TemposDixital

A visibilidade da lingua e da cultura na danza

Venres 5 de Marzo, 2010    Engadir a digg | Engadir a technorati | Engadir a wikio | Chuza esta nova | Engadir a Menéame | Engadir a Del.icio.us | Engadir a Yahoo
Branca Novoneyra

A danza chegou tarde á escena galega. Agora, cando comeza a acadar visibilidade, ten aínda unha materia pendente: deixarse permear pola lingua e a cultura do país. A creación coreográfica debe saír da súa cuncha e procurar o contacto cos outros sectores culturais galegos.

 

A danza escénica acadou unha gran visibilidade nos últimos anos no sector cultural galego. Proliferaron os artigos na prensa e as reportaxes na televisión. Asistimos a proxectos de colaboración entre o recentemente creado Centro Coreográfico Galego (CCG) e outras institucións estatais xa consolidadas como o Mercat de les Flors en Barcelona ou A Laboral de Xixón .

Produciuse unha explosión coreográfica asentada sobre un apoio institucional que hoxe hiberna, deixando descolocados a numerosos profesionais que dependen case na súa totalidade das axudas da administración. E agora, é o momento de emigrar ou de traballar para fortalecer un sector creando e distribuíndo dentro e fóra de Galicia? Somos conscientes de que pertencemos a un país cun orzamento cultural limitado e que os apoios privados son case inexistentes? Ou só nos laiamos e a análise da realidade non produce ningunha reacción? Esperaremos que as vacas fracas non sexan tan fracas ou reaccionaremos aproveitando o traballo feito nestes últimos anos? Afrontaremos unha readaptación axustada que fomente unha creación conectada tanto co mercado exterior como coa nosa situación económica, social, política e lingüística?

Pero antes debemos preguntarnos que visibilidade ten a cultura e o idioma galego na danza feita en Galicia, cal é a súa presenza no ámbito da formación dancística e cal a distribución real da nosa danza nas redes cultuais galegas e foráneas.

Acheguémonos ó ámbito formativo conformado polas escolas privadas, as asociacións e os conservatorios profesionais da Coruña e Lugo. A danza, no noso sistema educativo, está dentro das ensinanzas artísticas. Os conservatorios de danza a nivel estatal seguen un currículo arredado das novas tendencias en didáctica artística e composición coreográfica. Tamén seguen de costas ós estudos teóricos no ámbito das artes do movemento. Os activos creadores galegos non imparten aulas nos conservatorios profesionais se non son docentes licenciados en danza ou equivalentes, desligados a súa inmensa maioría das células activas de creación e investigación dancística, os que teñen unha prioridade regulada pola Consellería de Educación.

O galego, ausente
O emprego do galego nas aulas de danza é case inexistente tanto nos centros oficiais como nas escolas privadas. Segundo un estudo do 2003 titulado A situación da danza en Galicia, encargado polo desaparecido Centro de Documentación do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, actual Axencia Galega das Industrias Culturais, dos 20 entrevistados como responsables de centros de formación só 4 responderon en galego.

A lingua hexemónica na ensinanza de danza en Galicia é o castelán. Só nos ultimos anos, desde o departamento de formación do Centro Coreográfico Galego (CCG), a publicidade, a inscrición e a avaliación dos cursos orientados á formación e actualización dos profesionais das artes do movemento fíxose en galego.

Pero a realidade é que a maioría dos estudantes de danza en Galicia reciben aulas e len -pouco- sobre a arte que practican, en castelán. É  aquí é preciso unha chamada ás editoriais galegas, para que se sensibilicen ao respecto da necesidade de publicación inmediata de traducións de obras de referencia do corpus teórico da danza. No eido do teatro coñecemos publicacións orientadas a normalizar e posibilitar que os estudantes e profesionais da escena galega poidan ler no seu idioma. Sen publicación na nosa lingua vai ser imposible afianzar un proceso de normalización lingüística no sector.

Gustaríame apuntar unha marabillosa excepción editorial, como é a posta en marcha das coleccións Bitácora e Corpo de Letra, a primeira para documentar as pezas coreográficas que produce o CCG e a segunda para publicar traducións de obras de referencia, polo que neste ano por fin puidemos ler en galego O esgotamento da danza de Andre Lepeki.

 O illamento da danza
 O illamento da danza escénica non é un problema externo ó sector. Internamente os profesionais empregan maiormente o galego como ferramenta para a conseguir axudas institucionais. Aínda que isto non foi negativo, xa que posibilitou unha toma de conciencia da súa diferenza lingüística como realidade positiva, igualándose cos sectores éuscaro e catalá, onde a normalización lingüística é un feito e non un reflexo dunha situación política inmediata.

Creo que o caso galego é debedor da falla de comunicación que houbo entre o sector da danza e outros sectores culturais. Só nos derradeiros anos os coreógrafos comezaron a colaborar con músicos, artistas visuais e escritores xerando sinerxías que enriqueceron e situaron o seu traballo dentro dun imaxinario cultural do que estaban desconectados. É dicir, atoparon un sitio na cultura galega na que antes eran invisibles, salvando controvertidos proxectos como o Ballet Galego Rei de Viana.

Só a danza galega conseguirá estabilidade se conecta cos eidos culturais máis fortemente arraigados na sociedade. A única opción é traballar en paralelo; recoñecer como o sector editorial, o musical e o visual xurdiron, evolucionaron e resistiron en momentos adversos política e economicamente. Só entón este sector escénico traballará dende un lugar de forza e respecto na cultura galega.

Visibilizar a nosa cultura e o noso idioma, depositario de toda a memoria do que somos e do que seremos, non é reducir o noso imaxinario con propostas “enxebres” ou actualizar referencias “galegas” mesturándoas con outras máis“posmodernas”. Non podemos reducirnos sobre defenestradas marcas de calidade, senón recoñecer e contextualizar o noso imaxinario.

Xurdiremos do pasado sen caricaturizalo, só así poderemos redefinirnos. Só desta forma poderemos traspasar crises económicas ou sociopolíticas, loitar polos nosos dereitos dende un asociacionismo baseado non só na oportunidade económica das axudas institucionais senón tamén na sensibilización arredor de antigas e novas liñas de acción cultural válidas dentro e fóra do país. Non pedimos, senón que esiximos o que é noso para sustentar a dedicación e o traballo dos bailaríns e coreógrafos xa inxeridos por dereito propio na cultura galega.

Artigo publicado no número 153 de TN

Temas relacionados: , , ,

Deixe unha resposta

TEMPOS Dixital resérvase o dereito de editar ou borrar as colaboracións dos usuarios/as que comporten:

  • Vulneracións do respecto e dignidade das persoas ou mensaxes discriminatorias, xenófobas ou sexistas.
  • Comentarios que atenten contra a xuventude, a infancia e a seguridade pública.
  • Ligazóns a contidos pornográficos ou arquivos ilegais.
Os comentarios publicaranse despois de admitilos o moderador.

Debe estar rexistrado para engadir un comentario.