Cooperación, xénero e igualdade
Vanakkam significa benvida/benvido en idioma tamil. Para un grupo cada vez máis numeroso de galegas e galegos, Vanakkam significa oportunidade. Oportunidade de coñecer, aprender, gozar e enriquecer a nosa perspectiva a través do estudo dos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que Implicadas/os no Desenvolvemento ten en marcha na India e en Etiopía.
Trátase dun estudo participativo que inclúe a posibilidade de viaxar durante quince días á India para coñecer sobre o terreo os proxectos nos estados de Tamil Nadu e Karaikal. Son tres as edicións que se levan realizado deste curso de formación, no que o principal obxectivo radica en coñecer o xeito de traballar de Implicadas para entender unha concepción diferente da cooperación ao desenvolvemento. Esta ONG galega só financia proxectos integrais que sempre ofrezan garantías de que non se creará unha dependencia entre a comunidade e a ONG, e que estean xestionados por organizacións locais, de xeito que se garanta o respecto cultural, a creación de emprego local e a autosuficiencia das comunidades. Isto significa que Implicadas non traballa con cooperantes, como comunmente se adoita pensar, senón que acredita en traballadores e traballadoras locais, evitando trasladar á comunidade beneficiaria do proxecto os prexuízos derivados da nosa concepción eurocéntrica do mundo. Neste sentido, os proxectos lévanse a cabo en colaboración con ONGs locais, as denominadas contraparte, PDI no caso da India e OPFRIS no caso de Etiopía.
Así mesmo, os proxectos teñen un decidido enfoque de xénero, que se basea no empoderamento das mulleres para facelas visibles dentro da súa sociedade e capacitalas para a toma de decisións. Non se trata tan só de accións enfocadas exclusivamente a mulleres, senón de traballar co conxunto da comunidade para rematar co sistema de desigualdade entre homes e mulleres. “Ao principio pensabamos que empoderando as mulleres conseguíase a igualdade entre os sexos, pero coa orientación de Implicadas decatámonos que iso só non cambia as cousas; hai que traballar tamén cos homes para acadar a igualdade real”, afirma I. Amvalabanam, director de PDI.
Os grupos de aforro
A través da viaxe do curso Vanakkam, as participantes poderán comprobar sobre o terreo, con testemuñas de primeira man, como os proxectos cambian a vida das persoas que participan neles. A modo de exemplo ilustrativo podemos coller os grupos de aforro, que funcionan cunha adaptación técnica do microcrédito e supoñen, ademais, grupos de autoaxuda para as beneficiarias. As mulleres que participan nesta iniciativa reúnense cunha periodicidade mensual, fixan a cantidade que deben aforrar e achegar cada unha –que van sacando dos gastos da casa, maiormente-, levan a súa propia contabilidade e fixan o interese ao que, posteriormente, se prestarán os cartos. Unha premisa fundamental desta dinámica é que os aforros teñen que rotar para xerar beneficios na comunidade; por exemplo, promóvese que as mulleres boten a andar os seus propios negocios grazas ao fondo do que dispón o grupo, e ao que elas mesmas contribuíron co seu aforro individual. Unha vez que os grupos consolidan a súa andaina, poden incrementar o seu capital con préstamos bancarios, xa que no estado de Tamil Nadu os bancos teñen un sistema de cualificación dos grupos en función, entre outros factores, do volume do aforro e do grao de cumprimento na devolución do crédito por parte das súas integrantes. Cada grupo de aforro, polo tanto, trata de acadar sempre unha cualificación que lle permita ampliar o seu fondo para así poder promover accións cada vez máis ambiciosas.
Este proceso que parece tan sinxelo implica que ao final do proxecto, cando Implicadas deixa de tutelalo, as mulleres deben estar capacitadas para facer por si mesmas todas as xestións bancarias precisas para continuar cos grupo de aforro. Isto significa que na maioría dos casos as mulleres deben aprender a ler e escribir –existe un elevado índice de analfabetismo en xeral, e máis acusado aínda no caso das mulleres-, que superen os prexuízos e atrancos sociais e malchamados culturais para desenvolverse en ámbitos nos que, pola súa clase social e condición de mulleres, non lles é doado facelo, como o caso dos bancos. O proxecto inclúe ademais accións de apoio á educación da infancia, con especial incidencia na escolarización das rapazas -xa que tradicionalmente deixan de ir á escola en canto se considera que xa poden facerse cargo do coidado dos irmáns pequenos, das persoas maiores e das tarefas do fogar-, así como de labores de detección de casos de violencia de xénero, axuda para xestións sanitarias e para capacitación laboral. Deste xeito, compleméntase a parte económica coa visibilidade social dándolles espazo político ás mulleres para ser oídas e ser autónomas, intervindo nos casos de violencia de xénero, na toma de decisións dentro da comunidade, etc
Neste contexto, para a mirada occidental e consumista o primeiro no que todas as participantes do Vanakkam soemos coincidir é no sorprendente que nos resulta comprobar “que poucas cousas materiais se precisan para vivir, e ademais vivir con dignidade”. Unha das primeiras contas que soemos botar é que se nun grupo aforran 100 rupias por participante, cunha equivalencia na moeda de 1 euro igual a 64 rupias aproximadamente, o seu aforro mensual non nos chega no noso mundo para o tabaco dun día. Por iso, as súas testemuñas supoñen para nós unha gran lección. “Aprendín a coser antes de casar, pero nunca me dedicara a esta actividade para facer cartos. Teño unha filla e un fillo e cando veu o tsunami, a miña aldea quedou arrasada pola onda. Perdín a maior parte das miñas pertenzas. Cando Implicadas e PDI comezaron a traballar na zona e a organizar as mulleres decidín unirme. Fun unha das primeiras en solicitar crédito para unha máquina de coser. Agora emprego tamén o meu home e os dous cosemos e vendemos a roupa e con iso podemos vivir con dignidade” é o caso de Anusuya, de 28 anos, que vive en Mathagadi, Karaikal –estado costeiro no que Implicadas comezou a traballar a raíz do tsunami-. Amais do aspecto económico, as beneficiarias tamén destacan a mellora na calidade de vida, como nos comentaba Runi, do proxecto de desenvolvemento urbano de Tiruchy,“antes non saía nunca, pero agora vou a todas as partes, apáñome de marabilla e xa non dependo de ninguén”.
O artigo completo pode consultarse no nº150 de TEMPOS NOVOS















