Aplausos de opinión
Os opinadores da prensa galega aplaudiron unanimemente, con argumentos tamén moi parecidos, a comparencia do presidente da Xunta de Galicia para desestimar o adianto electoral. "Touriño acertou (…) aínda que deixara a case todos cun palmo de narices. Entre outros, aos seus propios compañeiros de partido que, convencidos de que as eleccións serían en outono, xa se lanzaran a arrearlle leña ao BNG", coida Blanco Valdés en La Voz de Galicia.
No mesmo xornal, Barreiro Rivas identificaba o PPdeG coma principal derrotado no desenlace da especulación electoral: "Lanzáronse a criticar o adianto -valéndose dunha monserga moi infantil- sen agardar prudentemente a súa confirmación. Por iso o PSOE lles gañou este partido 5-0. Porque, mentres Touriño pode presumir -e presume- de coller a crise polos cornos, e de ir ás elecciones con limpeza impecábel, o PP, que xa confidenciaba datas e modos para a súa presunta victoria, ten que tragarse o seu discurso, e ver como os seus manidos e pobres argumentos -"é un cobarde", "tenlle medo á crise», "se agardan a febreiro temos a maioría absoluta"- viraron na súa contra".
"Touriño demostra un interesante grao de independecia con respecto a Madrid -léase Pepe Blanco-", cre Rafael Cuíñas en Vieiros. "Aínda que non provoque o entusiasmo de Barack Obama, fai que o seu partido en Galicia e a militancia poidan estar orgullosos del", engade. Un entusiasmado X. A. Perozo escribía no Galicia Hoxe: "Exerceu de presidente da Xunta e tomou unha decisión política e persoal, que xa veremos a quen beneficia nos vindeiros meses. De momento el volveu saír reforzado cara ós espectadores, que agardan dun dirixente as ideas claras e a defensa dos intereses de Galicia por riba de todo".
Nas páxinas do Faro de Vigo, Javier Sánchez de Dios salientaba tres virtudes da decisión: "A primeira, e principal, a coherencia -case solitaria no seu partido- do señor presidente Pérez Touriño, que fixo o que dixo que faría. A segunda, a lóxica da súa explicación, porque garantiu que esgotaría a lexislatura se non vía causa para un anticipo. A terceira, en fin, a súa coraxe, porque asume o risco de que nos difíciles tempos -económicos e sociais- que veñen lle pasen factura aínda indirecta".
Temas relacionados: Adianto electoral, bipartito

















[...] o interese dos máis intelixentes comentaristas políticos galegos. Algúns non dubidaron mesmo en louvar a decisión do Presidente e o seu carácter. Non sei de que me sorprendo. É ben sabido que a idea superior [...]