TemposDixital

O negocio do sexo nos xornais

Luns 19 de Outubro, 2009    Engadir a digg | Engadir a technorati | Engadir a wikio | Chuza esta nova | Engadir a Menéame | Engadir a Del.icio.us | Engadir a Yahoo
Marcos S. Pérez

A prensa obtén importantes beneficios económicos do comercio sexual. A través dos anuncios por palabras da sección de ‘Relax’ as cabeceiras galegas ingresan cada ano uns cinco millóns de euros. A pesar de que dende o Congreso dos Deputados se instou a retirar esta publicidade, e dende o Plan Integral de loita contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual se fala de promover o control destes anuncios, os xornais néganse a renunciar a ela. Iso si, cunha dobre vara de medir, nas súas informacións denuncian a prostitución.  
La Voz de Galicia ingresa cada ano uns dous millóns e medio de euros (máis de seis mil euros ao día) a través dos anuncios por palabras nos que se publicitan servizos de prostitución. O resto das cabeceiras obteñen beneficios igualmente importantes, dende o millón de euros que leva o Faro de Vigo (case tres mil diarios) aos máis de 700.000 de El Progreso. En total, a prensa do país gaña uns cinco millóns de euros grazas á prostitución, cunha dobre moral que leva aos xornais a criticar con dureza este fenómeno cando supón algún escándalo público, é dicir, cando se realiza á vista da sociedade.
 
Os anuncios de comercio sexual foron a máis dende finais da década dos oitenta, en paralelo á evolución do negocio do sexo. Porén, foi en 2003, coa reforma do Código Penal que volvía a penalizar o proxenetismo, cando se disparou o número de anuncios na prensa, canda ao auxe no uso de pisos como espazo menos visíbel para os encontros. Como concluíu Belén Puñal nunha investigación, “a prensa volveuse así mesmo indispensábel intermediario”. A autora afirma que estes anuncios, que en 1987 non existían ou eran testemuñais en La Voz de Galicia e Faro de Vigo (12 e 25, respectivamente, na xornada analizada para o estudo), en 2002 supoñían xa unha parte importante dos clasificados publicados por cada xornal (La Voz 98; Faro 194; El Correo 53; El Progreso 68; La Región 49). Nunha nova medición, realizada en 2009, as cifras eran mesmo superiores (La Voz 267; Faro 210; El Correo 54; El Progreso 74; La Región 84). Podemos atopar anuncios de prostitución en todos os xornais galegos, engadindo aos xa citados La Opinión, Atlántico Diario e El Ideal Gallego, cunha ducia de insercións en cada número. Hainos mesmo no Galicia Hoxe, un total de seis, iso si, nun normalizado galego: “cuíño respingón”.
 
As tarifas van dende os catro euros que custa un anuncio-tipo de dez palabras en El Correo, ou os seis euros en Faro de Vigo, até os ao redor de 20 (dependendo do día da semana e da edición na que se publique) que cobra La Voz. Os clasificados que inclúen fotografías teñen un custo moi superior: 30 euros en El Correo e El Progreso, 80 en Faro, e até 200 en La Voz. Neste xornal, ademais, os anuncios que se publican nas súas seccións de ‘Relax’ son un 10 por cento máis caros que o resto, mostra de que a empresa é consciente dos beneficios que lle reporta. Á cifra total de cinco millóns de euros poderiamos sumar os case tres millóns procedentes da publicidade das chamadas ‘Liñas de Amigos’, páxinas nas que se anuncia un teléfono que permite establecer relacións persoais. La Opinión, Xornal de Galicia, El Progreso, Faro de Vigo e Diario de Ferrol publican unha plana cada día.
 
Unha comisión do Congreso dos Deputados aprobou en 2007 un Informe sobre a prostitución no que se lle pedía ao Goberno que lles solicitase aos medios a renuncia “á publicidade relacionada co comercio sexual para impedir o negocio das organizacións mafiosas”. Porén, o Goberno só lles suxeriu que tivesen en conta que estes anuncios proveñen en gran medida das redes de explotación sexual; en concreto, a policía estima que o 85% das persoas que exercen a prostitución non o fan de forma voluntaria. Segundo o informe, El País publica un día calquera 702 anuncios de contido sexual, por 672 de El Mundo, 225 de ABC e 91 de La Razón. Iso significa que El País ingresa uns cinco millóns de euros ao ano por este concepto, unha cifra semellante á de El Mundo. España é o único país do seu contorno en que os principais diarios de información xeral fan negocio con anuncios sobre prostitución. No resto de Europa este tipo de publicidade está relegada a rotativos locais e aos sensacionalistas. En Francia, de feito, existe un estrito marco legal que indica que "se alguén promove a prostitución mediante a difusión de mensaxes destinadas a un Público non determinado, pode ser considerado proxeneta", co que se expón a tres anos de cadea e máis dun millón de euros de multa.

Discurso hipócrita
A reportaxe publicada por El País o 1 de setembro denunciando (dun xeito que rozou o sensacionalismo) a prostitución nas rúas de Barcelona reabriu o debate. Unha semana despois Público (enleado nunha guerra de medios co xornal do Grupo Prisa) abría a súa portada denunciando a dobre moral e a “hipocrisía” da prensa española (tan só Avui, 20 Minutos e o propio Público renuncian a publicar estes anuncios), que denuncia o proxenetismo cando este se fai na rúa, á vista dos seus ollos, pero que ao tempo se lucra del: “Hai unha desvergonzada dobre moral dos grandes diarios españois nos moi rendibles anuncios das casas de masaxes e telefónicas industrias subsidiarias”. A profesora na Universidade de Vigo Silvia Pérez advirte de que existe “unha conivencia” entre xornais e proxenetas, que nalgúns casos intentan (e algún conségueo) pactar un “determinado tratamento informativo” nas noticias publicadas sobre a prostitución a cambio da inserción de publicidade.
 
O debate chegou ás propias redaccións dos xornais. O 24 de maio a Defensora do Lector de El País, Milagros Pérez Oliva, dedicou o seu espazo a recoller as denuncias enviadas por moitos lectores a consecuencia da publicación dunha ampla reportaxe sobre a explotación sexual en España. Unha das cartas denunciaba a hipocrisía do xornal: “Acaso non saben que detrás de moitos deses anuncios se atopan as mesmas mafias ás que aluden as reportaxes? Acaso non é contraditorio escribir sobre este drama invisible e lucrarse con el?”. Pérez Oliva concluía dicindo que “esta Defensora considera que eses anuncios non deberían publicarse neste diario”. E o debate podería ter consecuencias legais inmediatas: a raíz da polémica, a vicepresidenta Fernández de la Vega afirmou que o Goberno "xa traballa na procura de solucións" para suprimir os anuncios de prostitución na prensa. Así e todo, un estudo de Deloitte advertía recentemente de que os ingresos obtidos a través dos clasificados caerán este ano un 30 por cento. Isto, segundo o informe, levará “previsiblemente” á “desaparición” deste tipo de publicidade.
 
En 2006 o Servizo Galego de Igualdade publicou un decálogo de boas prácticas para os medios en relación coa violencia de xénero semellante á Declaración de Compostela elaborada polo Colexio de Xornalistas. Nel dicíase que os medios “non presentarán a prostitución e as súas variantes como unha conduta socialmente admisíbel e non emitirán nin publicarán publicidade vexatoria para as mulleres, incluídos os anuncios sobre actividades relacionadas coa explotación sexual das persoas”.

Voces encontradas
O mesmo pensan as persoas e colectivos que apostan pola abolición da prostitución. Por exemplo Silvia Pérez cre que “hai que tomar medidas (por exemplo a prohibición de que se publiquen este tipo de anuncios) que contribúan a reducir o negocio, ou cando menos o lucro que moitos obteñen del”. “Só nese momento -conclúe- poderán tomarse as medidas que permitan o exercicio libre e non coercitivo desa profesión”. Porén, dende colectivos que agrupan a persoas que exercen voluntariamente a prostitución, como a Plataforma Estatal polos Dereitos das Persoas Traballadoras do Sexo, afirman que hai moitos cidadáns que “anuncian os seus servizos autonomamente na prensa escrita e detrás de quen non se atopa mafia organizada ningunha”. De igual xeito, para expertos como José López Riopedre, que apostan pola regulación destas prácticas, estes anuncios “non son algo malo, en principio. O que é censurable é que os xornais gañen diñeiro con eles e que despois a imaxe que dan da prostitución sexa a dun fenómeno marxinal”.
 
Todos concordan en que os medios teñen un discurso hipócrita, frívolo e superficial. Para a profesora Laura Oso, o publicado “non pon de relevo a complexidade desta realidade social, subliñando case exclusivamente a súa vertente máis sensacionalista e reducindo a figura da traballadora do sexo inmigrante ao papel pasivo da vítima traficada e obrigada”. De igual xeito, para Belén Puñal, “é necesario visibilizar os distintos axentes que participan do comercio sexual e ir máis alá do enfoque actual, centrado case en exclusiva na muller que exerce a prostitución. É preciso visibilizar a mafiosos, proxenetas e clientes”. Ao tempo, como reclama López Riopedre, “débeselles dar voz ás persoas que practican esta profesión e aos colectivos que as agrupan”, deixando de ser o obxecto nas informacións, para ser o suxeito. A prostitución debe saír da invisibilidade á que foi confinada nos medios e, en calquera caso, debe ir alén da información de sucesos, de xeito que se afonden nas causas e as consecuencias desta problemática social.
 
O domingo 13 no seu habitual comentario político na contraportada de La Voz de Galicia, Lois Blanco escribía, baixo o titular Oh, a prostitución existe! que “Son uns hipócritas. Porque o que lles preocupa aos alcaldes e ás súas señorías non é escravitude doutros seres humanos, senón ver as prostitutas nas esquinas das súas rúas en vez de escondidas en bordeis”. Lois Blanco faría ben en fixarse no que o seu xornal publicaba unhas poucas páxinas atrás.

Temas relacionados: , , ,

Deixe unha resposta

TEMPOS Dixital resérvase o dereito de editar ou borrar as colaboracións dos usuarios/as que comporten:

  • Vulneracións do respecto e dignidade das persoas ou mensaxes discriminatorias, xenófobas ou sexistas.
  • Comentarios que atenten contra a xuventude, a infancia e a seguridade pública.
  • Ligazóns a contidos pornográficos ou arquivos ilegais.
Os comentarios publicaranse despois de admitilos o moderador.

Debe estar rexistrado para engadir un comentario.