Carlos Pajares: “Cómpre situar os centros de excelencia investigadora fóra das grandes cidades”
Unha entrevista de Mariola Moreno
Cal vai ser o seu labor no Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN)?
No consello recibimos os datos sobre a evolución das diferentes actividades que se fan no laboratorio e en certo modo supervisamos estes traballos. No meu caso, tamén me toca estar ao día da opinión da comunidade científica española e son a ligazón directa entre o CERN e o Goberno español. O consello do CERN ocúpase tamén de aprobar os orzamentos do laboratorio.
Cantos científicos traballan no Laboratorio?
Milleiros. Hai preto de 5.000 usuarios inscritos que acoden ás instalacións regularmente. Outra cousa son os traballadores propiamente ditos do laboratorio, que son moitos menos. Por exemplo, da USC debe haber uns vinte ou trinta usuarios, a metade dos cales están inscritos. O habitual é que moitos deles fagan investigación en conexión cos que se atopan fisicamente nas instalacións.
Trátase dun proxecto xigantesco…
E que é noso, é europeo. Por exemplo, no CERN vanse facer os experimentos en catro zonas e tan só nunha delas hai 2.000 físicos. Noutra hai máis de 2.000 enxeñeiros. O laboratorio conta cun orzamento anual da orde dos 700 millóns de euros.
Europa versus EEUU…
Claro. No ano 1983, no CERN estábase á procura de tres partículas con moita masa, algúns dicían que se trataba só dunha elucubración teórica pero o CERN descubriunas. Ao día seguinte o New York Times titulou en portada: “Europa 3-EEUU 0”.
O acelerador de partículas máis potente do mundo ten prevista a súa entrada en funcionamento neste mes de agosto. Cando se obterán os primeiros resultados?
Os experimentos din que a primeiros do vindeiro ano, pero no que respecta á partícula fundamental que se quere atopar, Higgs, até dentro de dous anos non se van obter resultados.
Que ocorrerá se non aparece?
Hai quen di que non atopar Higgs vai ser máis revolucionario que dar con el porque iso querería dicir que non sabemos case nada…
O proxecto do acelerador de partículas presentouse como unha sorte de “máquina dos descubrimentos” que lles permitirá aos expertos escribir un novo capítulo na historia da física. Un dos experimentos pretende recrear as condicións sufridas tralo Big Bang, que deu supostamente orixe ao Universo. A idea non gusta aos máis agoreiros.
Todas as veces que se pon en marcha un acelerador xorden os mesmos temores. Dixeron que con el hai riscos de crear enormes buratos negros que atraerían a materia e que actuarían como un sumidoiro xigante… Existe unha explicación que reduce estes riscos pero ademais, encargouse a un equipo de cinco técnicos, entre eles un premio Nobel, que fixera un estudo ó respecto. E o resultado desvelou que non existe perigo ningún.
Pagou a pena investir máis de mil millóns?
Dende logo que si. Fíxate que até agora o retorno tecnolóxico directo que recibiu España nos últimos dez anos, simplemente en contratas, é superior aos investimentos realizados polo noso país. Ademais, España tiña que estar, quedar fóra non tiña senso ningún. Estamos na comunidade científica internacional.
Por que se decantou polo estudo das partículas elementais?
Coas partículas elementais o que buscamos son os ladrillos do universo, entre outras cousas. As diferentes civilizacións dende a antigüidade fixéronse as mesmas preguntas: de que están feitas as cousas, de onde vimos. Sempre se buscou a natureza das cousas. E precisamente na física de partículas tentamos dar resposta a esa orixe do universo e á súa composición.
Cre suficiente a divulgación científica que fai no país?
Ocorre en España e tamén en Galicia que contamos cunha educación moi dirixida aos estudos de letras: historia, literatura. Pero é imprescindible ter unha culturilla xeral de cuestións fundamentais como que son os xenes, que son os cromosomas, cales son as partes do universo, a cosmoloxía. De todas maneiras, a divulgación non é sinxela e, os científicos, ás veces, non saben divulgar. Pero sucede que os xornalistas tamén descoñecen bastante este mundo. Tería que se impartir nas facultades de Ciencias da Información unha materia optativa ou semellante para que se puideran achegar sen medo ás ciencias. Non obstante, avanzouse moito. En Galicia fanse bastantes cousas de divulgación. Dende a Consellería de Innovación, por exemplo, pero tamén é moi importante o labor dos Museos Científicos Coruñeses. O problema da divulgación é que, como no xornalismo, o traballo é moi efémero e require de esforzo continuado.
Mudou a política de divulgación, logo?
En xeral, os gobernos decatáronse de que é fundamental poñer preto dos cidadáns a ciencia e a tecnoloxía e nos planos galego e español de I+D hai máis partidas orzamentarias nesta liña. Iso vaise notando. Pero, insisto, estamos nunha civilización fundamentalmente de letras. Se un di que non sabe quen ven sendo Hamlet, considéraselle un inculto; se descoñece quen foi Pasteur ou Newton, non pasa nada. Cando fun reitor, no ano 1984, era noticia que alguén marchara fóra estudar ou se chegaban investigadores do estranxeiro. Dende a universidade pegouse un pulo neste sentido e tentouse facer normal o que en Europa era normal. A partir de agora empezarán a se notar os esforzos orzamentarios. A ver como afecta a crise, en todo caso.
Noutro momento o recorte tería comezado por aquí.
Os discursos políticos están mudando e din que imos cambiar a economía do ladrillo pola do coñecemento. Esta viraxe implica seguir poñendo cartos para I+D+i. En Galicia estase facendo un gran esforzo. As empresas tamén están metendo máis diñeiro para a investigación.Tamén é moi importante poñer os centros de excelencia fóra de Madrid e de Barcelona, facer un esforzo de descentralización. Estase facendo nos últimos anos e quizais dende aquí hai que aumentar a capacidade de xestión. Sobre todo nas nosas universidades. Non é o mesmo implantar un centro deste tipo con 200 investigadores nin facelo en sete anos que en tres. Nisto quen non corre, voa.
Segue a existir fuxida de cerebros ou Galicia é xa atractivo para os investigadores?
Nun sistema científico e tecnolóxico o importante é inserirnos na comunidade internacional científica. Iso quere dicir que despois dun doutoramento é bo que a xente marche fóra dous ou catro anos. O importante é que despois teñan oportunidades para regresar. Tampouco é bo que unha persoa con 22 anos pense en acadar un posto fixo no eido da I+D.
En que lugar queda a "investigación pura"?
En España e en Galicia hai unha prioridade básica que é a de introducir a ciencia e a tecnoloxía no sector privado. Iso non debe impedir apreciar o sistema de investigación básica. A investigación básica significa que hai que ser bo, pór criterios de excelencia e investigar só no que o resto do mundo está a investigar. A investigación básica de hoxe vai dar as aplicacións fundamentais de mañá. No CERN faise investigación básica que leva indirectamente a avances tecnolóxicos impresionantes.
Como evolucionou o ensino galego nestes anos?
A universidade pasou moito tempo fóra do círculo científico internacional, había unha achega de moito mérito de xente pero estabamos fóra. Deuse ese paso. De todos os xeitos, a universidade galega é moi dispar. Dentro dun mesmo campus hai equipos punteiros que traballan e moito e hai outros que seguen estando fóra dos círculos de investigación científicos, que non investigan nada. Dan clases, falan de docencia e máis nada. Neste sentido coido que a universidade debe ser máis esixente internamente. Sobre todo porque os cartos son de todos.
Carlos Pajares gusta moito da divulgación e da política —renova o seu posto como responsable de innovación na Executiva do PSdeG-PSOE—. No seu tempo libre, adoita escoitar música clásica. “Dáme paz, sosego, e cando viaxo procuro mirar na rede información de concertos, e procuro asistir”, asegura. Precisamente, o feito de viaxar tanto por motivos laborais faille buscar recunchos tranquilos de Galicia para os períodos de vacacións.
Temas relacionados: Carlos Pajares, Laboratorio Europeo de Física de Partículas















