TemposDixital

Rosa Cobo: “Gustaríame que as leis de igualdade fosen impositivas, non propositivas”

Luns 19 de Outubro, 2009    Engadir a digg | Engadir a technorati | Engadir a wikio | Chuza esta nova | Engadir a Mename | Engadir a Del.icio.us | Engadir a Yahoo
Entrevista por Belén Puñal

Primeiro chegou ás esquerdas. Logo ao feminismo. Rosa Cobo defende con orgullo ámbalas dúas etiquetas, e dende elas sitúase no feminismo da igualdade. Profesora de Socioloxía e directora do Máster sobre Xénero na Universidade da Coruña, Cobo foi, ademais, asesora do Ministerio de Igualdade. O seu traballo teórico ten abordado cuestións como a reflexión sobre paridade e democracia, a análise do pensamento e as teorías feministas e o debate entre feminismo e multiculturalismo.
 Falou de feminismos, das disputas teóricas xurdidas no seu seo e no contexto da posmodernidade e a globalización. E fíxoo nunha sala, o Auditorio da Real Academia Galega, coas paredes acuguladas de retratos dos varóns ligados á historia da institución. Aproveitamos as xornadas “Contra vento e marea”,  para falar con esta coñecida e recoñecida teórica feminista.

Que é para ti ser feminista?
Mira, para min o feminismo, e aludo a Simone de Beauvoir, é unha maneira de vivir individualmente e de loitar colectivamente. O feminismo é unha teoría e, sobre todo, unha práctica política que ensancha os límites da democracia. Mais tamén ten que implicar unha maneira de estar no mundo. O que significa que fronte ás loitas e vindicacións políticas de partidos, de sindicatos, doutros movementos sociais, unha persoa feminista ten que priorizar as vindicacións políticas das mulleres, ser solidaria coas outras mulleres e recoñecer o que significan e o que significaron dentro da loita.
 
E ser muller?
 Ser muller nunha sociedade patriarcal como esta na que vivimos ten moitas implicacións: facer moito traballo gratuíto, ter unha posición de desigualdade e de discriminación, estar sometida a procesos de inferioridade social, estar obxectualizada e sexualizada nos medios e no imaxinario colectivo, e estar sometida a estereotipos que proporcionan unha imaxe de nós como seres non completa e radicalmente racionais, senón como seres intuitivos, sentimentais, no que a tarefa de coidados e da maternidade aparece practicamente como o núcleo da nosa maneira de estar no mundo. Non ten o mesmo significado ser muller aquí que en Burkina Faso, onde vas ser sometida probablemente a unha mutilación xenital. Mais nesta sociedade do primeiro mundo construíuse un canon de beleza e moral para as mulleres que supón unha carga cada vez máis difícil de aturar.
 
Dende o posfeminismo e a teoría queer critícase o binomio de categorías home e muller porque invisibiliza as diferenzas que existen baixo cada un destes conceptos. Que pensas ao respecto?

O ser home e o ser muller hoxe, no primeiro e no terceiro mundo, en ámbitos culturais e económicos distintos, ten significados existenciais moi diferentes para uns e para outras. Hoxe, ser home e ser muller non é un problema de performance, non é un problema de pouca importancia. Significa dúas maneiras de estar no mundo, de redistribuír os recursos e os dereitos, de soportar prácticas culturais e sociais moi distintas. Dende unha perspectiva política da esquerda, e dende unha perspectiva política feminista, non se debe esquecer nunca cales son as realidades materiais nas cales os individuos están inscritos. A estética non debe gañar nunca á ética. Outra cousa distinta é, merecería a pena que conservaramos no futuro as categoría de varón e muller? Probabelmente non. Eu creo que é desexábel normativamente para o futuro que a sociedade non estea como dividida entre homes e mulleres senón chea de individualidades moi potentes que teñan capacidade para deseñar proxectos de vida autónomos. O xénero é unha xerarquía oprimente que ha de ser superada. Iso ha de partir dunha loita política forte, para desactivar desigualdades.
 
Como viviches os debates entre feminismo da igualdade e da diferenza e logo a ruptura epistemolóxica que supón o postfeminismo e a teoría queer?
Non hai que botarse as mans á cabeza porque haxa feministas da diferenza ou feministas posmodernas ou da igualdade. A min paréceme que ten moita lóxica que coexistamos todas xuntas. É  moi difícil limitarse nunha soa cousa. Porque pasaron demasiadas cousas nos últimos 30 e 40 anos como para que unha se agarre dunha maneira acrítica a unha soa etiqueta.
 
Porén, sitúaste no feminismo da igualdade…
Quen vimos da esquerda temos un especial apego á idea da igualdade. Eu reivindico o papel do Estado, as políticas de redistribución económica, o principio ético e político da igualdade e as políticas públicas de igualdade, como as aspirou a facer o PSOE e o bipartito en Galicia, con maior ou menor sorte, con maior ou menor vontade política, e con maiores ou menores resistencias dentro dos seus partidos, dos seus sindicatos… Agora ben, reivindicar isto non é incompatíbel con reivindicar as diferenzas. O único que me parece importante é ter un marco de interpretación do mundo crítico, sitúeste onde te sitúes.
 
Existe entre feminismo e multiculturalismo un debate intenso. Primeiro son as culturas, aínda que conteñan prácticas que poidan ser consideradas discrimatorios coas mulleres? Ou primeiro son valores, como a defensa da igualdade, mesmo que poidan ser sentidos como un ataque especialmente en certas culturas como a islámica?
Cada día cústame máis falar dunhas culturas mellores e doutras peores. Prefiro falar de prácticas culturais antidemocráticas, que promoven a desigualdade e que vulneran os dereitos humanos. Aínda que preferiría que os dereitos humanos os revisásemos, porén creo que deben ser o marco no que poidamos distinguir entre unha práctica cultural que é aceptábel e unha que non o é. Se unha práctica cultural vulnera os dereitos humanos, temos que cargárnola. A min paréceme que o único multiculturalismo que é aceptábel é o que parta dese suposto.
 
Mais, como se indicou dende o público ao final da túa conferencia nas xornadas “Contra vento e marea”, cómpre lembrar que hai feministas que defenden o uso do veo nas escolas…
Paréceme que é unha práctica patriarcal que esconde e protexe moitísimos privilexios dos varóns. Mais unha cousa é a posición ético-normativa respecto a un fenómeno social, e outra é como esa posición ten que inspirar unha práctica política, aínda sabendo que entre o ético normativa e a práctica social e política hai un abismo que temos que manexar con moitísima intelixencia para que non provoque grandes resistencias sociais. Determinadas prácticas de mediación cultural teñen que activarse. Son partidaria de políticas de intervención dende as aulas, dende os concellos, dende os sitios institucionalmente próximos aos colectivos de inmigrantes, dende a sociedade civil.
 
Es unha gran defensora da idea de paridade. Que deron de si as políticas paritarias implementadas polo finado bipartito e o goberno de Zapatero?

A paridade non é só un problema técnico e de procedemento (por exemplo, confección de listas electorais) senón un problema político de distribución de recursos entre homes e mulleres: políticos, económicos, culturais, de autonomía persoal, de autoridade, de influencia… O goberno bipartito en Galicia, e o goberno de Zapatero, en maior medida na anterior lexislatura, fixeron esforzos por engadir igualdade entre homes e mulleres onde había desigualdade, pero a uns e a outros faltoulles moito impulso político e, ademais, tiveron un problema de recursos. Tanto o goberno de Zapatero como o bipartito podían ter feito máis do que fixeron, e para iso as mulleres feministas deberiamos ter tido unha posición moito máis activa e de pactos entre nós. As leis de igualdade e contra a violencia de xénero aprobadas no Estado e en Galicia foron boas pero teñen un alcance moi limitado. Xeraron unha ola que lexitimou bastante as políticas de igualdade mais, porén, non chegaron até o fondo. Formuláronas pero despois houbo moitas resistencias dentro dos gobernos, dos partidos, dos sindicatos, e de movementos sociais.
 
En que sentido resultaron limitadas?
Hai dous tipos de leis, as propositivas e as impositivas. As impositivas son as que obrigan, e as propositivas son as que promoven mais, se non as cumpres, non estás cometendo delito. A min gustaríame que estas leis, no canto de ser propositivas fosen impositivas.
 
Xa que falamos da Lei de violencia de xénero, que nunha parella homosexual, un dos homes mate ao outro, é violencia de xénero?
Non teño a resposta aínda a iso.
 
Hai uns meses, un home matou ao seu marido en Adra (Almería). O xuíz  concluíu que, de seren unha parella de mulleres, si se podería considerar violencia de xénero, mais sendo os cónxuxes homes non…

En principio non o vexo como violencia de xénero. O concepto acúñase para poder entender que esta é unha sociedade na que os varóns teñen unha posición hexemónica, que promove este tipo de violencia. Agora ben, nesta sociedade hai moitas outras violencias, e todas elas cométenas seres humanos contra outros, e iso non quere dicir que se lles teñan que chamar violencia de xénero. Inclínome a non velo como violencia de xénero pero teño que confesarche que non traballei o tema.
 
Semella estarse a producir unha reacción patriarcal fronte aos logros do feminismo. Inscribirías aí a enorme pegada que, na sociedade actual, segue a ter violencia de xénero?
Si, completamente. Preocúpame moitísimo a época de reacción que estamos vivindo porque están xurdindo novas formas de violencia patriarcal completamente insólitas: o feminicidio, as violencias culturais das que fala Fadela Amara en Ni putas ni sumisas, as mortes de mulleres que queren ingresar en maras e ás que lles esixen un ritual que implica moitas veces unha violación colectiva… Tamén a selección prenatal a favor dos homes, que basicamente se está facendo en China, en India, en Bangladesh e en Paquistán, que fai que  aumente de forma alarmante a porcentaxe de varóns e estimula, creo eu, a trata, o tráfico, a prostitución e infantil… É para que nos botemos a tremer, porque se pensamos que o que pasa nos países do sur non nos vai pasar a nosoutras, estamos equivocadas. Dunha forma ou doutra chegaranos.
 
 

Temas relacionados: , , , ,

Deixe unha resposta

TEMPOS Dixital resérvase o dereito de editar ou borrar as colaboracións dos usuarios/as que comporten:

  • Vulneracións do respecto e dignidade das persoas ou mensaxes discriminatorias, xenófobas ou sexistas.
  • Comentarios que atenten contra a xuventude, a infancia e a seguridade pública.
  • Ligazóns a contidos pornográficos ou arquivos ilegais.
Os comentarios publicaranse despois de admitilos o moderador.

Debe estar rexistrado para engadir un comentario.