TemposDixital

As conexións políticas do porto de Massó

Xoves 15 de Outubro, 2009   Ler comentarios [4 comentarios]    Engadir a digg | Engadir a technorati | Engadir a wikio | Chuza esta nova | Engadir a Mename | Engadir a Del.icio.us | Engadir a Yahoo
Manuel Vilas

Arde Cangas. Dúas ducias de persoas detidas, un atentado contra un banco e un goberno municipal a piques de rachar. É o saldo das obras de Residencial Marina Atlántica na antiga conserveira Massó, malia o informe negativo e vinculante dos biólogos da Xunta. Desvelamos as conexións políticas agochadas tralo proxecto.
 

Marina Atlántica conta co apoio do Porto de Vigo, Caixanova e de importantes construtores ben relacionados con cargos de PP e PSdeG. O conselleiro Antonio Hernández traballou no seu momento para Puentes y Calzada, a construtora que está a executar as obras do peirao previsto como paso previo á urbanización. Segundo foi publicado por Novas da Galiza, a socialista Dolores Villarino foi socia nos anos 80 doutro dos construtores implicados, Ubaldino Rodríguez, presidente da sociedade Complejo Residencial Marina Atlántica S.L., na que Caixanova participa ao 50 por cento, e como concelleira de Urbanismo de Vigo adxudicou varias urbanizacións ao Grupo Atlántico. A propia alcaldesa de Cangas, a nacionalista Clara Millán, tampouco se opón activamente ao proxecto. Fronte a eles, o Foro Social de Cangas e a Confraría de Pescadores.

Ubaldino Rodríguez é un dos construtores máis poderosos do sur de Galicia. Cofundador da patronal provincial Aproin, é moi coñecido en Vigo, onde foi promotor da Finca da Pastora, entre outras grandes operacións. Nesta cidade traballa a miúdo a través da Inmobiliaria Miraflores, que se enfrontou ao Concello nun longo e millonario preito pola permuta de terreos. A figura de Ubaldino Rodríguez saltou tamén aos titulares en maio de 2008, cando recibiu na sede de Grupo Atlántico un paquete bomba, que foi desactivado sen que aínda se dese co responsábel.
 
Residencial Marina Atlántica ten un capital de só 62.000 euros. Para executar a obra constituíuse outra firma en 2006, Complejo Residencial Marina Atlántica S.L. Nesta sociedade participan Caixanova (50 por cento das accións) e Ubaldino Rodríguez (presidente da sociedade).  No Rexistro Mercantil destaca a entrada nesta sociedade do construtor José Manuel Otero Alonso como conselleiro en 2007. Otero Alonso tamén é presidente do Grupo Puentes y Calzada. Esta coñecida firma está a executar a obra do peirao, que é o paso inicial dunha operación maior.
 
Os puntos escuros do proxecto
 
Co anterior goberno municipal do PP, Marina Atlántica presentou un proxecto para construír 85.000 metros de apartamentos de luxo e un centro comercial ao carón dos atraques. Deses apartamentos manaría o verdadeiro beneficio da operación, 300 millóns segundo o Foro Social. As casas faríanse en terreos que, na súa maioría, seguen a ter hoxe a cualificación de chan industrial. Marina Atlántica adquiriu ese chan a prezo moi reducido de Frigoríficos do Morrazo. Fíxoo coa esperanza dunha recualificación urbanística que a derrota do PP nos últimos comicios locais frustrou, cando menos polo de agora.
Para unha filial de Puentes y Calzada traballou o actual conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas, Agustín Hernández. Cómpre lembrar que o político está a ser investigado pola Xustiza por asinar certificados falsos de finalización dunha estrada, cando era directivo da Deputación de Pontevedra, en favor de Puentes y Calzada. Ademais de ter as competencias de ambiente, Hernández é unha das figuras claves do PP de Pontevedra. Tamén o é Corina Porro, o cargo público con máis capacidade para deter as obras, por ser a actual presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo.
Os terreos do porto deportivo eran da Autoridade Portuaria de Vigo, quen outorgou a concesión en 2005. Iso si, a única vía de acceso ás obras é un camiño propiedade do Concello. A construtora ampliou este ano o camiño para permitir o acceso da maquinaria. Fíxoo sen licenza municipal. Este é un dos argumentos do Foro Social de Cangas e da Confraría local para acusar ao consistorio –que dirixe Clara Millán (BNG) nunha coalición con PSdeG e a Alternativa Canguesa de Esquerdas (alianza de FPG e EU)– de cooperar coa promotora.
A clave da lea política local é se o Concello ten competencias para parar a construción. Os opositores –liderados polo concelleiro Mariano Abalo da FPG– argumentan que a construtora necesita licenza municipal. Un requisito que tanto a empresa como a alcaldesa aseguran que non é necesario, por realizarse as actuacións en chan do Porto de Vigo, que deu a concesión malia o informe negativo e vinculante da Xunta que se detalla ao final desta reportaxe. O voceiro do Foro Social, Tiago Pérez, acusa a esta administración de ser “absolutamente corrupta”.
 
A deslexitimación do conflito

A alcaldesa tentou desatascar o conflito, iniciado en 2005, convocando a pescadores, promotores e ao Porto este verán. A xuntanza fracasou e rematou coa Policía Local interpoñéndose na chuvia de ovos que dende a concentración do Foro Social se lanzaron aos directivos da promotora. “Tirarlles ovos aos representantes da construtora pode ser un desafogo para algunhas persoas, pero págase ao día seguinte nos medios”, quéixase Tiago Pérez, molesto pola imaxe que dá a prensa local sobre as protestas. Preguntado polo artefacto que estourou nas oficinas de Caixanova e a queima de contedores na manifestación do 1 de agosto, o voceiro veciñal cualifícaos de “actos vandálicos que non ten nada que ver co noso movemento pacífico”.
 
Pérez quere desvincular as protestas de calquera corrente partidaria. Por exemplo, asegura que o Foro Social escribiu a Ceivar (organización que defende aos presos independentistas) CEIVAR (organización que defende aos presos independentistas) que non vinculase máis algunhas detencións por actos violentos coas mobiliacións veciñais e dos ecoloxistas.
.
Tras o fracaso da convocatoria de Millán, a Consellería do Mar impulsa outra quenda de conversas. Está por ver se Corina Porro quere dialogar. A presidenta do Porto non enviou ningún representante á xuntanza promovida polo Concello. O voceiro do Foro recoñece que, cando menos, a conselleira do PP reuniuse cos mariñeiros, algo que non fixo a súa predecesora, a socialista Carme Gallego.
 
Pérez relaciona o “apoio do PSOE á obra” aos vínculos entre a expresidenta do Parlamento e Ubaldino Rodriguez. Iso si, Pérez insiste en que “é o Concello quen ten todo na man para parar o porto hoxe mesmo”. O activista argumenta que as obras estaban supeditadas a un convenio coa promotora que é inválido, pois o PXOM que o amparaba foi derrogado pola coalición de esquerdas.
 
Por que cala a alcaldesa nacionalista?
O certo é que o pacto de goberno local establece que o Concello oporase ao peirao. Daquela, por que a alcaldesa non toma unha postura máis activa? Na manifestación contra as obras do día 1 de agosto participaron máis de 6.000 persoas, entre elas numerosos simpatizantes da fronte nacionalista. Nunha das escasas entrevistas que concedeu, Clara Millán destacou que houbo máis cangueses que ficaron na casa que na protesta.
A negativa de Millán a detallar a súa postura a TEMPOS Novos impide contrastar a versión do Foro Social. Tiago Pérez fala dun “pacto de gran altura entre o Bloque e Caixanova”. Nel, segundo o voceiro do Foro Social, o BNG deixaría facer a Marina Atlántica a cambio de que a entidade facilitase o financiamento das campañas electorais da fronte. “Non hai outra explicación lóxica tendo en conta o desgaste electoral evidente que lles vai a causar este conflito”, conclúe Pérez.
Malia que o Bloque mostra a súa oposición ao Porto no Parlamento de Galicia, a alcaldesa non quere detallar nos medios a súa postura sobre o caso. Fontes do Concello aseguran que a mandataria non se pronunciará máis sobre este asunto e remiten ao Porto de Vigo que “é quen ten as competencias”.
 
Un informe oficial ignorado e perdido
O certo é que o informe da Consellería de Pesca é demoledor para a construtora. A bióloga da Xunta, Araceli Hidalgo, explica como a empresa presume dun proxecto con medidas que minorarían o impacto da obra na Ría. Entre elas non realizar recheos, non superar a lonxitude do actual dique de Frigoríficos do Morrazo e prescindir de dragados. Porén, ao analizar polo miúdo o plan, a técnica atopa que en realidade ningunha destas promesas é certa.
Así, Residencial Marina Atlántica “non cumpre coas premisas de non realización de dragados”, prevé 12.000 metros de recheos e “tamén incumpre un condicionante de deseño de non superar o dique de Frigoríficos do Morrazo”. Así figura na avaliación da Xunta, no que tamén se recorda que a Confraría de Pescadores de Cangas é propietaria dunha autorización para o marisqueo xusto na mesma área.
A técnica tamén denuncia que “a presenza do porto vai producir unha modificación do réxime de correntes (…) e ocasionar a creación de zonas de sedimentación e erosión” sen que a construtora estudase o impacto no marisco e nas praias. Tendo en conta ademais que o proxecto carece dun sistema de depuración de residuos, a técnica conclúe que “informase o proxecto desfavorablemente nos termos actuais” e lembra que “tendo en conta que segundo o establecido na Lei 8/2001, o informe desta Consellería é preceptivo e vinculante”.
Se a avaliación “preceptiva e vinculante” da Xunta é tan crítica coa obra, como o Porto foi quen de autorizala? A escusa oficial da Autoridade Portuaria é que o informe de Pesca non chegou en prazo, escusa que se derruba analizando polo miúdo as datas da documentación. Trátase dun dos aspectos máis escuros da acción de Xunta e da Autoridade Portuaria. Un posíbel caso de falsidade documental e un dos puntos clave na maraña xudicial.
Pesca remitiu o informe ao Porto de Vigo en decembro de 2004, xa cun atraso de seis meses dende que a bióloga asinase a súa avaliación. Con todo, en febreiro de 2005 o Consello de Administración do Porto de Vigo aproba a concesión alegando que pediu documentación á Xunta “sen que até o día da data de hoxe se recibise informe ao respecto”.
Algo que é falso, pois un selo do rexistro do Porto de Vigo proba que a avaliación negativa entrou nas súas oficinas o 7 de xaneiro de 2005. É dicir, o Porto dá a concesión alegando o silencio administrativo da Xunta cando o informe levaba, polo menos, máis dun mes sobre a súa mesa.
En definitiva, os camións de Puentes y Calzada seguen obrando entre protestas e detencións malia que a concesión da obra, recorrida nos xulgados, é moi dubidosa dende o punto de vista legal á vista dos documentos que publica TEMPOS Novos. Os beneficiarios son Caixanova e dúas construtoras con boas relacións co PSdeG (Ubaldino Rodríguez) e PPdeG (Puentes y Calzada). Os prexudicados máis inmediatos son os pescadores de baixura de Cangas, que anuncian novas mobilizacións. A súa presión favoreceu unha oposición máis belixerante por parte do BNG a nivel autonómico.
En todo caso o porto estará construído cando os xulgados se pronuncien definitivamente. Marina Atlántica terá entón un gran argumento para que o Concello resultante dos próximos comicios locais recualifique os terreos próximos para os apartamentos de luxo. O máis probábel é que triunfe de novo a política de feitos consumados que promoven as grandes corporacións na costa galega.
Algúns exemplos de obras ilegalizadas que finalmente saíron adiante pódense ler a miúdo nos titulares da prensa. Por exemplo, o recente permiso da Xunta a Pescanova para ampliar a súa granxa en Oia, malia que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza mandara derrubala.
O caso de Massó parécese ao de Oia en que logrou desatar certa presión mediática e política, insuficiente en todo caso para deter os camións. Abonda pasear por calquera vila mariñeira para comprobar que na costa galega o ladrillo segue a impor os seus intereses, a miúdo mesmo por riba da lei.
 
(artigo publicado no nº149 de TEMPOS NOVOS)

Temas relacionados: , ,

Comentarios a «As conexións políticas do porto de Massó» (4 comentarios)

  1. alvarez dixo:

    En tan sesudo, demagóxico e sesgado análise, digo eu, non falta o que o alguns do resto dos mortales ven de entrada : Aqui estan de novo os restos do que queda dos esquerditas-funcionarios aliados foribundos, coma sempre, co PP (cofradia de pescadores ) para a ver si tumban dunha vez a alcaldesa do BNJ. O cal por certo nin me parece ben nin mal, tanto uns coma os outros traemen o pairo pero é que, amijiño, e tan burdo e tan de manual ..que da risa. Como suscriptor da revista esperaba un pouquiño mais de nivel na información ainda que se o artigo é de opinión, cálome. Pero de tódolos xeitos, ánimo con Tempos.

  2. chuza.org dixo:

    As conexións políticas do porto de Massó…

    Arde Cangas. Dúas ducias de persoas detidas, un atentado contra un banco e un goberno municipal a piques de rachar. É o saldo das obras de Residencial Marina Atlántica na antiga conserveira Massó, malia o informe negativo e vinculante dos biólogos…

  3. pelexo dixo:

    Amigho alvarez, o BNJ bástase e sóbrase en Cangas para autonoquearse eficientemente sen precisar da confabulación xudeomasónica de mariñeiros e “corbatas” do PP. Despois de todo, xa se sabe que o PP en Cangas lidera as manifas de oposición ao porto e montan barricadas tódolos días de diox. Codo con codo coa confraría e o Foro Social, de toda la vida.

  4. alvarez dixo:

    Sr. Pelexo, como xa dixen, para min o bnj en Cangas e en toda a nación, que se autonoquee, se afunda e se vaia a pique, tanto me ten.
    Non teño o gosto de coñecelo pero no meu barrio e na miña parroquia que esta xunto en frente dese Concello, o meus veciños,coñecidos e familiares do PP, que sonche moitos, por algo gobernaron durante non sei cantos lustros e agora o que queda de anos por aturalos, sonche xente na sua inmensa maioria que a única “corbata” que viron foi na tv ou o día de algunha boda, os que son homes, claro está. E para alguns deles de ir a manifestacións e si hai que apedrear a algún coche de policía ou Vitrasa, tamen. E que en Vigo somosche moi guerrilleiros, tanto uns como os outros. E por desgracia para a nación non temos 800.000 votantes do PP montados no dolar e señoritangos, porque si a si fora viviríamos na Suiza e polo menos no meu barrio e nos limítrofes non anda por ahi o conto.
    En canto a liderar manifestacións pois os pepeiros sonche xente intelixente que sabe cando hai que ir detras e deixar que outros lles fagan o rego.

    En canto os do Foro Social e demais tampouco teño o gosto de coñecelos pero, a miña experiencia dime que canto mais esquerdoso o final, mais dereitoso. E que moitos salvadores do mundo proletario prefiren que goberne o PP a que sexa calqueira outro que non sexa eles mesmos na sua santa iluminación, o cal por certo paréceme moi ben, chapeau para os que asi pensen e actuen.

    O que pasa e xa son moitos anos vindo o que fan uns e outros e as manipulacións ou como os manipulan ou se deixan manipular alguns, a min, que quer que lle diga, fanme sorrir, cousa que é de agradecer.
    Un saudo.

Deixe unha resposta

TEMPOS Dixital resérvase o dereito de editar ou borrar as colaboracións dos usuarios/as que comporten:

  • Vulneracións do respecto e dignidade das persoas ou mensaxes discriminatorias, xenófobas ou sexistas.
  • Comentarios que atenten contra a xuventude, a infancia e a seguridade pública.
  • Ligazóns a contidos pornográficos ou arquivos ilegais.
Os comentarios publicaranse despois de admitilos o moderador.

Debe estar rexistrado para engadir un comentario.