TemposDixital

Unha ollada á sociedade civil africana

Venres 29 de Xaneiro, 2010    Engadir a digg | Engadir a technorati | Engadir a wikio | Chuza esta nova | Engadir a Mename | Engadir a Del.icio.us | Engadir a Yahoo
Aloia Álvarez Feans, xornalista e investigadora do Grupo de Estudos Africanos da UAM.

O noso pensar verbo da realidade africana fica reducido a unha conxunción de categorías absolutas, tinguidas de emocionalidade. Nesa construción, estática e ahistórica, non hai lugar para unha creativa sociedade civil que escrebe a súa propia Historia de África.

 

 
O imaxinario colectivo europeo anda pouco lúcido no que a África subsahariana se refire. Escóitanse tiros, berros e algún pranto, pero no teatro de sombras que resulta ser o continente negro para un/ha europeo/a medio, semella imposible entender a acción, e aínda menos, identificar aos actores. A fame, a enfermidade, a guerra e a corrupción son ítems tan pesados que seica non deixan espazo para moito máis no noso disco duro. E algo de responsabilidade nisto tena o feito de que, grazas ás representacións de África que levamos consumindo en Europa dende hai máis de cinco séculos, construímos a casa polo tellado, e así quedou. Exploradores, misioneiros, estadistas e historiadores antes; turistas, cooperantes, xefes de Estado e xornalistas agora, uns e outros, encargáronse e encárganse de explicarnos que ese complicadísimo crebacabezas que é en realidade o continente negro, encaixa con poucas pezas; para configurar, na maior parte dos casos, un collage en branco e negro do “soño da modernidade convertido en pesadelo”, tal e como recoñece Serge Latouche en La otra África. Autogestión y apaño frente al mercado global (Oozebap, 2007). 
 
Este afropesimismo, nacido dunha mirada parcial e desenfocada, négalle aos africanos e africanas, entre outras cousas, a categoría de actores políticos. Tal e como as economías da África máis aló do Sáhara andan gravitando na periferia do sistema internacional, debido a unhas históricas relacións desiguais de intercambio; grazas á relación intelectual establecida entre “nós” e o “negro” como categoría sociolóxica, este acaba por resultar, para unha maioría alienada da opinión pública occidental, un ser “periférico á humanidade”, en verbas de Ferrán Iniesta [1]. Sexa como encarnación do mito do “bó salvaxe” de Rousseau, revisitado en cada revista de viaxes, ou coma caricatura do “malo da película” en filmes como Black Hawk Derribado, esa categoría semella inmutable.
 
A Historia non oficial
 
Eminentemente coñecido como beneficiario dunha “sagrada misión civilizatoria” que semella non ter fin, o continente negro conta tamén cunha Historia non oficial que, coma se infire deste carácter, resulta ser unha historia de resistencia. Máis aló da súa deformada imaxe exterior, entre esa poboación que semella un homo economicus en estado puro, autómata malparado dos designios do capital, existe quen se move con ritmo propio, e quen xa articulaba estratexias colectivas de supervivencia e resistencia antes da chegada da “modernidade” ao seu territorio.
 
A sociedade civil africana contemporánea empezou a facerse visible a partir da articulación mundial do denominado movemento altermundialista. Non é até finais da década de 1990 e principios do século XXI que, grazas aos Foros  Sociais Mundiais e ao soporte Internet, puidemos ter acceso a persoas, organizacións e iniciativas que, dende o soto, andan a construír outras Áfricas. Pero a orixe da contestación social no continente é anterior, obviamente, á súa relación co “home branco” ou á aparición da tecnoloxía. Na etapa dos imperios africanos xa existían estruturas sociais e políticas complexas, sentido de pertenza comunitaria, conflitos derivados da xestión do poder e resistencias sociais fronte ao mesmo. Desde o desembarco dos europeos na costa occidental do continente no século XV até o seu abandono formal do territorio no marco da descolonización na segunda metade do XX, a relación entre o colonizador e as comunidades locais tampouco implicou necesariamente, a pesares da súa verticalidade, a submisión destas últimas. Foron cinco séculos nun xogo de forzas dialéctico que deixaron pegada na configuración das relacións entre a poboación e o tándem formado polas elites locais e os poderes estranxeiros. Da colaboración ao enfrontamento, do sometemento á resistencia, como segue a ser hoxe.
 
As estratexias da poboación africana para aproveitar os escasos beneficios dun modelo socieconómico, político e cultural imposto son tantas como as inspiradas no combate aos seus efectos. Na contra desa aparente aceptación pasiva da súa condición de países, e seres, “periféricos”, a África dos desposuídos e excluídos, aínda que cos pés descalzos, tamén camiña. De norte a sur e de leste a oeste, o dinamismo da sociedade civil africana é directamente proporcional aos agravios que sofre, en gran medida derivados do papel que vén cumprindo o seu continente na Historia, oficial. De Senegal a Mozambique, as organizacións de mulleres, estudantes, campesiños; sindicatos, cooperativas profesionais e o conxunto dos intelectuais de esquerdas traballan, tanto na esfera local como articulados en redes transnacionais, na procura de liberdades civís para as súas comunidades e colectivos.
 
O paradigma nixeriano
 
Nixeria, o país máis poboado de África, con arredor de 140 millóns de habitantes, ben podería ser o paradigma deste viveza. A maior parte da sociedade nixeriana está altamente politizada, activamente informada sobre os programas e as políticas dos partidos, a redistribución das rendas estatais, a lexislación… E este carácter sobreviviu a, e probablemente foi incitado por: cinco séculos de trata escravista, setenta e cinco anos de colonización directa e cincuenta de “extraversión”[2], 29 deles, baixo réximes militares.
 
Durante a colonización británica do territorio, sobre todo dende o ano 1900, a estratexia de incorporación de Nixeria no sistema capitalista mundial como unha periferia consolidouse. O país obtivo, así, a independencia política no 1960, economicamente dependente, cunha clase alta local débil e improdutiva e un Estado inestable e non hexemónico. Desde entón, a historia política nixeriana vense caracterizando pola “extraversión”, a inestabilidade gobernamental, a corrupción institucional e a violencia, e a man negra do petróleo está detrás desta realidade. De aí que os nefastos impactos derivados da posición de Nixeria na división internacional do traballo sobre os dereitos políticos, económicos, sociais e culturais da poboación veñan marcando, dende a inmediata postindependencia, o devir dun gran segmento da sociedade civil; sobre todo, daquela directamente afectada polas actividades petroleiras no Delta do Níxer, motor da economía nacional.
 
Obviamente, como era de agardar, da historia da resistencia fronte aos desmandos da industria petroleira no Delta, pouco é o que logrou transcender o filtro mediático internacional. Da Biafra de mediados dos 60, na que xogou un papel fundamental o petróleo como catalizador e arma de guerra, quedou só a obscena fotografía da fame en ventre infantil. Sería o asasinato de Ken Saro Wiwa e de oito activistas máis do MOSOP (Movement for the Survival of the Ogoni People) no ano 1995 por parte da xunta militar de Sani Abacha, co apoio probado da Shell, o que achegaría á opinión pública internacional a “cuestión do Delta”. Aínda que son múltiples e variados os movementos sociais que seguen unha filosofía inspirada na loita pacífica de Saro Wiwa, daquilo pouco se lembra xa. A estratexia armada adoptada por cada vez máis grupos, como o MEND (Movement for the Emancipation of the Níger Delta) na rexión, resulta moito máis mediática. As imaxes deses “rebeldes” musculados, posando nunhas velocísimas zódiacs armados con metralletas, semella ser máis funcional á retórica da “guerra global contra o terrorismo” en boga. Nas escasísimas ocasións nas que algún suceso acontecido no resto do país salta á axenda mediática occidental, a distorsión da realidade é parella. Este mesmo verán, os conflitos derivados de problemáticas particulares noutras zonas de Nixeria, foron debidamente sazonados cunha mestura explosiva de fe e etnicidade. Máis aló de que non se poidan obviar estas pezas á hora de configurar o noso crebacabezas mental da realidade nixeriana, habería que facelas encaixar con moito tino para que este rematase sendo un reflexo fiel á realidade.
 
Un paseo pola apaixonante historia política do xigante de África Occidental da man das súas organizacións cívicas, medios de comunicación, artistas e intelectuais ben serviría para darlle cor ao collage de pesadelo habitualmente difundido. Escritores como Wole Soyinka ou Chinua Achebe e músicos como Fela Kuti son das escasas figuras da vida pública nixeriana que conseguiron tomar forma humana nese teatro de sombras do que falabamos ao principio. E neste punto, Nixeria é un caso excepcional, na memoria branca non hai sitio para moitos máis representantes da intelectualidade e as artes africanas.
 
A sociedade civil do continente negro, practicamente ausente do imaxinario colectivo europeo, é un asunto moito máis cosmopolita do que o concepto tradicional, tamén europeo, suxire. O feito de que África sexa intelectualmente infravalorada no teatro da opinión pública occidental, onde os que actúan movendo as sombras ven negada a súa propia imaxe, resulta eticamente inescusable. Os africanos e africanas non precisan un director de escena, nin un guión adaptado. O mellor favor que se lle pode facer a África dende Europa é reclamarlle a quen corresponda que, mentres elabora o seu propio guión para o continente polo menos acenda a luz, que hai xente traballando.
 

Artigo publicado no número 152 de TEMPOS NOVOS.
 
 
 
 

 

Temas relacionados: , , , ,

Deixe unha resposta

TEMPOS Dixital resérvase o dereito de editar ou borrar as colaboracións dos usuarios/as que comporten:

  • Vulneracións do respecto e dignidade das persoas ou mensaxes discriminatorias, xenófobas ou sexistas.
  • Comentarios que atenten contra a xuventude, a infancia e a seguridade pública.
  • Ligazóns a contidos pornográficos ou arquivos ilegais.
Os comentarios publicaranse despois de admitilos o moderador.

Debe estar rexistrado para engadir un comentario.