Enric Durán: “Son insolvente, así que non vou pagar ningunha multa”
Co obxecto de pór en evidencia un sistema financeiro inxusto, este Robin dos Bancos estafou case medio millón de euros a varias entidades bancarias, solicitando créditos que adicou a financiar movementos sociais ou a publicar dous xornais de tirada masiva para defender a idea de que vivir sen capitalismo é posíbel e necesario.
Afirmas que xa non é posíbel vivir con capitalismo, pero na práctica atopamos moitos obstáculos. Por exemplo, que fago eu coa hipoteca que teño asinada a corenta anos? Como podemos dar os pasos prácticos para vivir sen capitalismo?
En boa medida, deixar de ter medo a perder a nosa suposta seguridade, que de feito está en cuestión. Unha hipoteca é a propiedade dunha vivenda que se vai obtendo paulatinamente. Desvincularnos dela é tan sinxelo como deixar de pagala para que nos boten, e así poder comezar cunha cooperativa. Aínda que esteamos enganchados ao sistema, pode que non a curto prazo, pero planificando, en poucos anos podemos crear mecanismos persoais prácticos. É cuestión de confianza.
As cooperativas de vivenda en cesión de uso son as titulares da propiedade. Aí xógase coas ferramentas do sistema.
Algúns dos proxectos que defendemos aproveitan os límites do sistema, do concepto de propiedade, empregan os mecanismos legais para construír a propiedade comunitaria, que é unha fórmula que non te ata. As cooperativas son as propietarias dos bens, estes non son de ninguén en particular. Iso é útil por outra razón, que é o ataque que fai o Estado ás persoas ao quitarlles os seus ingresos ou as súas propiedades. Se un propietario é cooperativo non se lle pode atacar deste xeito.
Non se pode desafiuzar unha cooperativa…
Non se pode embargar a menos que a cooperativa estea en débeda, pero a cooperativa non sae á rúa pegar carteis, nin manifestarse… É un ente xurídico, máis libre do ataque ás persoas.
En que consiste a folga de bancos que impulsades desde o colectivo Crisi?
É unha serie de propostas dirixidas a cortar as nosas relacións cos bancos. Cada persoa pode optar por realizar a que prefira ou lle resulte máis viábel. Desde sacar parte do teu diñeiro do banco convencional e metelo nunha banca cooperativa ou unha banca ética, até pechar a conta e deixar de pagar as túas débedas porque vas vivir de forma insolvente fóra do sistema.
Acabar coa intermediación dos bancos comporta certas incomodidades: cobrar a nómina en metálico, ter que ir persoalmente pagar as facturas da luz e da auga… Estamos dispostos a asumir isto?
Hai xente que se está vendo obrigada a dar pasos semellantes. Xente que ten débedas, que non as pode pagar, e que ten as súas contas embargadas. Tratamos de incidir en que non só se busquen solucións persoais, parciais, senón colectivas, que poidan dar pé a un sistema diferente. Outras persoas non teñen ese problema pero vanse concienciando, hai que facilitarlles o camiño, explicarlles como desdomiciliar un recibo ou como pagar doutra forma, ou como cobrar o paro… Tentamos facilitar recursos informativos, experiencias ou modelos para que cada quen poida dar o paso.
A cultura capitalista converteu o moroso e a persoa desempregada en elementos mal vistos socialmente. Só agora, despois dos bancos que tiveron que fechar nos Estados Unidos, empeza a soar na rúa o discurso de que os bancos son os ladróns.
Nós tentamos que esa idea chegue a moita máis xente, por iso lanzamos publicacións xerais como Crisis e Podemos. Tamén creamos ferramentas para que esas persoas deixen de verse negativamente a si mesmas. Hai xente que se agocha, que entra en depresión, non tanto polo problema económico senón polo que o acompaña. Tratamos de facilitar as relacións, o intercambio de experiencias, que non estean soas… E coa participación de cada vez máis persoas pódese amplificar ese discurso e acompañalo da critica á banca que xa están a facer diversos colectivos. No último ano avanzouse bastante nesa dirección.
As publicacións das que falas tiveron unha tirada enorme, o que supuxo un gran gasto. Non é contraditorio que os movementos sociais estean atados á necesidade de conseguir diñeiro para visibilizarse?
Antes de romper esa dependencia podemos buscar opcións imaxinativas para que ese diñeiro non se converta en traballo para o sistema. Un exemplo foi o xeito no que se financiaron esas publicacións [a través dos créditos que Enric pediu]. Tamén hai que saber utilizar estas ferramentas con moita elasticidade e sen abusar. Unha publicación dese tipo, que pode custar uns 10.000 euros, ten un impacto moi superior a ese custo. Ás veces gástase o diñeiro e non se ven resultados. Unha vez que te deches a coñecer, hai ferramentas máis baratas, como internet, que non é un instrumento bo para difundir ideas novas, senón para multiplicalas cando a xente xa as coñece. Un xornal puntual pode xerar novos debates e despois, a través da web, estendelos e darlles continuidade.
Como se difundiron estes xornais?
Creamos unha rede aberta na que calquera persoa se pode implicar ofrecendo o seu tempo, alí onde tiver posibilidade. Na súa vila, no seu traballo… A través duns cuestionarios na web, a calquera persoa que se puxera en contacto, mandábanselle os xornais que pedía para distribuílos. Se había varias solicitudes na mesma poboación, puñámolas en contacto para xerar un só punto de distribución en cada lugar. Ademais, un grupo de traballo bastante activo permitía dinamizar isto. No caso de Podemos, o segundo xornal, a distribución foi por todo o Estado.
O xornal non deixa de ser un formato convencional. Preténdese subverter as formas de comunicación tradicionais…
Ultimamente fanse vídeos. O audiovisual ten un impacto moito maior, permite unha difusión ampla e barata a través de internet. De xeito descentralizado, están xurdindo proxectos deste tipo, como o colectivo GZvideos. As redes sociais tamén facilitan que a información chegue a moita xente, aínda que non nos guste pois están en mans de grandes multinacionais, como é o caso de Facebook. Tamén haberá que crear unha alternativa nese senso. Ás veces un filme nun circuíto comercial pode axudar a propagar un virus dentro do sistema. Opcións hai moitas e hai que buscar a mellor en cada situación e para cada obxectivo.
Indo ao teu caso concreto: como conseguiches que che concedesen tantos créditos?
Aprendendo como funcionaba o sistema de información da banca, para que obtivesen a información sobre min que me interesaba, e non aquela que faría que non puidese conseguir os empréstitos.
E iso foi antes do “crash”?
Empecei en setembro de 2005, pero durante a fase principal da acción, entre setembro do 2007 e xaneiro do 2008, a crise xa empezara nos EEUU, non se falaba diso nos medios de comunicación, pero os bancos xa estaba alertados e empezaban a tomar medidas.
Tiñas un contrato laboral, que che facilitase a concesión dos créditos?
Era membro dunha cooperativa de traballadores e usuarios que contribuíra a crear. A miña situación dentro do consello da cooperativa dábame acceso a crear contas e nóminas. Empecei a simularme nóminas que eu non cobraba, inflábaas, porque polo que cobraba realmente, que era o salario mínimo, non me terían dado nada.
Canto tempo adicabas a estas xestións?
Cada día entre as oito da mañá e as doce do mediodía, como unha segunda xornada laboral, e moitas noites tiña que preparar a documentación para entregar ao día seguinte… A miña adicación sempre foi ao activismo, de feito esa cooperativa daba servizo a movementos sociais e é o que sigo facendo, agora máis á marxe do sistema, tratando de vivir sen necesitar diñeiro a nivel persoal.
Unha vez que a túa acción foi descuberta, os bancos reaccionarán dun xeito exemplarizante…
Teñen un problema que eu xa tiña previsto. Por unha banda, non lles apetece darlle publicidade á acción, porque vai en contra deles, é un exemplo do que se lles pode facer. Pero por outro lado, se esa acción xa tiña publicidade por si mesma, e iso non o podían evitar, tiñan que ter algún plan de castigo para que non se pensara que o que fixen pode quedar impune. E por iso estiven dous meses en prisión preventiva, demasiado pouco tempo como para que os movementos sociais fixesen moito ruído, pero abondo para que a xente tivese claro que por iso vaise á cadea. Agora estou en espera de xuízo, pero como xa estiven dous meses preso e non lles interesa facer ruído, creo que non vou volver.
E se che poñen unha multa, pódeste declarar insolvente.
Non fai falta que me declare insolvente, porque o son, así que non vou pagar.
O rural galego foi tradicionalmente comunitario. A axuda mutua estaba inserida no inconsciente colectivo. Despois de séculos produciuse unha transformación cultural que hoxe nos leva á concepción de que a persoa do campo é conservadora, individualista… Canto tempo necesitaremos para retornar ao pensamento comunitario?
É máis factíbel que a revalorización do comunitario a asuma xente máis nova, ou da cidade que queira ir ao campo construír ese tipo de proxectos a partir da concienciación… Pero tamén pode chegar pola necesidade, porque nun momento dado haxa que comer, haxa que producir o que se come e haxa campo abandonado para producir, e ninguén quere facelo só. Nese momento pode que decidamos facelo todos xuntos. Se cadra perdeuse un pouco a vocación do campesiño, porque hai formas moito máis cómodas de vivir, pero a necesidade persiste, e cando sexamos máis conscientes dela, pensaremos formas máis creativas de traballar o campo, que non se vinculen ao campesiño individual, solitario.
Entrevista publicada no nª 152 de Tempos

















Enric Durán: ‘Son insolvente, así que non vou pagar ningunha multa’…
Co obxecto de pór en evidencia un sistema financeiro inxusto, este Robin dos Bancos estafou case medio millón de euros a varias entidades bancarias, solicitando créditos que adicou a financiar movementos sociais ou a publicar dous xornais de tirada mas…