Algúns momentos da entrevista a Núñez Feijóo
Sobre o Borrador de Decreto sobre o uso das Linguas no Ensino non Universitario
"Estamos nunha sociedade onde, se os recursos o permiten, os propietarios sempre teñen a razón. O propietario dun centro educativo non é nin o goberno nin os profesores, son os pais, que son os que os pagan."
"O que non pode ser é que aquilo que quería facer o PSdeG e non puido porque os nacionalistas llo impediron, non o faga un partido que ten o respaldo para acometelo. "
Sobre a reforma do Estatuto
"Ao longo da lexislatura mandaremos unha proposta de reforma constitucional ao Parlamento. Cando estaba na oposición, pedín que o PSdeG e o BNG nos dixeran cal era a súa proposta de goberno para a reforma do estatuto. Non a tivemos."
O territorio e as infraestruturas
"Temos 315 concellos. Castela León ten 2.400. Pregunteille ao presidente de Castela León se tiñan previsto fusionar algún e díxome que iso sería case un problema irresoluble alí. Hai que ir a fórmulas fortes de agrupación e de verdadeira cooperación, de consorcios, de mancomunidades. Canto a pedir a transferencia para modificar ámbitos municipais, temos que ter en conta que un dos motivos do recurso de inconstitucionalidade contra o novo Estatut de Cataluña está relacionado coa supresión que pretende das provincias para facer veguerías."
"Canto a Touriñán, hai determinados usos permitidos en Rede Natura. Se collemos a protección do litoral cos mesmos criterios que Touriñán, probablemente teñamos que renunciar á acuicultura. Como país temos que dicir se queremos dedicarnos á acuicultura ou non. Agora, o proxecto que eu inicialmente vin e o proxecto final non teñen nada que ver. Todo depende de como se faga. Regular e protexer é unha cuestión de maior intelixencia que prohibir."
Das Caixas aos medios
"Até o momento, o máis salientable neste asunto é que a Xunta de Galicia, os sindicatos, os empresarios e todos os partidos políticos agás o PSOE fixemos o traballo necesario, responsable e rigoroso, non só para que Galicia permaneza no mapa financeiro español, senón para que tamén estea nos principais postos financeiros de España. Grazas a ese traballo responsable e rigoroso, podemos garantir que a fusión das dúas caixas galegas asegura ao 100 por cento a galeguidade da entidade resultante, así como a súa solvencia e viabilidade."
"Recorra ou non o Goberno central a Lei de Caixas. Nós anunciamos o recurso de inconstitucionalidade e estamos neste momento nun período chamado conflito de competencia. Hai tres meses para recorrer a lei do FROB. Nós xa advertimos que se non chegamos a un acordo no FROB, imos recorrer ao Tribunal Constitucional, porque entendemos que atenta claramente contra o Estatuto de Autonomía de Galicia."
"E todos os medios teñen neste momento un sistema de axudas, convenios e publicidade inferior en máis de dous díxitos ao que tiñan cos gobernos anteriores. Pero é certo que non establecemos ningún criterio obxectivo, senón que collemos os antecedentes e fixemos un axuste substancial á baixa das axudas que xa viñan obtendo. O problema non se solucionou, pero tampouco se engordou."
O texto completo da entrevista pódese consultar no número 153 de TEMPOS NOVOS, do mes de febreiro.
Temas relacionados: Caixas, decreto, Estatuto, Feijóo, Linguas, PP, Touriñán

















Os propietarios dos centros educativos son os pais, segundo Feijoo…
“Estamos nunha sociedade onde, se os recursos o permiten, os propietarios sempre teñen a razón. O propietario dun centro educativo non é nin o goberno nin os profesores, son os pais, que son os que os pagan.” Esta e outras pérolas do nunha entrev…