado vinte anos despois da súa aprobación, en 1980. Neste país a linguaxe perverteuse de tal maneira que se daba por suposto que un servizo público tiña que ser gobernamental. E iso, cando menos, tentouse separar na televisión e radio públicas. Malia que teñamos que ser prudentes aínda cos cambios, porque unha lei pode copiarse e porén, son os actores sociais os que deben afacerse a ela.

F.B.: A pasada lexislatura a min pareceume un inferno, a verdade. Do que levo de democracia, o peor que coñecín. Sorte que todo ten a súa versión positiva e, efectivamente, ese modelo tende a esgotarse. Cando os partidos políticos sobreactúan, tanto o PP coma o PSOE… pero principalmente o PP, que desempeñou un papel que referencialmente non lle correspondía. O seu electorado é moito máis aberto e diverso. Outra historia é que, como non hai outro partido de dereitas, estea na obriga de votalo. ”O PP estame metendo nunha lea cos bispos, cunha materia aceptada no resto de Europa, con excesivas cousas que eu, como persoa de dereitas, non estou disposta a admitir”. Esa sobreactuación valeulle perder as eleccións. E agora é un partido desestabilizado. Nin ten tampouco forza para desestabilizar aos outros. E o PSOE está durmido na súa crise, nun momento de anguria. Non fai moita política. Un PSOE pampo e un PP coméndose a si propio non é o mellor escenario, abofé, mais si que trae un certo descanso psicolóxico. Eu síntome descansado.

J.J.G.: Pois eu creo que me sinto un pouco máis inquedo (risos). Até onde me alcanza a memoria, en 30 anos de democracia non houbo unha combinación tan desacougante, dun goberno que non acha o rumbo e dunha oposición inexistente, dedicada ás súas cousas, ensimesmada. Aznar resolveu un problema, que era o famoso mito da dereita ingobernábel. Á marxe de Franco, ninguén conseguira poñelos de acordo. O problema é que o PP, ou se pasa, ou non chega. É dicir, ou é o partido do puño de ferro, todos coma un só home, ou é a anarquía. Alén dos recentes casos de corrupción, conxunturais –todos os partidos os sofren–, a cuestión é se o PP é capaz de ser un partido normal, entendéndomos por normal unha formación de centro-dereita coma as do resto de Europa. Un partido no que non acontece ren por apousentar opinións diversas, por que se manifesten e por que se chegue a acordos.

O PP hipotecouse mediaticamente na anterior lexislatura?

J.J.G.: Unha circunstancia curiosa da súa situación anómala é que por parte dos medios gañaron uns, e por parte do partido, outros. Hai unha falta de sintonía entre o que quere facer o partido e o que propoñen os medios afíns. Que en realidade non son afíns ao máximo dirixente, Mariano Rajoy, senón á oposición interna. E así o partido non dispón dunha canle axeitada para lle comunicar á sociedade o seu programa. Non vexo tanto unha hipoteca, coma un desaxuste.

F.B.: Non hai síntomas de que a dereita dea atopado unha voz mediática. Rajoy non ten onde apoiarse e iso é un drama. ABC? Arestora non ten moita transcendencia. La Razón? O mesmo. Son xornais de pouco pulo. Da outra banda, é certo que Cope e El Mundo lle fan o traballo sucio de se meteren o máis que poden co PSOE. Pero a quen están beneficiando como candidata é a Rosa Díez. É ela quen está sacando tallada da crise do PP. Se esa tendencia prosegue, vai chegar ao Parlamento en serio, xa non cun único deputado, senón con máis. Se les os foros de Libertad digital, explícancho moi claro. A prioridade ideolóxica ten que ver antes coa unidade de España que con calquera tema relixioso, todos eles menores do que parecen, agás para a xente moi pía. Para esa dereita dura, non importan tanto. El Mundo botou meses ensaiando a quen colocaba. Houbo un tempo que a Aguirre, e xa antes a Rato, que lles dixo que non. Namentres que Rajoy trata de disimular. Como non dispón de apoios, vai detrás de quen sexa. Tamén de Losantos. Agora veñen engadirse estes últimos problemas de corrupción, que están xerados, dixo Rubalcaba, polo propio PP. Eu créollo. Quen puxo os dossiers e as informacións confidenciais enriba da mesa dos xulgados foi alguén do Partido Popular. Van destruírse. Que pode acontecer nos meses vindeiros, cunha dereita xa moi saída do seu carril, que ameaza con inmolarse nunha guerra civil interior? Non ten campo de batalla real, coma no 36, e decidiu declararse unha guerra simbólica. Iso ponme nervioso, porque non me importa tanto que gañe a esquerda –porque son de esquerdas–, como que se manteña equilibrado un sistema democrático. Non son tanto de partido, como de Estado, prefiro ese rol.

J.J.G.: Para o PSOE foi bo diversificar os seus apoios mediáticos, a través da Sexta e de Público. É unha aposta interesante, pero aínda incerta. Diversificou ademais o risco e puido provocarlle un axuste de contas que tería sido moi desagradábel. Hai moita literatura ao respecto. Que se os bruxos da Moncloa deseñaron un plan para que o imperio de Polanco non fose a canle exclusiva do PSOE, etc. É cedo de máis para tirarmos un balance.

F.B.: Todo indica que neste momento as relación do PSOE con Prisa está refacéndose ben, sen que o primeiro teña que romper con Mediapro. Aí houbo un problema nas bases mediáticas. O PSOE dependía en exceso de El País. E se cadra iso non sexa bo, en ningún caso.

J.J.G.: Nin para o PSOE nin para El País.

F.B.: Exacto. Ha de haber unha independencia relativa. De El País para criticar, e do PSOE para distanciarse. Agradecerémolo os lectores e os votantes. Paréceme mellor a distancia que a fusión, que me repele. Que exista a relación, porque así ten que ser, pero que sexa unha relación crítica. Público, por exemplo, dálle labazadas ao PSOE sendo arestora o xornal máis achegado a el. Alguén podería dicir que El Mundo tamén lle zoupa ao PP, porén dunha maneira moi interesada. Con obxectivos moi nidios.

J.J.G.: A ampliación da oferta mediática xoga a prol dunha certa autonomía entre o ámbito dos partidos políticos e o dos medios. Se están mesturados, as consecuencias son sempre perversas. E o problema témolo hoxe de novo nas páxinas de El País, que din que, dadas as expectativas económicas dos meses vindeiros, o Goberno vería con bos ollos unha redución da oferta televisiva. Despois de chegarmos a seis canles a partir das tres iniciais dos 80, cando se liberalizou o sector, o Ministerio de Industria aceptaría agora volver a tres. Coa crise xa non hai publicidade para todas. E volverán os problemas, sen dúbida.

F.B.: Con todo, está acabando coa sobreactuación do PP a súa crise interior, e no caso do PSOE, a crise a secas. Non está o forno para bolos. De feito, o PSOE estase a comportar exquisitamente cos actuais escándalos de corrupción, por máis que o PP se queixe. Non está metendo o dedo na chaga, nin pode embarcarse nesa batalla, metidos nesta crise económica fundamental. A vida política está desactivada. Teño un blogue no que me dedico a analizar a confrontación entre os dous grandes partidos. Son os frames. E agora non hai frames. Hai algún neoframe miúdo, como o de que a corrupción foi creada polos sicarios do PSOE no sistema xudicial… cónstame que non. Mesmo desexaría non ter enfronte a un PP cabreado e submiso a tal problema. Non está cómodo con iso.

J.J.G.: Na famosa foto de Valencia, Rajoy xuntou toda a dirección, por iniciativa dun dirixente de alí, que propuxo a escenificación dun peche de filas. Nun momento no que non se sabe aínda até onde vai chegar o sumario, nin a quen vai afectar, o peche de filas recórdame aquela famosa expresión de Felipe González, tras Alfonso Guerra verse comprometido nun escándalo: “Se queren vostedes, sigan adiante e acaden o 2×1”. Son distintas representacións do mesmo. Da incapacidade dos partidos neste país para asumir responsabilidades cando se enfrontan a casos de corrupción. O que non poden facer é anticipar o peche de filas. Primeiro cómpre depurar responsabilidades, e logo, se hai que facer representación, faise. Pero a posteriori. Do contrario, o partido convértese nunha parede de ping-pong á que van todas as pelotas, e a parede devólveas. E un partido, suponse, ha de ser outra cousa, non?

Temas relacionados: , ,

Deixe unha resposta

TEMPOS Dixital resérvase o dereito de editar ou borrar as colaboracións dos usuarios/as que comporten:

  • Vulneracións do respecto e dignidade das persoas ou mensaxes discriminatorias, xenófobas ou sexistas.
  • Comentarios que atenten contra a xuventude, a infancia e a seguridade pública.
  • Ligazóns a contidos pornográficos ou arquivos ilegais.
Os comentarios publicaranse despois de admitilos o moderador.

Debe estar rexistrado para engadir un comentario.