Probas de autoridade
Finalmente, as eleccións serán na primavera. Pérez Touriño deu a talla negándose a secundar as directrices de Ferraz, que as querían para este outono. Tentaban experimentar en Galicia o voto da confianza con dous obxectivos. En primeiro lugar, para que a suba de votos que agardan contribúa a desactivar os efectos políticos da crise económica, que xa comezou a detectar o CIS. E tamén para que a reedición da coalición socialistas/nacionalistas incentive a operación vasquista, na que Zapatero empeña unha parte moi importante da súa credibilidade política, renunciando a todo o que non sexa sentar a Patxi López en Ajuria Enea. De someterse o presidente galego a eses cálculos, supeditaría os intereses de Galicia á estratexia do PSOE. Porque non se dá ningunha das circunstancias que puideran xustificar excepcionalmente un corte tan abrupto da lexislatura. Malia as tensións, a coalición de goberno mantense estable, e segue a ter a maioría parlamentar suficiente para executar compromisos políticos e lexislativos dos que vai depender en boa medida que se substantive ou non o cambio prometido. Entre eles, os que lle han devolver á sociedade civil a autonomía que lle subtraera o fraguismo.
O compromiso de esgotar a lexislatura –cun adianto técnico mínimo para non coincidir coas eleccións europeas- fai inevitable, non obstante, unha crise de goberno. Hai consellerías que carecen de dirección política, presentando déficits preocupantes tanto nos seus proxectos, escasamente ambiciosos, como na súa xestión. Superada a proba de autoridade á que o someteron Ferraz e algúns dos seus propios colaboradores, quédalle a Touriño estoutra non menos importante da crise. Para chegar a marzo sen demasiados sobresaltos.
Temas relacionados: Adianto electoral, bipartito















