Ruy Farias: “Os emigrantes considerábanse unha vía para modernizar Galicia”
Adoita nomearse Río da Prata como “a quinta provincia” galega, por ter acollido centos de milleiros de galegos que buscaban mellorar as súas condicións de vida. Os tempos cambiaron, pero aquel fenómeno deixou todo un colectivo coas súas peculiares formas de organización e de solidariedade. Falamos con Ruy Farías do pasado e o presente da comunidade galega en Bos Aires.
Que motivou o xurdimento das primeiras agrupacións de emigrantes galegos na Arxentina?
Aínda que existen precedentes a fins do século XVIII, o asociacionismo galego propiamente dito non agroma até o último cuarto do século XIX, coincidindo co inicio da emigración masiva desde Galicia. En 1879 naceu o primeiro Centro Galego de Bos Aires, iniciativa pronto imitada noutras cidades arxentinas. No contexto dunha saúde pública pouco desenvolvida, dun elevado grao de analfabetismo, e baixa consideración social por parte da sociedade receptora, as principais motivacións para o nacemento destas institucións foron o socorro mutuo, a instrución e a defensa do “bo nome” de Galicia e dos seus emigrantes. Co nacemento do segundo e actual Centro Gallego de Buenos Aires (1907) o mutualismo e asistencia sanitaria pasaron a un primeiro plano. A provisión dunha cobertura sanitaria completa foi o grande éxito dese centro, que chegou a converterse nunha das mutuas máis grandes do mundo, con máis de cen mil socios a fins da década de 1950.
En que se diferencia a colectividade galega doutras tamén emigrantes na Arxentina?
O asociacionismo galego en Bos Aires e periferia distinguiuse principalmente pola magnitude da súa base microterritorial, que ten varias causas. En primeiro lugar, o carácter masivo dos fluxos migratorios e os seus mecanismos, baseados na existencia de infinitas redes sociais que provocaban que desde un lugar concreto de Galicia se emigrase maiormente a outro sitio concreto da Arxentina. Por outra parte, até 1936 a taxa de retorno dos emigrantes galegos foi sempre moi alta, de xeito que a conexión co lugar de orixe raramente se perdía. Sumemos a existencia dun proxecto que vía os emigrantes como parte activa do proceso de modernización de Galicia. Todo isto xerou unha proliferación entre 1904 e 1936 de entidades de base municipal ou parroquial, que tiveron en moitos casos como finalidade dotar o concello ou parroquia dunha escola (laica), un hospital, un cemiterio, camiños, fontes, lavadoiros…. As máis progresistas e militantes apoiaron a loita do movemento agrarista e o republicano durante a Guerra Civil e o posterior exilio. A partir de 1940 os centros provinciais concentraron múltiples pequenas sociedades, e hoxe están fusionados no Centro Galicia de Bos Aires. Existen aínda algunhas ducias de pequenas sociedades que continúan ofrecendo aos seus asociados un lugar de sociabilidade e esparexemento.
Concordas coa idea de que a Diáspora galega en América actuou como vangarda dos movementos galeguistas e de rexurdimento literario na Galiza interior?
É certo que, por poñer só dous exemplos, foi na Habana onde se crearon a bandeira e o himno galegos e que Bos Aires viu nacer o primeiro grupo separatista que coñeceu o nacionalismo galego. Porén, en liñas xerais o galeguismo emigrante bebeu das ideas xeradas en Galicia. A emigración americana foi realmente decisiva mantendo erguida a bandeira da galeguidade nas épocas menos favorábeis na Galicia metropolitana, acollendo iniciativas coma o Consello de Galiza, ou difundindo a doutrina galeguista a través de incontábeis órganos de prensa. No ámbito literario, a emigración contribuíu ao renacer do galego como lingua escrita facéndose eco do que se escribía en Galicia. As colectividades americanas mobilizáronse para socorrer a Murguía, financiar a Real Academia Galega ou o Seminario de Estudos Galegos. Cando a partir de 1936 o galego foi desterrado como lingua literaria, o labor da emigración resultou decisivo para que continuase sendo vehículo de cultura, a través dun importantísimo labor editorial desempeñado, nomeadamente, por Luís Seoane.
É certa a imaxe do País dos Ananos que Celso Emilio nos deixou?
Penso que el só retratou unha parte da realidade. É indubidábel que, sobre todo na última vaga migratoria a América (composta maiormente por xente que pasou pola escola e o exército franquistas, farta de padecementos e á que lle inocularan a idea de que toda acción política ou social era necesariamente mala), moitos non buscaban máis ca enriquecerse. En Bos Aires, os vellos emigrantes chegados antes da crise de 1930 e da guerra alcumaron pexorativamente a esta xente “galegos do 50”. Porén, Seoane tiña razón ao polemizar con Celso Emilio, posto que non pode obviarse o papel que moitas das institucións da emigración continuaron xogando, mesmo nas difíciles condicións posteriores a 1946, na difusión no seo da comunidade galega emigrada dun discurso de identidade diferenciada da española. As institucións galegas aglutinaron á xente (aínda que nunca superasen o 25 por cento do total do seu “mercado” teórico), e a través dos seus órganos de prensa, actos, conmemoracións, festas… puxeron en valor os trazos culturais de Galicia entre moita xente que non tiña máis sentido de pertenza có da súa parroquia.
Que leva actualmente aos galegos e galegas de segunda ou terceira xeración a implicarse na comunidade galega?
Non todos os descendentes de galegos teñen interese en conservar as súas raíces. Aínda que resulte molesto, creo que despois de décadas de escasa transmisión da identidade e da cultura galega aos fillos ou aos netos dos emigrantes, os cataclismos económicos e sociais que Arxentina soportou desde 1970, xunto coa relativa mellora da realidade de Galicia, motivaron en moitos galegos de segunda ou terceira xeración un “descubrimento” da súa identidade. Así e todo, estou seguro de que cando a febre por posuír un pasaporte comunitario pase, algo do interese ficará. Interese xenuíno que, polo demais, existe en moitas persoas mozas e non tan mozas que traballan dentro e fóra das institucións da colectividade a favor da conservación, enriquecemento e difusión da cultura galega. En Bos Aires existen grupos que se xuntan para ler e comentar literatura galega, para facer teatro nesa lingua, ou realizar investigacións arredor da emigración, por non falar de colectivos como a Fundación Xeito Novo de Cultura Gallega, que mestura elementos galegos coa riqueza multicultural da cidade.
Cal é a proporción de persoas mozas dentro da colectividade galega?
A xente moza é minoritaria dentro da colectividade aínda que é preciso diferenciar entre unhas institucións e outras. Hainas que son apenas un selo de caucho gardado nun caixón. Noutros casos, teñen unha vida máis activa, pero os seus membros son persoas de idade que usan ese espazo común para xogar a partida, escoitar grupos de música tradicional ou xantar. Temo que non é así como imos atraer aos galegos de segunda ou terceira xeración, os únicos que poden evitar que, á volta de dez ou vinte anos, esas estruturas acaben por desaparecer. Tamén existen sociedades dinámicas que ofrecen actividades variadas e atractivas á mocidade. Ese é o exemplo a imitar, sen renunciar nunca a aqueles elementos identitarios que nos fan sentir quen somos.
Que postura tes respecto do voto emigrante?
É un tema complexo. Como parte da comunidade galega emigrada e profesional que ligou a súa carreira ao estudo da realidade galega a ambos lados do océano, son dos primeiros interesados en que Galicia non deixe a un lado os seus emigrantes, que lles recoñeza a súa identidade e os seus dereitos, e que os asista. Porén, en tanto persoa que aspira a vivir no marco dun sistema democrático coherente e limpo, resúltame difícil aceptar sen condicións que persoas que non naceron en Galicia e xeralmente non a coñecen máis que polo que lles contan os seus maiores ou os medios de comunicación (controlados polo goberno do momento) e maiormente non se xogan nada nas eleccións, determinen (a través de canles de dubidosas garantías) quen gobernará este país ou un determinado concello. Sei que isto causa urticaria en moitos galego-arxentinos, pero no que atinxe aos dereitos políticos creo que non é o mesmo ser emigrante que fillo ou neto de tal. Será lexítimo, mais non xusto que o goberno sexa determinado por xente que non comparte os custos sociais e políticos que se derivan do acto de escoller.















