TemposDixital

A austeridade como subterfuxio

Xoves 5 de Novembro, 2009   Ler comentarios [1 comentario]    Engadir a digg | Engadir a technorati | Engadir a wikio | Chuza esta nova | Engadir a Menéame | Engadir a Del.icio.us | Engadir a Yahoo
Xavier Vence

Que dúbida cabe que a austeridade pode ser un bo fío argumental para reconstruír unha sociedade enferma de consumismo compulsivo e insostíbel. Tanto para refrear os impulsos ostentosamente desbaldidores das rendas altas e medias como para reeducar ás novas xeracións maleducadas no hiperconsumismo como modo e vida e mesmo de identidade.
O que xa non está tan ben é que o discurso da austeridade sirva para aumentar a privación daquelas partes da sociedade que teñen que estirar a imaxinación para poder soster unha vida ao límite da dignidade.
Tampouco parece moi consistente que a prédica da austeridade se faga para reducir gastos esenciais no xusto momento en que se atravesa unha profunda recesión, que deriva dunha caída da demanda, consecuencia á súa vez da caída dos ingresos da poboación (paro, moderación salarial, etc.), cando todo fai pensar que a recuperación económica dentro do actual modelo pasa inevitabelmente por unha recuperación do consumo privado ou do público, ou dos dous a un tempo.
Nese escenario o discurso da austeridade resulta, cando menos, sospeitoso. A austeridade é unha virtude que se predica co ánimo de que a apliquen outros ou ben para que os que non lles queda outra que apertar o cinto se sintan reconfortados na idea de que os demais fan o mesmo? Tamén pode ser a argucia retórica dos que queren reducir o gasto en asuntos de interese da cidadanía para destinalo a outros fins menos defendíbeis.
Efectivamente, baixo o mantra da austeridade asistimos a un ataque en toda regra ás políticas sociais e aos servizos públicos esenciais, como son a educación ou sanidade. Ese mesmo discurso da austeridade serve para impulsar un amplo programa de privatización deses servizos públicos esenciais. Dado que o sector público non ten recursos… Ergo cómpre admitir a presenza do capital privado. Iso si, o sector público paga e pagará non só o principal e os intereses dos investimentos realizados senón, obviamente, unha xenerosa e atractiva marxe de beneficios.
Con pequenos e insignificantes xestos simbólicos de austeridade, como a redución dos soldos dos conselleiros e altos cargos, lexitímase toda unha política de recorte no gasto social, en dependencia e na educación. Lexitímase a conxelación do salario real de todos os traballadores públicos e lánzase a mensaxe de contención salarial para a negociación colectiva no sector privado.
Pero non parecen formar parte desa mesma política de austeridade as desmesuradas, inxustas e medioambientalmente cuestionábeis axudas á compra de automóbiles; nin as xenerosas axudas directas e indirectas á banca;  ou programas de obras públicas e infraestruturas de interese social máis que dubidoso, en todo caso non prioritarias, cando non escandalosamente redundantes, etc. Quen non viu estes meses substituír asfaltos de estradas enteiras que estaban en perfecto estado, levantar rúas ou beirarrúas inauguradas poucos meses antes, valos de aceiro colocados apenas uns meses antes? Quen non reparou que unha universidade que non ten fondos nin para o funcionamento ordinario nin para manter as prazas de docentes e investigadores en cambio inaugura custosísimas novas instalacións cada seis meses e mesmo ten un ambicioso programa de investimento en obras para os vindeiros anos? Non resulta algo chocante que a aposta por unha sociedade do coñecemento se plasme nunha redución dos gastos en capital humano e aumento o gasto en cemento e aceiro? Certo que non hai actividade sen instalacións apropiadas pero tamén será fácil de entender que as instalacións sen persoal de alta cualificación –e, polo tanto, ben remunerados- están condenadas a ser pasto dos paxaros ou locais de oficinas para a burocracia.
Enfín, nunca como hoxe a dobre moral e a hipocrisía estivo tan presente no discurso político. Na política postmoderna os comunicólogos e expertos en marketing político acaban convertendo o discurso político na arte da manipulación. Fálase de aumentar impostos ás rendas altas e logo auméntanse os impostos que pagan as rendas medias e baixas. Fálase de aumentar o gasto social e logo resulta que diminúe. Fálase de cambiar de modelo produtivo e incrementar o esforzo en innovación e logo redúcese o gasto en I+D e educación.
E despois de todo iso sorpréndenos o descrédito popular da política e dos políticos. O abuso das mensaxes truculentas acaba asentando a imaxe dos políticos como auténticos trileiros, aos que poucas veces se lles pode crer e nunca confiar. O paradoxal é que con esas armas conquistan o poder!

Temas relacionados: , ,

Comentarios a «A austeridade como subterfuxio» (Un comentario)

  1. chuza.org dixo:

    Análise da enonomía Feijoana, por Vence…

    A auteridade estase a empregar para aumentar a privación daquelas partes da sociedade que teñen que estirar a imaxinación para poder soster unha vida ao límite da dignidade. Non é consistente, cando a recuperación económica dentro do actual mode…

Deixe unha resposta

TEMPOS Dixital resérvase o dereito de editar ou borrar as colaboracións dos usuarios/as que comporten:

  • Vulneracións do respecto e dignidade das persoas ou mensaxes discriminatorias, xenófobas ou sexistas.
  • Comentarios que atenten contra a xuventude, a infancia e a seguridade pública.
  • Ligazóns a contidos pornográficos ou arquivos ilegais.
Os comentarios publicaranse despois de admitilos o moderador.

Debe estar rexistrado para engadir un comentario.