Desafíos económicos para o 2010
Tendo en conta as máis fondas raíces da crise económica actual, consultamos a un abano diverso de persoas do mundo cultural e político galego, polas tres liñas prioritarias de actuación que deberan acometerse para recuperarmos a esperanza.
Juan Carlos Bermejo Barrera.- A crise debeuse ao incremento excesivo do capital financeiro fronte ao capital produtivo. Isto xerou un aumento desorbitado dos beneficios e fixo proliferar o crédito, tanto para a produción como para o consumo, ata tal punto que os créditos foron irrecuperables. Do mesmo xeito no PIB mundial a proporción das rendas do capital estrangulou a correspondente ás rendas do traballo, provocando un empobrecemento dos traballadores, incapaces de pagar os seus créditos ao consumo, coa consecuente caída da produción. As medidas que se deberían tomar son: 1) regular os mercados financeiros, que escapan cada vez máis do control fiscal, e facer que se reduza a produtividade do capital financeiro e se recupere a do capital produtivo; 2) incrementar a masa salarial, para que despeguen o consumo e a produción; 3) favorecer o desenvolvemento local e rexional, comezando polas economías agrarias produtivas do terceiro mundo, para xerar emprego e aumentar o consumo.
Antón Baamonde.- Obviamente non son economista, pero parece que o inmediato é continuar con plans de estímulo da economía, acentuar a regulación dos mercados e aumentar impostos: Keynes outra vez. Isto no que se refire á dimensión internacional da crise. No que se refire ás dimensións española e galega, é preciso cambiar de modelo produtivo para ir a unha economía do coñecemento. No plano galego o fundamental sería definir o básico: os intereses estratéxicos do país. A recente controversia das caixas indica ata que punto a nosa sociedade é frívola e irreflexiva. Como se ve, trátase de cousas obvias. Se houbera que mirar máis lonxe habería que sinalar que hoxe os partidos políticos están pensados para defender ao terzo máis rico e que os traballadores están en grande medida indefensos. Hoxe todo tende a moralizarse ─iso xera moita hipocrisía social─ e ninguén pensa nas relacións de poder, que son as que deciden o rumbo das sociedades.
Rafael Cuiña.- É absolutamente necesario que o crédito lles chegue ás empresas e ás familias para poder reactivar o consumo –polo tanto a produción– e que o círculo da economía volva a parámetros lóxicos. Probablemente teñamos que buscar unha certa especialización nos nosos mercados, dentro da globalización, iso si, lonxe do proteccionismo, fórmula que fracasou despois das grandes crises económicas dos últimos séculos. O control do déficit público e unha moderada reforma laboral son elementos imprescindibles. Se non reducimos o déficit cada vez seremos menos competitivos con Europa e co resto dos mercados mundiais, e custaramos máis tempo volver á senda dun crecemento sostible.
Ramón López Facal.-Os medios de comunicación teñen imposto como única acepción da palabra crise o de situación con graves dificultades económicas. Pero en esencia, unha crise non é máis ca un momento de cambio ou transformación, para ben ou para mal. A palabra crise procede, a través do latín, do grego κρίσις, do verbo grego krinein, que significa discernir, decidir, separar ou xulgar, e deste verbo proceden tamén palabras como crítica ou criterio. Criticar consiste en analizar algo para ter elementos de xuízo (criterios) e afrontar unha situación nova (crise) nas mellores condicións.
A lamentable situación económica e social actual está relacionada coa cobiza especulativa incontrolada. Os dirixentes políticos estiveron máis preocupados en favorecer a acumulación de beneficios empresariais –interesadamente identificados co crecemento económico– que en favorecer o benestar da poboación. E, infelizmente, parecen teimar no mesmo para saír desta situación, de aí que moitos reclamen maior “flexibilidade laboral” ou recorte de gastos sociais por parte das administracións públicas.
Fronte a este “máis do mesmo”, a alternativa para un cambio a mellor viría da man de incrementar o benestar da maioría da poboación e non a duns poucos: incrementar o gasto social, un sistema fiscal redistributivo e investimento en educación e investigación como aposta de futuro.
María Xosé Bravo Bosch.-Debemos afrontar unha profunda reforma laboral que se teña en conta as circunstancias especiais do mercado de traballo nestes momentos, buscando o equilibrio entre o apoio ás empresas e o amparo aos traballadores. Ademais, para saírmos da crise é preciso unha nova regulación do sistema financeiro, na que se procure que as rendas máis altas tributen de acordo co que teñen realmente, xa que agora mesmo os mecanismos financeiros protexen máis aos que máis posúen, e non axudan en absoluto aos que se atopan en situacións de dificultade. Ademais, cómpre conter o gasto público. Agora mesmo é necesario saber qué se debe priorizar e qué gastos deben suprimirse ou paralizar. Os gastos sociais deben manterse, pero buscando soster o realmente social. Algúns ministerios, como o de Igualdade, deberían facer unha contención real de gasto, xa virán tempos mellores…
María Teresa Conde Pumpido.- Para saírmos da crise económica, é preciso, en primeiro lugar, máis investimento público nos servizos do estado do benestar. Non soamente crea emprego senón que facilita a permanencia da muller no mercado do traballo. A pesar do déficit, teñen que facerse novas transferencias ás comunidades autónomas que permitan novos gastos en servizos sociais. Ademais, cómpre evitar a baixada dos salarios dos traballadores como “solución”. Por último, é necesario reforzar o noso potencial ambiental : orgullo de seu, investigación e empresas sostibles.
Miguelanxo García.- A actuación ante a crise económica é principalmente política. É unha cuestión de opcións sobre que e a quen favorecer coas medidas gobernamentais. Se se opta por restaurar a máquina económica para que todo siga igual (na distribución do poder, da riqueza e da miseria) as medidas son as que estamos a ver: toda a axuda pública para recuperar a banca (cos medios de todos/as salvar os grandes beneficios de ben poucos) e regateo do investimento dos mesmos medios cando se trata de axudar ós millóns de persoas en situación de emerxencia económico-social. Se se queren atender as necesidades da maioría social, as actuacións irían polo reforzamento dos sistemas de protección e redución da desigualdade (servizos públicos), o potenciamento da capacidade produtiva e a integración social ( principalmente defensa do emprego), e a restauración e dignificación da política e do seu predominio nas análises sobre os problemas sociais e as súas solucións.
A versión completa deste artigo (”Desafíos para o ano 2010″) pode consultarse no número 152 de TEMPOS NOVOS.
Temas relacionados: cirse, contención, económica, gasto, Keynes, público















