A ciencia coma espectáculo
Un artigo de Juan Luís Pintos
O primeiro suceso foi na Suíza e consistiu na posta en marcha do colisor de hadróns no CERN. Curiosamente, nada máis poñerse en marcha tivo unha avaría que o tenra inactivo entre dous e catro meses. O lanzamento foi espectacular, pois interesou inclusive a todo o amplo abano de grupos paracientíficos, protestas apocalípticas e respostas máis o menos racionais dos responsables do proxecto. Este é o modelo da “Big Science”, baixo o cal foise realizando nos últimos decenios a investigación espacial nos diferentes países que a emprenderon. E todos temos coñecemento dos beneficios para una gran parte da humanidade que de tais investigacións se deriva.
Fica rodando pola mente de algúns se esta transformación do saber en espectáculo é necesaria para o benestar da maioría. Se a supresión da continxencia e da serendipity beneficia máis ou a mais xente, se a ciencia e os científicos non están demasiado subordinados aos xestores dos grandes negocios. Se unha ciencia máis preto do artesanal e do cotián non nos sería máis útil e menos perigosa para os individuos.
Xuntouse a este suceso mundial un acontecemento local: a concesión dun premio e a correspondente visita do investigador británico Stephen W. Hawking a Santiago e Galicia. Non entramos aquí na moda relativamente recente de “Premios” que non teñen maior significado que o prestixio que receben dos premiados e que máis ben son un favor do premiado ao premiador. Non nos gustaría que o novo premio Fonseca comezara a súa xeira baixo estas coordenadas. O caso é que este premio ten como finalidade confesada a “divulgación” da ciencia y nunca mellor escollido o premiado que sobresae nesa arte. Mais non sei se o xeito en que se celebrou o acontecemento contribuíu a esa divulgación o máis ben a un novo tratamento espectacular do científico neste caso. Non sei se moitos composteláns melloraron os seus coñecementos sobre a materia no universo, os buratos negros e se tiñan ou non pelos (!).
Non se pode avanzar na comprensión do cosmos a base de gracietas, botafumeiros e autobombos. A divulgación da ciencia non ten unha producción instantánea e milagreira, senón que ten que ver más coa difusión de informacións rigorosas e comprensibles para o común nivel cultural da poboación. Esa divulgación sería moito mellor servida por media dunha revista en galego que se adicara mensualmente aos temas científicos que se desenvolven en moitos espacios académicos e non académicos do noso país.
Temas relacionados: Colisor de hadróns, divulgación, espectáculo















