Nacionalismo e medios dixitais
Nun escenario mediático adverso, o nacionalismo galego apostou polo xornalismo dixital: un espazo virxe, con lectores novos e baixos custos. Porén, Vieiros, GZNación e A Nosa Terra Diario non responderon ás expectativas de impacto social, ao tempo que atravesaron problemas económicos ou laborais. O 1 de marzo puxo ao descuberto, tal e como se defende neste artigo, a incapacidade do nacionalismo galego para construír unha rede de medios de comunicación afíns.
Se na súa práctica política detectamos no BNG un afastamento das preocupacións reais das clases traballadoras, un excesivo dirixismo dende o núcleo central da formación, un entreguismo aos grupos de poder económico e en xeral unha profunda desorientación ideolóxica, na súa relación cos medios de comunicación e coa opinión pública atopamos erros semellantes.
Dende a súa chegada ao goberno da Xunta, o nacionalismo galego levou a cabo un proceso duplo de influencia sobre os medios de comunicación existentes (moi afastados ideoloxicamente) e de creación ou fortalecemento de cabeceiras “amigas”. No primeiro caso, o fracaso foi claro: xornais como La Voz de Galicia mantiveron (sobre todo no final da lexislatura) unha liña editorial moi agresiva, a pesar de que o bipartito conservou intacto o opaco e xeneroso sistema de axudas públicas. Por outra banda, perante a dificultade económica de crear un novo diario impreso con implantación nacional (o orzamento mínimo rolda os doce mil euros), o nacionalismo asomouse con entusiasmo ao xornalismo dixital, con custes iniciais moi inferiores. Así, en decembro de 2006 o BNG creou, a través de Carrumeiro Media, GZNación; e en decembro de 2007 nacía A Nosa Terra Diario, a versión en liña do histórico semanario, cun proxecto moi serio en aparencia, con base nunha nova redacción en Compostela na que traballarían oito xornalistas; polo camiño, Vieiros, decano dos dixitais galegos, pasou de tres a oito traballadores. O galeguismo facía virtude da necesidade e tomaba a dianteira nun espazo que en Galicia estaba pouco explotado. Porén, este proceso resolveuse cun fracaso total.
Aos catro meses de iniciar a súa andaina, A Nosa Terra anunciou o despedimento de tres redactoras da súa edición dixital, o que provocou que o 13 de marzo 21 dos 29 traballadores do periódico lle solicitasen á dirección que explicase as causas. O proceso finalizou coa saída do coordinador de A Nosa Terra Diario, a redución da redacción compostelá e a centralización das decisións editoriais en Vigo. Naquelas datas Galicia Confidencial analizou a situación afirmando que “a dirección do novo medio non ten sabido adaptarse aos cambios que esixe unha nova publicación, tanto no eido dixital como no propio semanario” e denunciando que se chegara a esa situación “logo da desidia e abandono do xornal electrónico por parte da dirección e da subdirección do medio”. A asemblea de traballadores tamén lle pedira por escrito á dirección que informase da liña editorial do medio. En boa medida a situación nacera da preocupación que na dirección d’A Nosa Terra xerara a liña da súa edición dixital, menos dogmática cá do semanario matriz, e unha miga afastada das directrices do partido maioritario no nacionalismo galego.
Polémicas e débedas
Mentres, a empresa que puxo en marcha GZNación, Carrumeiro Media, foi acusada polo Partido Popular e por medios de ideoloxías tan distintas como El País ou Novas da Galiza de recibir das consellarías do BNG contratos por 1,1 millóns de euros. Boa parte das adxudicacións foran concedidas polos departamentos de Industria e Medio Rural, dos que eran altos cargos Xoán Manuel Bazarra e Alberte Soto, dúas das persoas que constituíran a sociedade co exsecretario de Organización do BNG, Alberte Ansede. Os tres abandonaron Carrumeiro en outubro de 2006, dous meses antes de nacer GZNación e de que a empresa comezase a beneficiarse dos contratos públicos. Malia aos intentos de GZNación de non aparecer vinculada publicamente ao BNG, o certo é que as decisións editoriais máis importantes se tomaban no gabinete de prensa da formación nacionalista e que o vínculo partidario do medio sempre foi evidente.
E, finalmente, o pasado mes de xullo facíase público que Vieiros e Acordar (a súa empresa de creación e xestión de páxinas web) acumulaban débedas con Facenda e a Seguridade Social superiores aos 600.000 euros e que se ían desfacer dun terzo dos seus traballadores, 10 dun total de 31. Ademais, amparadas na súa situación económica, as empresas foran adiando os pagamentos aos traballadores, de xeito que o 1 de agosto lles debían os meses de xuño e xullo, así como unha paga extra. A situación foi denunciada publicamente pola CUT e polo Sindicato de Xornalistas.
Resulta difícil comprender que estas empresas se atopen nunha situación económica tan negativa, pois Vieiros e Acordar tiveron nos últimos anos inxentes ingresos procedentes de fontes públicas, con importantes convenios coas consellarías do bipartito (nomeadamente as controladas polos nacionalistas) e outras administracións. O Partido Popular fixo públicas as súas dúbidas sobre a legalidade destes contratos, ao igual que algúns medios de comunicación, como La Opinión de A Coruña: en setembro de 2008 o xornal publicou que Sada Unida denunciara ao goberno local da vila polo decreto de contratación de Acordar para a actualización diaria da web, a contratación dun responsábel de prensa e a edición da revista municipal, cun importe total de 11.900 euros. É práctica habitual que a administración adxudique contratos por un valor inferior aos doce mil euros, amparándose na Lei 13/1995 de Contratos das Administracións Públicas, que por baixo desa cantidade permite facer unha adxudicación directa (sen pasar polos mecanismos de control económico). Porén, segundo Sada Unida, as facturas da impresión da revista non estaban incluídas no contrato, que superaría deste xeito os 12 mil euros.
En relación con isto, o 7 de agosto El País daba conta do informe elaborado polo Consello de Contas sobre as axudas que a Xunta lle concedeu en 2006 aos medios galegos, un total de vinte millóns de euros, dos que menos do dez por cento correspondía a publicidade. La Voz de Galicia, El Correo Gallego e Faro de Vigo recibiron as partidas principais, mais A Nosa Terra non quedaba moito máis atrás, con máis de 1,3 millóns de euros, o que a converteu na quinta empresa que máis cartos obtivo. Segundo o mesmo informe, Vieiros, malia non ter edición impresa, apañou máis de 380 mil euros no reparto da Xunta, cifra semellante á da Cadena Ser, e superior á de Atlántico Diario, Cope ou ABC.
En canto ás cabeceiras impresas próximas ao galeguismo, o proceso foi diferente. Aínda que o proxecto do Xornal naceu con problemas e cun certo atraso e improvisación, a cabeceira semella consolidada. Con todo, as súas cifras de vendas e subscricións seguen sendo reducidas, de xeito que nos últimos meses son frecuentes os ruxerruxes sobre a súa continuidade, unidos ás informacións sobre a situación económica do Grupo San José (propietario de Xornal e de A Nosa Terra), afectado pola crise inmobiliaria e pola paralización de certos proxectos, coma o concurso eólico ou a súa fusión con Parquesol. No medio dos rumores chegou a nova da substitución do xerente do Xornal, Xabier Martínez Cobas, por Miguel Ángel Souto, exdelegado de La Voz de Galicia en Ferrol, ligado a ideoloxías conservadoras e moi afastado do galeguismo promovido pola cabeceira. Porén, o 21 de xullo anunciábase a arelada fusión entre San José e Parquesol e a saída a Bolsa (con subas importantes) do novo grupo.
Públicos limitados
Hai un fracaso común aos medios dixitais próximos ao nacionalismo, alén dos problemas económicos que sofre Vieiros, do errado que resultou dende un comezo o proxecto de GZNación ou da forma en que a dirección de A Nosa Terra xestionou o semanario e mais o seu xornal dixital en moitos momentos. Nos tres casos o obxectivo era que o produto chegase a un público (novo, principalmente) que non estivese ligado activamente ao nacionalismo e ao propio BNG. Porén, a realidade é que todos eles ficaron limitados aos seus lectores iniciais. Aí están as súas cifras de visitas, que seguen sendo moi reducidas en A Nosa Terra e GZNación (inferiores aos cinco mil usuarios diarios) e que en Vieiros, sendo superiores (ao redor de vinte mil), hai meses que chegaron a un teito que parece difícil de superar.
O fracaso das cabeceiras dixitais próximas ao nacionalismo revela que a consolidación dos medios en rede como alternativa ao xornalismo tradicional vai ter que agardar en Galicia. Os títulos históricos dan pasos, mais moi de vagar, e só en moi contadas ocasións dixitais como A Nosa Terra e Vieiros acadaron unha capacidade real de influír na sociedade. Os problemas seguen sendo a falta de profundidade dos seus contidos, que leva a unha lectura apresurada e superficial, e tamén o seu mimetismo coa axenda publicada polos impresos. Ademais, no caso de moitos dos medios afíns ao nacionalismo uníronse outras eivas, como o excesivo dirixismo exercido dende o BNG, ou a repetición de prácticas empresariais e xornalísticas erradas, habituais nos medios tradicionais.















