TemposDixital

Algúns momentos da entrevista a Méndez Ferrín

Xoves 11 de Marzo, 2010   Ler comentarios [2 comentarios]    Engadir a digg | Engadir a technorati | Engadir a wikio | Chuza esta nova | Engadir a Mename | Engadir a Del.icio.us | Engadir a Yahoo

Sobre o estatus "Real" da Academia

"A Academia non é un organismo que dependa da Xunta nin do Estado, pero é real e está constituída por un Real Decreto. Nese sentido é unha anomalía, pero iso dálle unha gran liberdade, non está sometida aos gobernos."

(..)

[O de Real] "Non se pode retirar. Murguía e Curros eran republicanos e só se retirou o “real” durante a 2ª República. Xa lles gustaría a algúns que eu pedise a abolición do real pasadomañá, pero ata que Galicia, ou España, sexa unha república, non se pode."

O financiamento da RAG:

"A Academia é a institución nacional galega máis antiga que existe, e o orzamento debería vir fundamentalmente da Autonomía de Galicia. Iso non ocorre e a Academia ten que andar facendo guerra de guerrillas, facendo visible a súa condición de real para recibir fondos doutras vías."

Academia da Lingua, unha anomalía?

"O inglés non ten academia pero tivo imperio e tivo a Shakespeare. Dicía Nebrija que a lingua é compañeira do imperio, e Galicia non ten imperio. A RAG é necesaria para promover a normalización ortográfica, morfolóxica ou gramatical da lingua, para evitar que se esfarele no caos."

Sobre o reintegracionismo

"O mesmo que con Galicia Bilingüe. É xente que está en contra do idioma. Que fagan o que queiran. Teñen a rúa, os foros sociais, os medios de comunicación, os sindicatos. Que vaian predicar á porta de Citroën."

(..)
"Se son soberanistas, é curioso. Queren a soberanía de Galicia, pero non a do idioma galego."

Sobre o galego de Asturias:
"En Asturias está Abertal, que publica libros en galego que rompen fronteiras. Hai gaiteiros que non queren meter a gaita asturiana… pero non aparecen nos xornais. Nos xornais de alí aparece o asturianismo, que en vez de termar polo seu, cúlpanos a nós do que non consegue. Un disparate. Hai máis diferenza entre a fala de Bergantiños e a do Morrazo, que entre a da Fonsagrada e Taramundi."

As relacións institucionais co goberno da Xunta e as políticas respecto á lingua:

"Cando se promulgan leis que afecten á lingua, como é este decreto, os poderes públicos teñen a obriga de nos reclamar consello, que non é vinculante. Pero nunca poderán dicir que vaca se escribe con b."
(…)
"A maioría silenciosa a vantaxe que ten é que non sabes o que di. Que recorden quen a inventou, que foi Nixon, e así lle foi. Hai que ter coidado coa maioría silenciosa: se cadra cando fale, di o que non se espera."
(…)
"Os rapaces que traballan na aceleración de partículas en Xenebra promoveron unha carta en defensa do galego, e son emigrantes porque Galicia non ten traballo para eles. Esa é a resposta. Están entre os mellores físicos do mundo e son galeguistas. O conselleiro debeu expresarse mal. Ou ignora quen é Leopoldo Nóvoa, ou que Manuel Rivas está traducido en Gallimard, que tampouco é para ensimesmarse. Pero ti cres que el sabe iso?"

Na literatura galega hoxe non sobra o debate, vese pouco conflito e faltan subculturas ou tensións que a animen. Pode saír algo artisticamente valioso da felicidade, a satisfacción e a harmonía que un percibe en exceso?
"Si. Sen dúbida en exceso. Pero debate haino. Ti mesmo es unha proba de que o hai. Vouche conceder que non existen manifestos, grupos ou confrontación. Pero o que me interesa é que existe Borrazás, e Cid Cabido, e que escreben cousas distintas ás que escreben Jaureguizar e Caneiro. A contradición está nos feitos e os feitos literarios son eses: uns escreben dunha maneira e outros escreben doutra, e os lectores escollen."

 

A entrevista completa pódese consultar no número 154 de TN, desde este luns en librarías e quioscos.

Temas relacionados: , , , ,

Comentarios a «Algúns momentos da entrevista a Méndez Ferrín» (2 comentarios)

  1. chuza.org dixo:

    Entrevista a Ferrín em Tempos Novos…

    O presidente da Real Academia Galega, X.L. Méndez Ferrín, é entrevistado pola revista Tempos Novos no seu último número. Na web da publicaçom apresentam extractos da entrevista onde destacam algumhas das opinions mais polémicas sobre temas como o reint…

  2. O Reintegracionismo outra vez « Un caballo de cartón dixo:

    [...] http://www.temposdixital.com/?p=3146 [...]

Deixe unha resposta

TEMPOS Dixital resérvase o dereito de editar ou borrar as colaboracións dos usuarios/as que comporten:

  • Vulneracións do respecto e dignidade das persoas ou mensaxes discriminatorias, xenófobas ou sexistas.
  • Comentarios que atenten contra a xuventude, a infancia e a seguridade pública.
  • Ligazóns a contidos pornográficos ou arquivos ilegais.
Os comentarios publicaranse despois de admitilos o moderador.

Debe estar rexistrado para engadir un comentario.