TemposDixital

Tertulia cultural: o Xacobeo e a cultura galega

Xoves 4 de Febreiro, 2010    Engadir a digg | Engadir a technorati | Engadir a wikio | Chuza esta nova | Engadir a Menéame | Engadir a Del.icio.us | Engadir a Yahoo
Coa participación de Xocas López, Eduardo Alonso, David Barro, Marcos Lorenzo. Texto e moderación de Comba Campoy.

Coa vocación de recuperar o san costume da conversa, do intercambio sosegado de ideas arredor da mesa dun café, xuntamos a persoas de distintos ámbitos culturais para abordar unha cuestión que está a xerar unha certa inquietude: o que vai significar este Xacobeo, e que podería significar este tipo de eventos, para a promoción e posta en valor da nosa cultura no mundo.

 

Esencia do Xacobeo
O Dado abriu as súas portas antes do habitual, a máquina de café fumegou. Porén, outras bebidas acaían máis a unha conversa que se presentaba vizosa. Unha ducia de persoas, vendo o vaso medio cheo, interesadas en avaliar o presente, en valorar o que de si podería dar un acontecemento que, gústenos ou non, vai monopolizar o ano que comeza. Mais, antes do aquí e do agora, pareceu interesante abordar o Que. As orixes da marca “Xacobeo”, como trasunto dun outro invento mercadotécnico, o culto a uns restos supostamente apostólicos, atopados, se cadra casualmente, no lugar onde hoxe se erixe a Catedral. A intervención de Eduardo Alonso, equiparando as orixes relixiosas, e por tanto ideolóxicas, do Xacobeo, coas Cruzadas (que tamén terían xogado un papel no encontro, ben que conflitivo, entre culturas), marcou a liña do seu discurso posterior, claramente escéptico co obxecto de debate: un evento esencialmente turístico e só tanxencialmente cultural, ao seu ver. Marcos Lorenzo, sen contradicilo, amosouse máis partidario. “Non sei se foi a construción dun mito ou a resignificación dun mito anterior, pero traballouse con esas cuestións, cun pé no relixioso, no espiritual… Paréceme que funcionou moi ben.” Como marca, a creación de Vázquez Portomeñe durante o esplendor da era Fraga é unha ferramenta chea de potencialidades para dar a coñecer a Galiza no mundo, cos seus aspectos diferenciais e a súa cultura propia. Unha idea partillada por David Barro, a pesar de amosarse crítico coa súa deriva cara ao masivo. “Está devindo unha simple celebración, suponse que unida ao coñecemento e ás artes, pero unha celebración ao fin e ao cabo. Nos últimos Xacobeos foise decapitando a súa potencialidade como marca de calidade, levándoa á 'marca das masas'.”

Non semella que as tornas vaian mudar. Axiña se incorpora á conversa Quique Costas, xerente da empresa Nordesía: “o obxecto do Xacobeo 2010 fixouno publicamente o presidente Feijóo, que dixo que era traer a Galiza cinco millóns de visitantes; cifra absolutamente inverosímil porque supón duplicar a poboación galega.” En calquera caso, o dato achéganos á idea asumida inicialmente por todos os presentes, de que estamos diante dun fenómeno fundamentalmente turístico. Pero, que clase de turismo pode atraer o Xacobeo? E como pode ese turismo contribuír ao reforzamento do tecido cultural do país?

Turismo e cultura, entrelazados
Mantemos a conversa aínda nas marxes do que será o celme da cuestión. Antes de falar de cultura haberá que ver se o Xacobeo pode contribuír nalgún sentido ao seu desenvolvemento e visibilización. Algúns, como Eduardo, ven difícil que vaia tirar dun sector feble e desestruturado como o cultural. “O turismo non tira da cultura, é a cultura a que tira do turismo”. E a isto engade unha concepción moi crítica co papel que a industria turística pode realmente xogar no desenvolvemento económico dunha sociedade. Neste punto, Xocas López lémbranlle que existen tamén potencias do turismo cultural, onde se produce unha relación recíproca entre ambos os aspectos. “Ao Xacobeo virán mochileiros, pero veñen persoas que levan unha idea de que aquí temos unha cultura propia e algo que dicir a nivel creativo. Mochileiros tamén van moitos a Berlín e a París.”  Se cadra, como apunta Xaime Subiela desde unha mesa do fondo, “o Xacobeo podería ser aproveitado para modificar o perfil turístico de Galicia, contribuíndo desde a cultura a que fose máis sustentábel”.
Seguimos no terreo das hipóteses, pois a realidade semella ir noutra dirección. Marcos Lorenzo apunta o que, segundo el, deberían ser os ingredientes da receita dun Xacobeo que atraia un turismo de calidade: “Aqueles elementos que provocan no visitante unha experiencia singular, aqueles que lle proporcionan certa alteridade, que lle dan a sensación de estar fóra da súa vida cotiá, nun espazo distinto. Como proposta turística, o Xacobeo debe combinar un punto de exotismo, de diferenciación, e un punto importante de espectáculos, de eventos culturais que exerzan unha atracción importante nas masas. Supoño que iso significa recorrer aos grandes nomes”. Un elemento, a alteridade, que malentendido pode ser problemático, como puntualiza Xavier Campos, da empresa de xestión cultural Trivium, quen lembra que “hai que distinguir entre unha alteridade tópica, provinciana, doutra normalizada”.

Distintas visións da Cultura
Isto lévanos a unha cuestión de fondo, que implica analizar a concepción da cultura galega que latiu baixo os distintos Xacobeos. Especialmente preocupado por iso amósase Eduardo, quen considera que “as programacións responden a un concepto que en termos xerais chamaría papanatismo, que consiste en que todo o de fóra é marabilloso, e que entende cultura como consumo cultural, non como creación, como produción de cultura”. Tamén para Xocas “o papel do Xacobeo pode ser a promoción da cultura galega, pero queda no papel mollado porque a política exterior do goberno galego non incide en poñer en valor a cultura propia de Galicia, porque realmente nunca creu nela”.
Todos os presentes defenden unha visión activa e creativa da cultura, onde os distintos axentes do país teñan voz e poidan contribuír a enriquecer a aposta do Xacobeo. Como sinala Eduardo: “Consumir cultura está moi ben, pero nós aspiramos a unha sociedade que produza cultura, e iso require dunha planificación distinta. Que se organiza para que a cultura galega se poña en valor e se poña no mundo?” Marcos fai referencia á súa experiencia como programador e xestor cultural para explicitar o papel activo que as industrias creativas galegas poderían xogar. E iso, a través do deseño de programacións “que poidan ordenar minimamente este eventismo disperso, de espectáculos soltos sen unha lóxica de fondo… A cultura pode ser activa, pode ser quen dea o paso, o imput para a transformación, obviamente, na escala en que cada un podemos. Non sempre concibila como un sector débil que precisa de vectores que camiñen no seu auxilio”.
David detense na análise dos valores ao redor dos que, segundo se fixo público na presentación realizada no outono pasado, se articularán os contidos da programación do Xacobeo 2010. Chámalle especial atención o principio de sustentabilidade, e o que iso debería implicar, tanto no plano ambiental coma no da perdurabilidade das dinámicas iniciadas. “Fálase dun Xacobeo que será ecolóxico, que se preservará o Camiño con accións de recollida selectiva nos albergues… Todo isto pode quedar nuns principios moi bonitos, se eses programas non están feitos por unha empresa sustentábel interna e externamente, con certificacións FSC, se toda a papelería do Xacobeo non é ecolóxica…” Principios como o de “exclusividade e orixinalidade” na programación quedan tamén en interdito, segundo David, se atendemos á presenza indiscriminada do logo do Xacobeo en todo tipo de soportes e acompañando todo tipo de produtos. “Pode haber unha programación de calidade a priori, pero despois colócase o logotipo en calquera evento cultural que haxa, teña calidade ou non, e iso pode xerar confusión”.

Eduardo non disimula a súa desconfianza nuns valores que aínda non viron a súa plasmación concreta. “A experiencia dime que o Xacobeo 2010 non terá moito que ver co que eu entendo por todos eses principios que eles din que van empregar”. Un deles, o da “austeridade”, constitúe a ladaíña do actual goberno, aplicábel a todo tipo de asunto. E que no caso do Xacobeo, como ben lembra Quique, significa simplemente que haberá menos cartos que nas anteriores edicións. Algo especialmente grave se, como comenta Eduardo, “o 90% do que inxecta o Xacobeo sae correndo para Cataluña ou Madrid”. Respecto ao compromiso de que o Xacobeo contribúa á promoción da cultura galega, incluído tamén nos “dez mandamentos” referidos, Quique é tallante. “Dificilmente pode casarse o obxectivo do Xacobeo  de atraer cinco millóns de persoas cunha preponderancia do galego no contexto do que programen, porque é incompatíbel”. Atinxíamos o celme.

 

O texto completo pode consultarse no número 152 da revista TEMPOS.

 

Temas relacionados: , , ,

Deixe unha resposta

TEMPOS Dixital resérvase o dereito de editar ou borrar as colaboracións dos usuarios/as que comporten:

  • Vulneracións do respecto e dignidade das persoas ou mensaxes discriminatorias, xenófobas ou sexistas.
  • Comentarios que atenten contra a xuventude, a infancia e a seguridade pública.
  • Ligazóns a contidos pornográficos ou arquivos ilegais.
Os comentarios publicaranse despois de admitilos o moderador.

Debe estar rexistrado para engadir un comentario.