Turbulencias e bonanzas económicas
Un artigo de Xoán López Facal
A actualidade económica xeral vén marcada polo signo da inestabilidade e a inquietude ante o futuro inmediato. A crise hipotecaria norteamericana e o seu impacto no crecemento económico e nos índices bolsistas, a debilidade da cotización do dólar fronte ao euro (próxima xa aos 1,5 $/€), a suba concomitante dos prezos do petróleo, que se aproxima aos 100 $/barril e, finalmente, o crecemento en curso no prezo da alimentación animal e en produtos básicos da cesta da compra -leite, ovos, carne- con repercusión inmediata no custo da vida, debuxan un panorama que preocupa. O primeiro que chama a atención é a orixe externa dos impactos e a súa rápida transmisión a todos os mercados. O mundo non acaba en Madrid.
A crise de expectativas que afecta xa en forma manifesta á industria da construción nace das dificultades do sistema financeiro americano para recuperar préstamos hipotecarios concedidos a solicitantes de dubidosa solvencia a cambio de tipos de xuros elevados. O impacto amplifícase mediante a conversión destes créditos de baixa calidade e alta rendibilidade en títulos adquiridos por bancos e fondos de investimento europeos para reforzar a rendibilidade dos seus produtos financeiros. Non podemos esquecer neste cadro de situación os efectos do gasto militar norteamericano sobre a depreciación do dólar e o crecente desasosego dos compradores de dólares -os países petroleiros e a China, principalmente- ante esta situación. Venezuela e o Irán patrocinan xa a idea de referenciar o petróleo ao euro mentres os bancos centrais dos países exportadores comezan a substituír máis ou menos discretamente dólares por euros como moeda de reserva.
Os azares meteorolóxicos –chuvias e secas desmesuradas relacionadas co cambio climático-, o forte incremento da demanda alimentaria polos grandes países emerxentes e, en menor proporción, a demanda crecente da industria dos biocarburantes, estaría detrás da suba nos prezos dos produtos alimentarios. Un desequilibrio puntual entre oferta e demanda potenciado pola acción dos axentes comerciais aplicados á especulación en existencias mediante compras retidas en espera dunha saída a prezo mellor nun futuro oportuno. Son os inevitábeis movementos especulativos, consubstanciais á práctica comercial polo groso e polo miúdo.
Se a orixe é externa os efectos son locais, aínda que altamente dependentes da estrutura produtiva, as características das balanzas comerciais e a saúde do sistema financeiro en cada caso. Comezando por isto. A desvalorización das carteiras financeiras en poder de bancos e sociedades de seguros e pensións require a constitución de fondos especiais de reserva (provisións de depreciación) que han de ser detraídos dos beneficios correntes coa consecuente caída na rendibilidade e cotización das sociedades afectadas. O investimento residencial privado pesa algo máis do 10 por cento no PIB na economía española e o consumo dos fogares un 55 por cento. Un debilitamento da actividade construtora e do consumo, por efecto da suba de prezos de primeira necesidade e o empeoramento das perspectivas de crecemento e emprego, porían en cuestión, como consecuencia, as dúas terceiras partes do PIB xerado pola economía española e a súa capacidade de crecemento e xeración de emprego.
FMI contra Ministerio de Economía
A batalla de cifras comezou xa, nun escenario de altura: FMI contra Ministerio de Economía. En xogo está a credibilidade da política económica do goberno e a súa capacidade para garantir a continuación da bonanza actual. Un asunto de especial atención no período preelectoral en que nos movemos, aderezado pola situación de empate técnico PSOE-PP que predín os institutos demoscópicos.
A economía española veu crecendo nos últimos catro anos a taxas crecentes do 3-4 por cento. A cuestión agora é medir o impacto da crise latente -baixa na construción, alza no prezo do petróleo, dificultades crecentes de exportación á área dólar, caída do consumo- e referendar ao axente político que mellor poida xestionar a situación. Un PSOE avalado por unha lexislatura de éxito económico innegábel fronte a un PP que trata de vender a idea forza de que, ante as sombrías perspectivas, a receita é a prudencia, a temperanza e demais virtudes do devocionario conservador. Ante o anuncio de tormenta nada mellor que a seguridade do porto de refuxio.
A mediados de outubro o FMI, presidido aínda por un Rato en retirada, facía públicas as súas previsións de crecemento económico mundial. A institución concedía á economía española unha taxa de crecemento do 2,7 por cento para o 2008 en contradición co 3,3 por cento propugnado por Solbes na elaboración dos orzamentos do Estado. É preciso ser conscientes da orde de magnitudes en consideración. O PIB de España do 2007 supera o billón de euros, 1000 x 109 euros. O de Galiza os 50.000 millóns, 50 x 109 euros. Cada punto porcentual de crecemento no PIB achega á sociedade española 10.000 millóns de euros: 500 millóns en Galiza. Unha baixa de 0,7 puntos porcentuais como a estimada por Rato supón, en consecuencia, que a economía española deixa de xerar 7.000 millóns de euros, 350 millóns por parte da economía galega.
Os datos que se van coñecendo apuntan a unha contracción en liña coas previsións do FMI. O crecemento interanual de terceiro trimestre do 2007 mostra unha caída de 7 décimas en relación co trimestre anterior malia a se manter nun confortábel 3,8 por cento interanual que asinaría con gusto calquera país europeo.
Respiro para o agro galego
¿E Galiza? O conselleiro Sr. Fernández Antonio opina que se prolongará a bonanza do 2006 e do 2007 que nos permitiu crecer a un ritmo superior ao da economía española e acariciar a perspectiva de alcanzar a media española de desenvolvemento en termos de PIB nun período de dez anos. Unha meta talvez pouco verosímil pero non absurda. De momento o conselleiro propón unha taxa de crecemento do 3,5 por cento para o 2008, medio punto inferior á esperada para o 2007. Non estaría nada mal.
Máis importante que esta discusión sobre ritmos, de carácter transitorio, é a cuestión fundamental da capacidade de reacción da nosa economía no escenario que se debuxa.
A posición optimista é razoábel debido á potencialidade e características diferenciais da nosa economía. É certo que a actividade da construción pesa algo máis en termos relativos na da oferta agregada galega que na española -11-12 por cento contra un 10-11 por cento- pero tamén o é que a nosa demografía propicia unha caída maior na actividade construtora e, sobre todo, que a contención desta axudaranos a preservar as praias e contornos urbanos da insaciábel voracidade construtora que as ameaza. Crecer non é un imperativo, vivir mellor si.
A prensa galega anuncia xa cerramentos de axencias inmobiliarias e caídas na súa facturación. Á parte da normalidade con que debemos contemplar a calidade cíclica do negocio inmobiliario, non podemos subtraernos á satisfacción de que este arrefriamento (que por certo parece estenderse ao fútbol, un deporte amigo de promotores inmobiliarios de éxito) poida contribuír a revalorizar o patrimonio construído e a arrefriar as expectativas desatadas de que toda leira é un solar en período de noviciado, á parte de acalmar a colusión do tixolo coa política municipal que tinxe a democracia con cor de novo rico desde Málaga até a costa galega. Construír menos e mellor axudará á disciplina urbanística e contribuirá a moderar o parsimonioso laborar xudiciario.
O asunto do prezo dos alimentos é mais prometedor aínda. O mundo rural galego leva sufrindo en silencio un axuste brutal e silencioso que levou á ocupación rural desde os 683.000 agricultores de 1955 (63 por cento da ocupación total!) e os 380.000 con que ingresabamos na Unión Europea a mediados dos 80 (37 por cento do emprego) aos 107.000 con que hoxe contamos, 9 por cento apenas do emprego total. O corazón da economía agraria galega fórmano as 14.000 explotacións leiteiras que foron capaces de superar os impoñentes obstáculos impostos pola cota láctea, o imperativo de modernización e ampliación, a competencia do leite importado e a máis que probábel colusión empresarial para manter os prezos da materia prima baixo mínimos aproveitando a asimetría na negociación por causa da atomización da oferta e o reparto das redes de recollida. Na campaña do ano 2007 os gandeiros galegos produciron 2,3 millóns de litros de toneladas, un 38 por cento da produción española. A produción do país segue crecendo o mesmo que a cota de abastecemento do mercado español estimado xa no 40 por cento. O leite, como a acuicultura ou a madeira son cada vez máis un asunto interno galego.
É agora por primeira vez cando o empresario agrario -este é o seu estatus efectivo, malia a nostalxia dunha certa iconoloxía irredentista aínda viva- conta cun nivel de prezos remunerador para o seu produto. O prezo do leite alcanza agora os 0,45 euros/litro (0,30 a principios de ano) que se multiplica por dous nos supermercados. As explotacións respiran a bonanza que lles permite consolidar a situación e proseguir a súa carreira de homologación cos granxeiros europeos. Unha auténtica proeza histórica que a conxuntura do mercado internacional vai confirmar.
Temas relacionados: crise económica, dólar, petróleo, prezos















