Entrevista a Suzy Castor, intelectual haitiana
Nunha entrevista publicada hai pouco máis de dous anos, a intelectual haitiana Suzy Castor amosábase esperanzada en que, tras a caída Aristide, o país puidera comezar a recuperarse, co protagonismo da sociedade civil.
Susy Castor é unha das intelectuais máis relevantes de Haití e do Caribe. No exilio mexicano, durante a ditatura de Duvalier en Haití, foi profesora de Ciencias Políticas na UNAM durante case vinte anos. De volta ao seu país, creou co seu marido, Gérard Pierre Charles, o centro de Investigación e Formación social para o desenvolvemento. É vicepresidenta da Asociación de Historiadores de América Latina e membro do Tribunal Permanente dos Pobos. Recibiu en 2005 Premio Juan María Baldrés á defensa do Dereito de Asilo e Solidariedade cos Refuxiados de mans da CEAR (a Comisión Española de Axuda ao Refuxiado).
Haití practicamente non existe a ollos occidentais. Os medios só se acordan deste recuncho do Caribe para difundir noticias que falan de inestabilidade política -por exemplo cando foi o golpe de estado que fixo caer a Aristide en 2004; de inseguridade cidadá ou de pobreza extrema…
O gran público descoñece moitas cousas de Haití. A xente non ve o país real, un país coa súa vida, a súa loita, os seus logros e as súas derrotas. Tratan Haití como un pobo co que non hai nada que facer. Para o caso de Haití e de moitos outros pobos en situación similar, creouse unha terminoloxía que se refire a eles como países frustrados ou estados incapaces, termos tralos que latexa unha crenza na súa non viabilidade. Iso é non comprender a traxectoria destes pobos, tanto do seu pasado como do seu porvir.
En vostede podemos ler boa parte da traxectoria do seu país dende mediados do século XX até a actualidade. Co ditador Duvalier no poder, estivo exiliada en México dende os anos 60 até a caída do réxime, en 1986. En México colaborou activamente cos refuxiados procedentes de América Latina e Central, nunhas décadas moi complexas para o continente. Que perspectiva sobre América Latina lle ofreceu esa experiencia?
Eu fora a México para estudar, e aos dous anos xa se nos negou a entrada en Haití tanto ao meu marido como a min. A México chegaron naquela época refuxiados de distintos puntos de Latinoamérica, moitos deles académicos comprometidos e activistas, o que converteu este país nun fervedoiro de coñecemento. Foi un momento moi creativo, pois a coincidencia de persoas de procedencia tan diversa fixo que xurdira en México un pensamento latinoamericano.
Tras tantos anos en México volve a Haití en 1986. Sentiu frustración ao ver que a democracia non conseguía asentarse? Haití é un estado que semella en transición permanente, que nestas dúas décadas sufriu xa varios golpes de Estado…
Malia que estes vinte anos do proceso de transición haitiana foron desconcertantes para moita xente, malia que aínda non chegamos a unha fase de construción do país, penso que fixemos un tramo do camiño moi grande. O custo non foi menor, porque nesta transición houbo unha boa parte de mortes, de fracaso. Mais á vez tamén maduramos na propia comprensión do país. O presidente Preval leva máis dun ano no poder. Eu non che podo asegurar que as cousas vaian ben, pero hai toda unha preocupación por facer arrancar o país, sen que se produzan rupturas como as que tiveron lugar anteriormente. Isto para min indica unha madurez dos diversos sectores e clases sociais que non existía en 1986.
Sorprende a traxectoria do ex presidente Aristide, o primeiro que foi elixido democraticamente. Aquel cura defensor da teoría da liberación, que conseguiu facerse coa confianza do movemento social en auxe trala caída de Duvalier e subir á presidencia en 1990, rematou por converterse nunha marioneta en mans dos Estados Unidos. Os Estados Unidos apoiárono cando recuperou o seu cargo en 1994, tralo violento golpe de Estado que o depuxera en 1991, e tamén contribuíron á súa caída definitiva, no golpe militar de 2004. Este tipo de personaxes contraditorias semellan ter un papel importante na historia recente de América Latina, poñamos o exemplo de Paz Estensoro en Bolivia…
O meu marido, Gérard Pierre Charles, dicía que Aristide soubo subir á onda do gran movemento social e popular existente trala caída de Duvalier e beneficiarse del. Unha vez no poder, viuse a inconsistencia do personaxe. Cando foi deposto polo golpe de estado en 1991 xa se empezaban a ver os seus límites, mais a xente afanouse coa defensa do voto popular, porque ese voto que levara a Aristide ao poder tiña un gran significado, democrático e incluso histórico, porque era a primeira vez que o pobo votaba e designaba un presidente, e había que respectalo. Isto levou aos que estaban no interior a unha loita tremenda en contra da ditadura, mentres que Aristide, exiliado en Washington, puido entender os xogos de poder de USA, e sóuboos aproveitar moi ben á súa volta, transformándose no Aristide que agora coñecemos e que deu lugar a tal rexeitamento popular en 2004. Mais, fíxate, no exterior non souberon ver esa evolución de Aristide, a primeira imaxe del foi a que quedou para moitos medios da esquerda.
Vostede comentou nalgunha ocasión que trinta anos de ditadura e, posteriormente, 14 anos do partido Lavalas no poder fixeron a que Haití estea agora onde está, por que?
Unha ditadura moldea a xente, as mentalidades. En Haití pasou iso. O modelo duvalierista seguiuse a aplicar. Aristide usou con mestría todas as armas da persuasión da represión, da corrupción, do clientelismo… Con outras formas, porque os tempos non eran os mesmos, empregou moitos dos instrumentos do pasado.
Tamén foi cambiante o papel de EEUU, que durante moito tempo apoiou a Aristide e logo contribuíu a facelo caer no golpe de estado de 2004…
Aínda en xaneiro de 2004, fronte ao movemento social contra Aristide, USA quería que seguira no poder, e é que Aristide ten un lobby moi forte en Estados Unidos. Mais fronte a un movemento social que ameazaba estenderse, os norteamericanos cambiaron de opinión. En agosto apareceu o movemento militar e a prensa internacional comezou a falar del como se o movemento social, pacífico, que viñera callando con anterioridade, non existira. Aristide caeu cando este movemento social aínda non chegara ao seu punto de maduración, cando aínda non tiña preparado o despois de Aristide.
Haití é hoxe en día o país máis pobre de América Latina. A súa economía depende da axuda internacional, das remesas de diñeiro que chegan da emigración e da droga. Como valora a política dos organismos internacionais, FMI e Banco Mundial, en relación con Haití?
Hai un desfase. Cando vén o Banco Mundial pedindo menos estado, en Haití é o momento no que xustamente hai que restituír o estado, porque está tan destruído que nada pode funcionar. Non podes pedir menos estado cando non existe e hai que incrementalo. Como pode dicir un país como Haití que o estado non ten que ocuparse da educación?
Ademais, para Haití resultaron especialmente negativas as políticas de eliminación de aranceis…
Hai tempo Haití producía alimentos. Tiñamos moitas rexións onde se cultivaba o arroz haitiano. En 1986, co imposto cero, invádenos o arroz estadounidense a prezos que eran ridículos en comparación cos da produción local. Mesmo mudou a alimentación do país: o millo, que era a comida cotiá haitiana, foi substituída polo arroz, máis barato, e que despois de vinte anos xa se está volvendo a comida nacional. A produción arroceira haitiana decaeu e apenas pode subsistir. Haití é un país que consome, pero que non produce.
Vostede é tamén unha gran defensora dos dereitos humanos e dos dereitos das mulleres. Tal como indicou na súa conferencia en Compostela, dende 2004 hai en Haití un clima de inseguridade alimentado tanto polos partidarios de Aristide, os chemires, como pola delincuencia asociada á droga. Como afecta esta situación de inseguridade ás mulleres?
A inseguridade é un problema que hai que resolver. Cando hai inseguridade, non podes poñer en marcha ningunha política, non hai traballo, non hai investimentos, non hai cooperación, non hai vida. A violencia contra as mulleres incrementouse, nunca tivemos tantas violacións, mesmo se están a ver novas formas enfermizas de violacións. Ademais, hai outro tipo de violencia, ligada á situación actual, á pobreza, á falta de acceso aos servizos mínimos, á saúde, que afecta máis ás mulleres. Canto máis o país se empobrece, máis peso recae sobre os seus ombros. As dificultades para procurar auga é unha boa expresión desta situación de pobreza e de miseria. A xente que máis sofre para asegurar un mínimo de auga potable son as mulleres. A pobreza feminízase na medida en que, en primeiro lugar, recae sobre as mulleres e, segundo, aumenta a súa carga de traballo.
Vostede coida que neste momento se lle está dando oportunidade de ser visíbeis na escena política a novos actores sociais que até o de agora foran excluídos (clases medias, campesiñado, provincias…). Que papel está xogando o movemento de mulleres neste momento de consolidación e refundación da nación?
Pódese dicir que o movemento social está actualmente repuntando, o mesmo que os partidos políticos. A coherencia dos partidos políticos estase a reflectir sobre o movemento social, así como a coherencia do movemento social se reflicte nos partidos políticos. E o movemento das mulleres contribuíu a isto, entendendo que non pode actuar de maneira illada senón inseríndose no contexto global da sociedade.
Vostede sinala tres desafíos para Haití, a recondución da función da MINUSTAH, a Misión de Estabilización da ONU en Haití, a institucionalización do país e a modernización económica. Canto ao primeiro reto, cal debe ser o futuro da MINUSTAH?
O éxito da misión reflectiríase na súa saída, sempre e cando se producise unha vez asegurados os obxectivos iniciais. Penso, porén, que debería dárselle outro sentido. Dado que non somos un país en guerra, deberíase transformarse nunha misión de solidariedade, de modo que os gastos que actualmente está tendo a MINUSTAH se investisen na reconstrución do país. Algúns dos militares da MINUSTAH son enxeñeiros ou teñen algún outro tipo de formación profesional, que se podería aproveitar nese proceso de reconstrución, en lugar de termos tropas acantonadas.
Reconstrución que se dificulta pola lenta chegada da axuda internacional…
Os trámites que poñen estas institucións para conceder as axudas son tales que a miúdo o país non chega a dar os pasos administrativos necesarios. Penso que se está a ver como axilizar estes pasos, pero até o de agora foi unha axuda que chegou moi lenta.
De que posíbeis vías de desenvolvemento económico pode botar man Haití?
A agricultura ten que desenvolverse. Así diminuiriamos moito os gastos de importación e poderiamos buscar determinados nichos para a exportación, como a agricultura biolóxica. Por outra banda, Haití podería desenvolver unha pequena industria de consumo. En terceiro lugar, penso que habería que dar algunhas posibilidades para as zonas de ensamblaxe, sempre que non supoña un estabelecemento salvaxe deste tipo de industria que non teña en conta as condicións de traballo nin cales son os pasos que hai que dar para o futuro. Ademais, temos todo un campo de economía cultural por desenvolver pois Haití é o país máis rico en cultura, o que ten máis expresións culturais, de todo o Caribe. Por último, hai unha reserva extraordinaria en Haití que aínda non se explotou, os haitianos da diáspora, que poderían estar dispostos a ter investimentos no país, a colaborar, a empuxar unha industria turística nacional…
Que tipo de influencia seguen a exercer as antigas potencias colonizadoras, Estados Unidos e Francia?
Francia foi a excolonia, polo que hai unha influencia francesa moi forte que a ocupación norteamericana (de 1915 ao 1934) desprazou en certa medida facendo a Haití entrar no seu campo. Francia, Estados Unidos e Canadá, son os tres países que teñen maior influencia e inxerencia en Haití nestes momentos. Algunhas veces acompañaron Haití nesa loita cara á democracia, e é que a democracia, aínda que sexa formal, é unha garantía para todo o mundo, pois o país tal como está non serve. Por iso en certos momentos estas potencias tiveron que facer ruptura cos seus aliados tradicionais, como Duvalier ou os militares. Agora, os haitianos somos os que temos que saber que queremos, aínda que os nosos intereses non coincidan cos das potencias estranxeiras.
Como ve o escenario pos 11 de setembro?
A paranoia terrorista orienta, voluntariamente ou non, a política norteamericana, e penso que a vida dos nosos pobos se está complicando máis. Agora, a circulación de persoas é moito máis difícil, está moito máis vixiada, o que afecta á situación dos nosos emigrantes. Ademais, hai unhas semanas que falaban de Haití e de República Dominicana como terras que favorecían o paso de terroristas. Todo isto afecta dunha maneira ou outra a política global cara a estes países.
É optimista neste momento con respecto ao momento actual que vive o seu país?
Non é o meu un optimismo que non vexa as dificultades. Coido que se pode chegar a esta refundación nacional, na que a cidadanía poida ter dereito ao mínimo para vivir dignamente. Eu creo que, se politicamente se formula ben isto, a poboación está lista para avanzar.
Algo de historia:
1804: Proclamación da independencia
1822-1844: Haití invade a outra metade da illa La Española, Puerto Rico
1915-1935: Ocupación norteamericana
1957: François Duvalier é escollido presidente de Haití
1964: Duvalier (Papa Doc) faise proclamar presidente vitalicio
1971: Sucédeo o seu fillo, Jean-Claude Duvalier (Baby Doc)
1986: Fin da dictadura dos Duvalier a mans dunha insurrección popular. O exército faise co poder
1991: En febreiro, Jean-Bertrand Aristide é escollido presidente. En setembro é deposto por un golpe de estado. Exíliase en EEUU.
1994: Aristide regresa ao seu país para rematar o seu mandato
1996: Elección de René Préval como presidente
2001: Aristide é escollido de novo presidente de Haití
2004: O movemento popular e militar, apoiado por Francia e Estados Unidos, fai caer a Aristide. Créase un goberno interino
2006: É escollido como presidente René Préval
Este artigo foi publicado no nº122 de TEMPOS NOVOS, de xullo de 2007.
Temas relacionados: Aristide, colonialismo, escravitude, haiti, Pobreza















