TemposDixital

Yuki et Nina (2009), un filme de Nobuhiro Suwa e Hippolyte Girardot

Venres 5 de Febreiro, 2010    Engadir a digg | Engadir a technorati | Engadir a wikio | Chuza esta nova | Engadir a Menéame | Engadir a Del.icio.us | Engadir a Yahoo
Daniel Domínguez

Se cadra algunha sala de cine deste país recibe a anunciación, se non dun anxo, quizais dalgún sinal enviado polos deuses lares do cinema, e estrean este fermoso conto que cobrou existencia fílmica en Yuki et Nina da man de Nobuhiro Suwa e Hippolyte Girardot, unha película que vimos xa no Cineuropa. Sería unha boa maneira de empezar o ano novo. Co mellor cinema.

 

Como todos os contos, fala do medo ao descoñecido e da dor da separación, da iniciación e da aprendizaxe. Unha verdadeira odisea dunha pícara de nove anos. Cando se separan os proxenitores, o pai fica en Francia e a nai vaise vivir con ela para o Xapón. Yuki atoparase así a miles de quilómetros de Nina, a súa amiga da alma. Pero as nenas non se resignan e van poñer todo da súa parte para impedir que as afasten.
A película de Suwa e Girardot  desprégase nunha encrucillada da infancia e cartografía herdanzas, vencellos e afinidades entre pais e fillos, pero esas filiacións aparecen decantadas polo punto de vista de Yuki, unha mirada que vertebra a película e nos leva de viaxe. E como Yuki, tampouco nós podemos imaxinar a natureza abismal da experiencia que lle agarda. No bosque. Ese territorio no que se aventura Suwa, arrastrado por Girardot, e grazas a esa inspiración transita por unha xeografía imaxinaria que abre os horizontes do seu cinema. Pero a beleza do filme que enfiaron xuntos radica en percorrer ese territorio fronteirizo sen levantar a voz, manténdose á distancia xusta da experiencia da meniña, á altura de Yuki. Simona Weil escribiu sobre a fraxilidade como condición primordial da experimentación da beleza, como ese vento que sopra no corazón do bosque, como pegada do tremor que conmove a Yuki e transfigura o espazo representado na pantalla.
De Suwa xa falamos nestas páxinas a propósito de Un couple parfait. Girardot é un actor francés cunha longa experiencia. Empezaron a traballar hai tres anos indagando nos sentimentos íntimos sobre a infancia e a paternidade. Un proceso introspectivo que acabou callando en Yuki, unha nena na que cohabitan a herdanza francesa –por parte do pai, interpretado polo propio Girardot– e a xaponesa, por parte da nai. Como nas anteriores películas de Suwa, o guión, por chamarlle dalgunha maneira, consiste nunha partitura de estados de ánimo, de claves tonais, de sentimentos que empreñan as situacións que viven os personaxes.
              Resulta fácil imaxinar que as meniñas, Yuki e Nina, determinaron a rodaxe da película e de aí aboia a extrema dificultade da filmación, un proceso delicado que os espectadores percibimos coa emoción na flor da pel de quen asiste a algo que apenas podería preverse. En definitiva, unha boa parte do traballo de Suwa e Girardot consistiu en preparar o que non podían anticipar e en prepararse para rexistrar o que o azar lles deparara. A apertura diante do imprevisible e a vocación de verdade fornecen a Yuki et Nina dun estremecemento íntimo de tal beleza, á vez serena e convulsa, que transforma a súa contemplación nunha intensa experiencia cinematográfica.                 
              Primeiro, as meniñas tentan que os pais de Yuki reconsideren a súa decisión pero cando comproban que a súa ruptura é inevitable, foxen e pérdense nun bosque. Entramos no territorio dos contos que xa se tiña sementado na primeira parte do filme cando as meniñas botan man do universo imaxinario para evitar que as separen. A grande escena do bosque devén o momento inefable desta película admirable. As nenas pérdense de vista e Yuki intérnase na espesura que semella cobrar nova vida coa súa presenza ata chegar á estrema do bosque. Entón descubrimos, como a meniña, que estamos noutro mundo: atravesou un abismo que aínda non pode designar. Porque, sen que chegásemos a advertilo, produciuse un salto entre dous universos, entre dúas esferas da experiencia, entre dous tempos unidos por lazos invisibles. Unha fenda que non é unha elipse, nin un flashforward, nin un flashback.
              É un deses momentos primordiais que transforman a infancia nunha experiencia fundacional. Unha revelación que a razón non pode traducir pero que o filme de Suwa e Girardot denota con todo o misterio que encerra a súa invisibilidade. Alí onde se revelan as afinidades que persisten máis alá da xeografía dos mapas e do tempo dos reloxos. Porque Yuki descobre unha filiación que sutura as feridas da separación e que a vencella cunhas raíces que descoñecía. Pero, como en todos os contos verdadeiros, só tras enfrontar a soidade radical, o desamparo da “noite escura”. Cando só era unha meniña no bosque.

O artigo completo pode consultarse no número 152 de TEMPOS NOVOS.

Temas relacionados: ,

Deixe unha resposta

TEMPOS Dixital resérvase o dereito de editar ou borrar as colaboracións dos usuarios/as que comporten:

  • Vulneracións do respecto e dignidade das persoas ou mensaxes discriminatorias, xenófobas ou sexistas.
  • Comentarios que atenten contra a xuventude, a infancia e a seguridade pública.
  • Ligazóns a contidos pornográficos ou arquivos ilegais.
Os comentarios publicaranse despois de admitilos o moderador.

Debe estar rexistrado para engadir un comentario.