TemposDixital

A crise da prensa

Xoves 3 de Decembro, 2009    Engadir a digg | Engadir a technorati | Engadir a wikio | Chuza esta nova | Engadir a Menéame | Engadir a Del.icio.us | Engadir a Yahoo
Luís Ãlvarez Pousa

Cada vez hai máis cidadáns que toman conciencia da situación, e se amosan sensibles respecto das manipulacións mediáticas, convencidos de que, por paradoxal que pareza, nunca como agora vivimos nun estado de tanta inseguridade informativa. Prolifera a información, pero sen garantías de fiabilidade. A cidadanía é vítima do xornalismo especulativo e do que utiliza os códigos do espectáculo en detrimento do xornalismo de información. Moito antes que as burbullas tecnolóxicas, inmobiliarias, bolsistas e financeiras, xa existía unha burbulla do coñecemento. Baséase nunha visión economicista do mundo, e delega no mercado a solución a tódolos problemas. A información tamén queda sometida, como calquera outra mercadoría, ao valor de cambio. Por mor diso, a propiedade dos grandes medios de comunicación concéntrase nas mans duns poucos grupos industriais e financeiros, un proceso imparable que reduciría perigosamente os niveis de pluralismo e diversidade. É a prensa escrita a que máis vai sufrir as consecuencias desa mutación. Coa explosión tecnolóxica, que iluminou a Internet, o negocio da información acada cotas ata entón inimaxinables, grazas en boa medida ao transformismo que se opera no ancho e proceloso mar da comunicación. Ao que contribúen os medios audiovisuais, e de maneira especialmente cativadora, a televisión.
A transición entre séculos ía resultar para a prensa escrita moito máis traumática do que se presentía. Establécese nun primeiro momento unha confrontación entre os tradicionais e os novos medios para dilucidar a posición xerárquica que ocuparían uns e outros. Dese puxilato saíu derrotada a prensa escrita, que ve como os seus lectores emigran a bandadas cara aos audiovisuais e Internet. A caída de lectores xeneralízase a ámbolos lados do Atlántico. Pechan xa daquela numerosas publicacións en todo o mundo. Moitas cabeceiras de referencia, como os influentes International Herald Tribune (EE.UU.) e Financial Times (Reino Unido), impóñense entón un adelgazamento das súas estruturas empresariais e de produción, facendo desaparecer milleiros de empregos, circunstancias que van sempre en detrimento da información de calidade. Con maior razón cando, como resposta a esa primeira gran crise, algúns dos máis importantes grupos editores, por caso os franceses Socpresse e Hachette, quedan baixo o control de empresarios tan pouco recomendables como os fabricantes de armas Dassault e Lagardère. Un xornal francés de referencia, o noutrora maoísta Libération, pasa neses anos a mans do banqueiro Rothschild. A mediados do 2005, nos países da Unión Europea vendíase cada día un millón de exemplares menos que dez anos antes.
Pero o peor aínda estaba por chegar. A crise económica que padecemos está manifestándose no ámbito das empresas de información á maneira dun auténtico tsunami. A caída en picado da publicidade e dos créditos ten un efecto búmerang na prensa escrita, que xa estaba moi tocada polo progresivo abandono dos seus lectores, dos habituais e dos potenciais. A suspensión de pagos –por caso, o grupo editor do Chicago Tribune e de Los Ángeles Times, con máis de un millón de exemplares diarios en total–, a hipoteca do patrimonio –por caso, o rañaceos que ten en Manhattan o New York Times–, a venda de cabeceiras ao mellor ofertante –por caso, o Miami Herald, cuxa edición en español é o xornal en lingua española máis lido en EE.UU. e América Latina–, as migracións do papel ao formato dixital –por caso, o Seattle Post-Intelligencer, do grupo Hearst–, os recortes de recursos e de persoal –por caso, os diarios El País e ABC, respectivamente, ou os galegos La Voz de Galicia, La Región e Diario de Pontevedra–, son síntomas desa depresión acelerada. Todo o que está poñendo en perigo o pluralismo e as liberdades de expresión e de información, un dereito fundamental da cidadanía.
O recurso ás subvencións, que se incrementa en momentos de crise, forza por outra parte un outro nivel de dependencia de non menor risco para a función de mediación á que se deben medios e xornalistas. O vínculo institucional que se establece cando se reclaman apoios oficiais para sufocar as consecuencias da recesión, agora mesmo tan insistentes e ata retadores lonxe e preto de nós, fai que os medios se volvan máis tolerantes do que xa o veñen sendo cos gobernos de quenda. E cos poderes económicos, toda vez que tamén han recorrer aos créditos con esa mesma finalidade. A crise equivale, xa que logo, a un debilitamento das funcións vítreas da prensa nun estado democrático, que se resumen en exercer como un contrapoder. Os lectores de TN coñecen moi ben ata onde chegou en Galicia esa perversa relación, que demos en considerar corrupta, entre as empresas de comunicación galegas e o poder político, con Fraga Iribarne e con Pérez Touriño á fronte dos seus correspondentes executivos –os primeiros indicios din que Núñez Feijóo reeditará os pactos–. Esa complicidade non é gratis. Ten as súas cargas, inevitablemente ligadas á compra/venda de información.
Denuncialo durante todos estes anos, e negarse a entrar polo aro dos convenios de compra/venda da nosa liberdade crítica, tivo para esta revista uns custos moi altos. Así, por vía de exemplo, por orde expresa de Fraga non tivo acceso durante os seus moitos anos de reinado á publicidade institucional, mesmo fixo presión para que RENFE lle acabase retirando as súas campañas, teimando en que desa maneira acabaría con ela. E xa no bipartito, Antón Losada cortoulle tamén a publicidade institucional da vicepresidencia de Anxo Quintana, en castigo pola publicación dun artigo do analista Justo Beramendi crítico coa súa xestión. O nome da revista está proscrito nos outros medios galegos. Como o estivo nos medios públicos, e de maneira especialmente visible na TVG, por térmonos convertido en perseguidores dun novo status xurídico que lles dera a autonomía administrativa, política e profesional da que aínda carecen.

TEMPOS Novos, en movemento
A prensa escrita e o xornalismo están nas súas horas máis baixas. Polas podas ás que se viu e se ve sometida en tempos de forzada mutación tecnolóxica –competindo en inferioridade de condicións cos audiovisuais e con Internet– e de non menos forzada crise económico/financeira. E polo que deriva delas: a rebaixa, cando non o sacrificio, das esixencias que garanten un dereito fundamental da cidadanía, o de producir e recibir información de calidade, de acordo cos criterios aos que han ter que acoplar a súa dilixencia profesional os medios e os xornalistas: os de obxectividade, veracidade, pluralismo e diversidade. Compoñentes todos eles da ideoloxía da información. Traizoándoa, que é como mellor se valora a decisión de trocar liberdade por seguridade, fíxose inevitable a perda de credibilidade da prensa escrita.
Cada vez hai máis cidadáns que toman conciencia da situación, e se amosan sensibles respecto das manipulacións mediáticas, convencidos de que, por paradoxal que pareza, nunca como agora vivimos nun estado de tanta inseguridade informativa. Prolifera a información, pero sen garantías de fiabilidade. A cidadanía é vítima do xornalismo especulativo e do que utiliza os códigos do espectáculo en detrimento do xornalismo de información. A posta en escena –a embalaxe– predomina sobre a verificación dos feitos.
En semellante contexto, os fundadores e o equipo de redacción de TEMPOS NOVOS aproveitamos a chegada aos primeiros 150 números de vida para comprometérmonos na tarefa de mellorar os seus contidos, e de avanzar en credibilidade. Sabemos que tanto a súa supervivencia en tempos críticos –o actual supera tódolos demais, e por iso buscamos chegar a espazos e públicos máis amplos– como esa avanzada só as podemos conseguir se non traizoamos a confianza dos lectores. Non o fixemos antes, nin o faremos nunca. TN é a publicación da sociedade en movemento, da crítica social, dos que queren que o mundo e Galicia cambien. Porque estamos convencidos, tal e como reza mes a mes na súa cabeceira, de que da calidade da información, e da opinión plural que a analiza e interpreta, depende a do debate cívico. Que é o que en definitiva determina a riqueza da democracia, e a do noso autogoberno.

Editorial publicado no nº150 de TEMPOS NOVOS

Temas relacionados: , , ,

Deixe unha resposta

TEMPOS Dixital resérvase o dereito de editar ou borrar as colaboracións dos usuarios/as que comporten:

  • Vulneracións do respecto e dignidade das persoas ou mensaxes discriminatorias, xenófobas ou sexistas.
  • Comentarios que atenten contra a xuventude, a infancia e a seguridade pública.
  • Ligazóns a contidos pornográficos ou arquivos ilegais.
Os comentarios publicaranse despois de admitilos o moderador.

Debe estar rexistrado para engadir un comentario.