TemposDixital

A desamortización dos inútiles

Venres 16 de Outubro, 2009    Engadir a digg | Engadir a technorati | Engadir a wikio | Chuza esta nova | Engadir a Mename | Engadir a Del.icio.us | Engadir a Yahoo
Xurxo Borrazás

A Xunta popular está a protagonizar unha nova restauración. Abandéirana os recortes do estado de benestar, os ataques á cultura galega e a fractura social. Se cadra, seguindo coa metáfora do autor, a mangueira de Cerdedo estaria abusando dun modelo que non lle acae ben ao contexto social e cultural galego.
Tal como pinta o choio, esta colaboración mensual vai ficar sen obxecto. Falar de Cultura seguramente sobra cando o goberno da Xunta está a parcelar o país: canteiras, piscifactorías, encoros, Lei do Solo… Igualmente os servizos básicos: sanitarios, de educación, asistenciais; e as estruturas produtivas e financeiras do país para repartilas entre os seus, unha transferencia e concentración de riqueza que comezou a nivel mundial coa crise do ’73 e da que os inquilinos de San Caetano non nos queren deixar á marxe. Fronte a iso, digo, a cultura é unha merda.

Asistimos a unha nova desamortización, á rapina involucionista sobre as conquistas da xente do común nos últimos cen anos, unha desamortización cuxo rédito non vai parar ás arcas do Estado senón ao peto dos que hai eses cento e pico anos deberon renunciar a parte duns privilexios mantidos pola forza e a ameaza, privilexios que esa elite debeu ir cedendo ante o fortalecemento das estruturas públicas derivado das revolucións burguesas.

Hoxe preténdese levar a cabo un cambio de agullas daquel movemento que encetaron os Ilustrados, unha restauración, unha reconquista daquela perda e unha reescrita da historia facendo que este período negro, o do camiño cara a igualdade, comece nos libros do futuro como unha paréntese que o noso cruzado, a mangueira de Cerdedo, se encarga de pechar con Gloria: Galiza para os galegos! Para os galegos coma eles, claro: contra a lingua e os devanceiros, contra a igualdade de oportunidades, contra o estado do benestar, contra o estado de dereito. Vai todo no mesmo pack, o dos “Nasíos pa’ matar.”  

Dío o propio conselleiro de educación: “Estase a producir un ataque ao ensino, e ao público, como nunca o houbo.” Non sei se falamos do mesmo pero o diagnóstico é acertado. E outro tanto en sanidade, en infraestruturas, en medio ambiente, en servizos sociais… Só semellan salvarse os proxectos escurialenses e ruinosos propios do antigo réxime, coma a Cidade da Cultura ou o porto exterior de Arteixo, así como o Xacobeo, o Opus Dei ou os equipos de fútbol, sustrato ideolóxico da nova era triunfal. Nese contexto a cultura leva camiño de converterse nunha estadea, un corpo descoordinado e sen sangue, exánime, vítima da sangría e as agresións ás que é sometida polas políticas culturais dinamitadoras, con “t” de TNT. A situación empeora e vai adquirindo carácter de doenza, e toda doenza sen hixiene e sen profilaxe tende a converterse en crónica. Esta é a nosa crónica desa doenza.

E daquela que? Ante o abandono institucional, unha crónica da nada? No transo da depresión un tende a velo todo cos lentes da negatividade e, segundo lemos e ouvimos, hai moita xente deprimida polo estado de cousas. Con todo, moitas depresións son froito da paranoia ou vense agravadas por ela. Este factor paralizante compromete a recuperación e debe verse compensado por outro igualmente imaxinario, pero máis produtivo, a ledicia e a forza da creatividade.

Supoñamos que o goberno erra e ten medo, que por iso o día seguinte ao valente paso adiante da RAG en Celanova, deciden atrasar o decreto da lingua no ensino, ou que cando os directores de centros se plantan fronte á xestión da consellería, esta recolle velas. Pensemos que o goberno se queima innecesariamente e amosa a súa inseguridade ao sinalar como inimigos a uns creadores maiormente inofensivos, ao noso pesar. Uns creadores, adoito simples subministradores de produtos culturais, que tamén teñen medo, ou precaución, e que serían aínda máis inofensivos se o executivo mantivese as axudas económicas aos diferentes sectores. Subvencións que, por outra banda, eran o chocolate do loro.

Lembremos que non só se lle pecha a billa da subvención ao Consello da Cultura, ou a festivais de teatro, de cinema, de fotografía, de poesía ou de jazz. Máis desapercibida pasou a suspensión dun certame de gaita en Ferrol pola retirada dos apoios públicos. De poesía pasa, pero… de gaita! En Ferrol! Iso xa é o instinto cego do que racha as fotos e borra as mensaxes da parella rota. É coma se o PP retirase da grella televisiva o Luar, a revolta sería fulminante e despertaría a unha multitude adurmiñada que se conforma con pouco: catro folclóricas e dous humoristas de sal gordo. E total, por catro cans.

O caso máis relevante é quizais o da literatura, onde si se mantén certa masa crítica. Que lle convén a un goberno conservador e autoritario? Manter como interlocutoras a unhas editoriais de perfil baixo, empresarial e desideoloxizado, ou socavar o seu status complicándolles os balances e levándoas a competir coas editoriais máis arriscadas, as que teñen menos que perder e que en todo caso sairían beneficiadas na súa posición relativa fronte ás tradicionais? Ou peor aínda, quere o PP acelerar o proceso de que autores e autoras recorran ás editoriais electrónicas, as máis directas e sinxelas, as menos dependentes de aportes externos? Como diría Conde Roa: “os aprendices da kale borroka”? Quere o PP inimigos sen nada que perder? Eu encantado, e o beneficio económico das miñas publicacións non diferiría en grande medida.

Os da gaivota tiveron mesmo a mala sorte de que xusto o día en que eles suprimían as axudas á tradución para 2009, o Ministerio de Cultura facía públicas as dotacións para a tradución das obras en castelán. O castelán, esa cultura subvencionada.

 O modelo
O modelo que Feijóo quere aplicar, o dos think tanks do capitalismo imperial americano, é un modelo deseñado para escenarios de maior fractura social e política que o noso no presente. Ese modelo valía para a Latinoamérica dos setenta e oitenta, coas desvalorizacións de elefante, as suspensións de dereitos, as privatizacións a favor do capital de Wall Street, a especulación coa débeda e mesmo os escuadróns da morte e os desaparecidos.

Non é o caso, a pesar de que as alarmas programadas, como a da crise, as pandemias ou o terrorismo global cumpran unha función semellante. Mais non é o caso. O caso é que a Feijóo pasáronlle unhas instrucións nun folio e un mando a distancia cun modelo que se debe aplicar. O modelo ten tres posicións, tres niveis de marcha: light, standard e extreme, e o azoute dos Audis sabe que os nosos parámetros só dan para empregar o light pero ás veces non se contén, férvelle o cu, pícalle a curiosidade e preme no botón de standard coma un neno traste, por ver o que pasa e gozar dun chisco de diversión (todo o mundo ten dereito a divertirse, ou non?), mesmo por facer méritos ante quen corresponda polo que poida pasar, ou coa idea de que… se o modelo precisa fractura, e non a hai, haberá que provocala. O importante é que o modelo funcione e que o alumno se mostre obediente e aplicado.

E entón obsérvase a desmesura do que mata moscas a canonazos ou crea opoñentes fantasma e os dimensiona ata proporcións ciclópeas para vender vitorias épicas e erguer arcos de triunfo: “Eran polo menos cen,” dirán nos seus partes de guerra, “que digo cen! Cen mil!”

No eido da cultura isto é evidente. Con honrosas excepcións, os nosos músicos, plásticos, actores e actrices ou escritores, a base de comer na man xa aprenderon a falar coma os futbolistas: “medo non, pero respecto si; nós temos que facer o noso xogo, ir partido a partido, saír a dalo todo, non desordenarnos e xogar onde nos poña o míster…   

O PP non tiña nada que temer, os nosos creadores xa aprenderan a responder nas entrevistas con xeneralidades e simplezas non comprometedoras, sabedores e sabedoras de que o importante é a foto e o resto é palla. Xa moitos dispoñen de mil caracteres na revista de cores para criticar as vítimas civís nas guerras do mundo ou condenar a fame nos países pobres. O panorama era ese. Por que tocar nada? O PP xa gañaba cinco cero mediado o segundo tempo. Facilmente podía relaxar a presión e conservar o resultado, tiña os puntos no saco e o partido nas mans. Que gañaba con cebarse?

En parte é un erro, síntoma de inseguridade. En parte búscanse máis goles porque cousas máis raras teñen pasado no fútbol, sempre poden facer falta para o goal average en caso de empate. Ao tempo búscase o medo escénico. Só respirarán a gusto cando, ademais de gañar o partido, o contrincante baixe a segunda división, ou desapareza afogado pola insolvencia e os conflitos internos. Búscase a radicalización que conduza aos rivais á marxinalidade, provoque a desbandada e faga aflorar a covardía dos que prefiren tirar a toalla ante o primeiro golpe. A estes, por certo, o PP ficharaos de bo grao para o seu propio equipo porque fan o tipo de xogo que canxa coa súa filosofía do fútbol, ou da cultura. Que máis terá! O conselleiro avisa, palabras textuais, que só se apoiarán as actividades con “impacto económico”. O resto, “as actividades inútiles, quedan descartadas.” Que indirecta! Que sutileza!  

      Política lixo

Nun libro pouco coñecido de Angela Carter, A muller sadiana, a escritora argumenta que a literatura de Sade constitúe unha valiosa ferramenta para o pensamento feminista porque é esclarecedora, desvela coma ningunha outra a condición de terror e apropiación que padeceron as mulleres. A quen coñeza a obra de Sade a idea pareceralle, cando menos, provocadora, pero é intelixente. Fagamos o mesmo coa ideoloxía de manual reaccionario do PP, e coa súa praxe. Canto máis reaccionario, máis doado resultará amosar os seus mecanismos de relación coa cidadanía. O PP fai política como se fai o telelixo, ao ritmo do fígado e do share.

Un bo exemplo constitúeo o sistema de gratuidade dos libros de texto, controvertido no seu momento pola universalidade da aplicación. Con todo, o bipartito rendibilizouno electoralmente apenas no instante da súa adopción, a partir de aí converteuse en dereito e era difícil colgarse máis medallas. O PP elimina a medida cos argumentos da esquerda, “só para quen non poida pagalos.” Acaba de paso coa incomodidade de ter que coidar os libros e a pesadume de recibir textos usados por sabe deus quen: van ser novos e van quedar en propiedade.

Todos os votantes que non teñan fillos entre os seis e os quince anos pensan que segue a haber un sistema de gratuidade, pero o goberno converte a gratuidade en axuda parcial, iso si, visíbel cada curso. O resultado é que todo o mundo vai pagar parte dos libros, a maioría integramente, pero este goberno non presta papeis vellos nin dá un vale para a librería. De entrada, pais e nais deben apoquinar, pero logo reciben un ingresiño na conta bancaria: cartos, non un vale. Enriba, como dixo o conselleiro, o sistema “axudará a engordar a biblioteca familiar.” Este ghicho é un fenómeno, sabe que aquí a xente conquístase polo bandullo. Pensan en cultura e comezan a salivar.

O gasto en publicidade para informar do sistema, ou as axudas a colexios do Opus que segregan por sexo cos argumentos cos que se xustificaba a segregación racial: a optimización da aprendizaxe, por outra parte, falsa e indefendíbel desde ningunha pedagoxía ou psicoloxía fóra das do propio Opus Dei, sobrarían para manter un sistema de préstamo universal, que se suprime en nome da austeridade orzamentaria. Velaí o manual do PP en marcha.
 
Este esquema vale para as reformas implantadas noutro tipo de axudas, por exemplo as da cultura, ou para a omnipresente austeridade que pregoan desde Ortegal ao Miño. E o resultado é sempre o mesmo, un empobrecemento dos servizos para as clases populares e medias salferido de esmolas electoralmente rendibilizábeis, acompañado de favores e chiscadelas aos privilexiados, proceso que se disfraza de mellora responsábel.

Malos tempos. Pero lembrade a Angela Carter, cómpre aprender deles. Hai unhas semanas viamos a Luís Tosar escachando coa risa en compañía de Roberto Varela. Presentaban a película Cela 211 e o conselleiro dicía que “esa película si pagaba a pena promocionala,” non dubidamos que sexa certo malia a ser discutíbel o que ese filme teña de galego. O noso estupendo actor correspondía o día seguinte loando a intelixencia do conselleiro Cosmopolitan, que ía facer unha visita de traballo á Mostra de Venecia, seguramente polo impacto mundial da súa presenza, por achegar glamour ou dar un cariño, mesmo contradicindo o que dixera ao chegar ao cargo, que non servía de nada mandar xente de aquí polo mundo (o Xacobeo ten igualmente programadas expedicións de traballo por tres ou catro continentes), que había que traer aquí, ou contratar, a xente relevante, o conselleiro pon de exemplo a Javier Marías, levalo á feira de Frankfurt para que promocione o Xacobeo e así operar un efecto multiplicador. Pola boca morre o peixe, polo que fala e polo que ri, pero ese é outro tema.

A ensinanza é que a autoridade decide o que paga a pena e o que non, e iso é negativo sexa cal sexa a autoridade. A ver se agora que van desaparecer tantas axudas a xente comeza a facer o que lle sae do cu, sen romper a cabeza tratando de axustar a proposta ao criterio do subvencionador. A ver se agora que nos levan os móbeis conseguimos ver o edificio e saber quen somos, o que queremos e canto valemos. E ao tempo ter as mans libres para dicirlles a eles quen son, canto valen e que, se nos buscan, xa saben… aquí nos teñen.

(Artigo publicado no nº149 de TEMPOS NOVOS)

Temas relacionados: , ,

Deixe unha resposta

TEMPOS Dixital resérvase o dereito de editar ou borrar as colaboracións dos usuarios/as que comporten:

  • Vulneracións do respecto e dignidade das persoas ou mensaxes discriminatorias, xenófobas ou sexistas.
  • Comentarios que atenten contra a xuventude, a infancia e a seguridade pública.
  • Ligazóns a contidos pornográficos ou arquivos ilegais.
Os comentarios publicaranse despois de admitilos o moderador.

Debe estar rexistrado para engadir un comentario.