A cultura sen nós
Ao PP o único que lle amola da arte son os artistas. Sen eles, todo sería perfecto. As persoas, en xeral, non traen máis que complicacións.
Podía ser peor: para as consellerías de Educación ou de Traballo os seus interlocutores, profesorado e sindicatos, son abertamente o inimigo. Pero na dereita non teñen nada en contra do traballo ou das escolas, sempre que as dirixan eles. Tampouco das artes.
Na dereita están os grandes coleccionistas privados, os que contratan os arquitectos máis esixentes e decoran logo os edificios coas esculturas e os móbeis de deseño máis arriscado. Eles constrúen as salas de concertos, traen aos nosos escenarios as orquestras de maior renome e acaparan os abonos das temporadas de ópera. A arte é súa, e así o foi sempre. A nós quédanos facela, e ver como eles desgravan polo seu luxo.
Somos o mal necesario, o fontaneiro que lles vai á casa resolver o que eles son incapaces de resolver, pero non pasamos de ser técnicos que por instinto dominan aquel misterio de soldaduras e chaves de paso, intrusos aos que hai que controlar para que non lles cobren de máis ou lles armen unha canteira no baño. Mentres o fontaneiro-artista permaneza na casa hai que estar alerta, finxir que se entenden os seus manexos enigmáticos e agochar as colonias e os xampús de marca. Cando os traballos rematan, págaselle resmungando e deséxase non velo máis. O ideal sería poder pagar de entrada e evitar o transo. Unha utopía.
Aos fontaneiros tampouco lles gusta ter espectadores na porta mentres traballan, nin capataces espontáneos que lles poñan voz en off aos seus movementos, pidan explicacións técnicas ou acheguen ocorrencias choqueiras sobre os protocolos de reparación. Pero os fontaneiros están afeitos e teñen media ducia de frases tipo para responder nesas situacións, os máis aleutos mesmo manexan a inseguridade do dono para tirar partido.
En canto aos artistas… que ofrecen eles? Que servizo lles prestan aos petos-cheos? O equivalente a arranxar a cisterna que perde ou a fuga na xunta é no caso dos artistas a achega do capital simbólico de lexitimación que toda estrutura de poder precisa para complementar a latente ameaza da forza. É importante que a traída de auga ou a calefacción funcionen, pero non é menos importante evidenciar o dereito e a capacidade que uns temos para gozar de certas instalacións que outros non se poden permitir.
Cando o poder era autocrático podía amosarse sen medo, esa era parte da súa erótica. A democracia, como as persoas, veu a complicalo todo, a poñer paus nas rodas daquela maquinaria tan ben engraxada. Agora as elites plutócratas e gobernantes teñen que argallar disimulos para que a xente pense que os centros de dominación non existen, que todo é unha rede de dependencias e provisionalidade, que os ricos tamén choran e aos pobres tamén se lles abren portas. A Cultura é un dos campos nos que se representa esa comedia, ou se libra esa batalla.
O traballo do PP é presentar un simulacro de oferta cultural, o menos contaminada que se poida pola presenza física dos artistas, o menos sometida que se poida a iso que chaman a participación do público. Deben ser produtos rematados, distribuídos desde a Consellería e consumidos, ou ignorados, pero nunca imprescindíbeis.
Cando o PP fala de “cultura” pensamos que entendemos e podemos manter unha conversa intelixíbel. Almas cándidas. Para eles cultura é o oposto do impulso creador. Son cultura os oitenta mil millóns de pesetas do Gaiás. E aínda así, cando o conselleiro fala da Biblioteca Nacional apostila: “non podemos pensar que ninguén vai ir á Cidade da Cultura para consultar un libro.” Faltaría máis! Que caste de biblioteca sería esa?
Cultura é o convenio cun banco para a restauración dun retablo. Cultura é un acordo co bispado de Compostela para regular o acceso á catedral ou as subvencións para abrir a porta das igrexas do Camiño. Quen di loitar contra a cultura da subvención non ten problema en aumentalas para unha estrutura podre e de ideoloxía totalitaria que, historicamente e a día de hoxe, é a que máis subvencións recibe.
Cultura é o contrato con Iker Casillas para que diga que ten espírito de peregrino e poña a mal con Galiza todo o barcelonismo. Cultura son as comidas de traballo en busca de patrocinadores para os concertos do 2010, os mesmos que calquera outro ano, ou menos, coa etiqueta engadida do Xacobeo; ou unha coprodución con Telecinco, ou as reunións coas compañías aéreas low cost para que aumenten as súas frecuencias, ou os cursos de verán da Menéndez Pelayo ou un congreso internacional de semiótica ou a subvención de sesenta mil euros á fundación dunha multimillonaria sen ánimo de lucro, asunto moito máis prioritario que o Culturgal, a onde vai parar! Cultura de impacto, con maiúsculas e sen complexos, que transforme o país nun parque temático para os visitantes e para os propios galegos e galegas: agora somos público de nós mesmos. Que argallen eles.
O ano que vén
O proceso que nos trouxo aquí foi o seguinte: De entrada paralízase todo, co que se consegue xear o sangue do persoal e resituar os marcos de partida para a negociación. Primeiro hai que resistir, facer ver que nada nos vai mover da nosa posición e, cando a arroiada se fai imparábel, no último instante, retirámonos con heroicidade e imos destilando que a parálise foi conxuntural, que se vai volver ao rego o ano que vén; pero non en todo, co que se deixan pistas para que creadores e industrias culturais vexan o que si e o que non; e en todo caso o ano que vén, co que xa se gaña un ano. Cigarro que non fumes, cigarro que non te mata.
O penúltimo exemplo foi o da supresión da partida para o fomento do galego no ensino. Nin moito nin pouco, nada, ata o ano que vén… se non hai novedá, ou arroiada. O Culturgal, o ano que vén. As axudas á tradución, o ano que vén… Só falta o argumento clásico da burocracia de hai uns lustros: “é que isto agora vai por ordenador”. O único que se salva, vivir para ver, é a RAG. O día da manifestación do 18 en Compostela anúnciase que a súa dotación medra un 17%, tentando asegurarse “un” interlocutor brando que informe con benevolencia do anunciado Decreto. Búscase converter a Academia nunha esotérica Confraría do Alvariño que cada ano reparta o Grelo de Ouro ou unha capa negra coma a da tuna.
Os magros orzamentos do futuro compararanse cos anteriores a este exercicio de carencia; así, coa axuda da inflación e do tempo, non se fará tan costa arriba achegarse a aquelas cifras. E de aquí a alá… Cada vez que se cede hai que amosar que se concede; non hai dereitos, hai grazas e favores. É o que a Igrexa leva facendo dous mil anos: inocular o pecado e vender o perdón. E diciades que eran parvos! Paus si, pero non de cego.
A relación entre este tipo de goberno e os gobernados segue o patrón dunha familia patriarcal cos fillos, e sobre todo coas fillas: limitación das liberdades, control da vontade, dependencia para a acción, desprezo dos impulsos e postergación do pracer. En troques, o pai conducirá as fillas na procelosa travesía deste campo minado de psicópatas e pederastas que é o mundo ata a idade núbil, alimentándoas, vestíndoas e axudándoas nos contactos para que casen ben. É un patrón similar ao dun secuestro, onde o secuestrador maltrata ao secuestrado ao tempo que lle dá de comer e lle ofrece xogar un parchís mentres se agarda o rescate.
A maquinaria, o parchís, está en marcha, e nós somos esplendidamente prescindíbeis, con máis valor de cambio ca de uso. Non todos. Mirade a “nómina” de asistentes ás feiras do libro de Madrid e Francfort: Alfredo Conde, Carlos Reigosa, Luisa Castro, Marina Mayoral, María Canosa, X. C. Caneiro, Vicente Araguas. Nun despacho oficial decidiron que iso era o efecto multiplicador, a ofrenda para nos representar a todos en Europa que ía volver cargada de contratos de asinados. Imaxino o que dirían algúns se fose eu quen os representase.
Un deles escribía o día despois da manifestación citada: “Dejémonos de gaitas”. “El gallego, o lo salvamos entre todos o, dicho en plata, no va a haber dios que lo salve”. E fala de prata por modestia, a frase é ouro auténtico. Por certo, que consideración xurídica se debe atribuír a estas listas de númerus clausus? Trátase de disposicións? ordes? decretos? Ou simplemente “a lei”?
Anyway, doulles voltas a estes nomes e presinto que teñen algo en común, varias cousas en común, un non sei que de… Xa está! Eles si, son imprescindíbeis, e fan que nos alegremos polos que non foron.
Sei que nalgúns sectores culturais, os de maior escala, abonda quen di: “Hai que foderse e coller o que che dan, a outra opción é perder o traballo. Iso non implica que estea de acordo, non quita que eu siga pensando o que penso”. E desde aquí respondemos: A quen lle importa o que ti penses, miñaxoia? A liberdade de expresión non existe se non se exerce, atrófiase, declaraba hai pouco Tim Robbins, un deses creadores de grande escala. E esa afirmación é válida para o resto dos dereitos que, por moi recoñecidos que estean, non existen a menos que se exerzan.
Unha sociedade na que a cultura está en mans do goberno, sexa cal sexa o goberno, é unha sociedade enferma cunha cultura morta: o ideal de Fraga Iribarne que agora é retomado pola superpandi de Feijóo. Un presidente que segue os pasos do seu homo antecésor, o ministro de Franco, mestre do escapismo en situacións difíciles, agochado na represión de Gasteiz no 1976 (dando unha conferencia sobre a Hispanidade en Bonn) e agochado co Prestige (de caza nun cortijo). Na primeira protesta a favor do galego o arroaz dos Peares refuxiouse en Láncara. Na segunda fuxiu a Londres, a defender os idiomas. Na próxima encomendarase a Fátima ou a Lourdes. Fóra si que o entenden. Mentres, acó, que ninguén se moleste en facer nada porque xa todo vén feito. Por moito que discorrades, se as vosas ocorrencias non as pasades pola trituradora oficial, o único escenario e o único público que ides atopar vai ser o espello do voso cuarto ou a barra dun bar. Chegastes tarde.
A mellor maneira de que unha fera non aprenda a cazar, e os artistas deberían ser feras, é mercarlle a gacela na carnicería e administrarlla en anacos. Os “coidadores” dirán que a fera está ben alimentada, e será certo. O seu ideal de fauna salvaxe é un zoo, onde os animais están a salvo das secas e os depredadores, dispoñen de veterinario, celébranlles os aniversarios, énchenos de brinquedos e, cando a calor aperta, dúchanos a chorro coma no balneario. A corpo de rei, non si?
Pelexamos contra un think tank enxebre que dita a crónica dos acontecementos, por exemplo a protesta do 18 de outubro, tanto a medios públicos como a privados: as coincidencias son rechamantes na TVG, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, La Opinión… Un deses medios abriu o día seguinte cunha foto a catro columnas e un titular aglaiante: “Jenson Button gana el mundial de F1 al quedar quinto en el G.P. de Brasil”. Aínda se me ouriza a pel.
Emprega o escritor Mario Regueira a espléndida metáfora futbolística do fóra de xogo para explicar a desorientación que sementou a chegada do PP nas filas da esquerda e o nacionalismo. Co medo a caer e recaer nese reverso da existencia, ese non-lugar, o offside, onde nada do que se fai ten sentido nin valor, xa deixamos de pensar na creación de xogo e renunciamos ao ataque, atrincheirándonos en pos do cero a cero ou co obxectivo cutre de evitar unha goleada de escándalo. Cando o que a situación pide, agora máis que nunca, é o fútbol total.
Fútbol total contra uns presupostos que, nos montantes e no reparto amosan o carácter administrativo das autonomías, afogadas polos gastos correntes e lonxe de recoñecer a personalidade histórica e política das nacións que compoñen o Estado. Se tres cuartas partes do presuposto de cultura se enterran no Gaiás e o Xacobeo, se lle sumamos o persoal e o funcionamento, que nos queda para o feito diferencial, suposta orixe dos Estatutos de Galeusca?
O gordo queda para Xesús Vázquez e Pilar Farjas, a liña do Opus dei que, coincide así, volve ser a que leva a pasta.
Xa vos digo, meus: fútbol total.
Artigo publicado no nº150 de TEMPOS NOVOS, de novembro de 2009















