Nanotecnoloxía: a revolución industrial do S. XXI
Un artigo de Guillermo Foladori
Vidros que se autolimpan, tecidos que repelen o po e as manchas, pintura que se recupera soa, nanocápsulas con fármacos que van directamente ás células enfermas, computadores que caben na cabeza dun alfinete, bacterias creadas para descontaminar, son exemplos desta nova revolución industrial. Practicamente todos os produtos coñecidos cambiarán no correr de moi poucas xeracións, como resultado da aplicación das nanotecnoloxías (NT) aos procesos produtivos.
Industrial Nanotech Inc. Lanzou, en 2006, unha capa de nanomaterial extremadamente illante e resistente á corrosión e aos fungos para illamento de tubaxes (Chicago Tribune, 2006). Unha compañía turca contratou a Industrial Nanotech para illar os seus equipos, que traballan a temperaturas extremas co fin de evitar perdas de calor. Esperan aforrar 40.000 dólares ao mes (New York Times, 2006). A xigante Petrobrás de Brasil adquiriu o illante para as súas tubaxes (USAToday, 2006). Resultado do éxito, as accións de Industrial Nanotech Inc. aumentaron o 448 por cento respecto do ano anterior (NASDAQ, 2006). A comida do futuro podería conter nanopartículas que eviten problemas de graxa, azucre ou colesterol, como o pan Tip Top de Australia, que xa se vende con nanopartículas de Omega3.
A nanotecnoloxía é a manipulación de átomos e moléculas para crear novos produtos ou darlle novas funcións aos existentes. A novidade é que os materiais a escala nano (entre 1 e 100 nanómetros ?un nanómetro é a millonésima parte dun centímetro) presentan propiedades físicas, químicas e toxicolóxicas diferentes ás coñecidas en tamaño natural. Trátase dun mundo novo por descubrir.
O entusiasmo pola NT fixo declarar a membros do Grupo de Ciencia e Tecnoloxía do Proxecto Milenio de Nacións Unidas, destinado a combater a pobreza, que a nanotecnoloxía podería ser a solución, ofrecendo comida barata, auga potábel e enerxía accesíbel para todos. Aínda que os pobres e traballadores aínda non viron as súas vantaxes, os negocios si. O mercado mundial de produtos con nanopartículas foi de 32 miles de millóns de dólares en 2005, pero o seu crecemento proxéctase a máis de 500 miles de millóns en 2010 e a máis de 3 billóns (millóns de millóns) en 2014 (LuxResearch, 2007). Trátase da máis rápida revolución industrial na historia da humanidade.
Aínda que polo menos un terzo da poboación mundial é pobre, e aínda que esta fracción medrou en relación á poboación total no último medio século, é normal pensar que as tecnoloxías se desenvolvan para mellorar as condicións de vida. Paradoxalmente, pasamos as recentes revolucións da microelectrónica e biotecnoloxía sen tales melloras para as grandes maiorías. Serás as novas tecnoloxías diferentes?
Desatouse unha carreira mundial por impulsar as novas tecnoloxías. En 2006 investíronse máis de 12 miles de millóns de dólares en investigación. Metade diñeiro público e metade privado. Estados Unidos, Xapón e Europa están á cabeza (Lux Research, 2007). Os países en desenvolvemento non queren perder o tren. China e India son grandes apostadores. En América Latina, o goberno de Brasil impulsa as nanotecnoloxías dende 2001, Arxentina creou a Fundación Arxentina de Nanotecnoloxía en 2005 e México ten varios proxectos de investigación en asociación con universidades e institucións estadounidenses. Pero as patentes, que medraron exponencialmente, están en mans das grandes corporacións como IBM, Samsung, Kraft, Nestlé, Niké, Lockheed, L´Oreal, Dupont, Monsanto, Bayer, BMW (ETC group, 2005a). Augúrase un comercio mundial cada vez máis baseado en prezos monopólicos apoiados en patentes.
Un cambio drástico na división internacional do traballo é previsíbel. Hai quen sostén que moitos produtos básicos derivados de cultivos e gandería para a industria téxtil (la, algodón, xute) poderían desaparecer, substituídos por fibras sintéticas con igual e maior funcionalidade. Tamén serían desprazados cultivos destinados á produción de bebidas, como o té, o café, ou o cacao, ou algúns minerais como o cobre, substituído por nanofibras de carbono (ETC group, 2005b). Millóns de traballadores agrícolas poderían quedar sen emprego.
Como resultado da introdución de materias multifuncionais, moitos oficios e actividades van desaparecer. Na industria da alimentación, un dos sectores de maior desenvolvemento son os empaques intelixentes, que se autoprotexen contra fendas ou aberturas e fan o produto menos perecedoiro; ou os empaques que avisan ao consumidor do vencemento, facilitando e evitando a supervisión dos estantes. Tamén medra a aplicación de nanocompoñentes nos propios alimentos, para que froitas e vexetais prolonguen a súa vida sen descomporse. O persoal de distribución, supervisión, limpeza, etiquetado ou almacenamento, reduciríase ou sería superfluo.
Toda tecnoloxía leva consigo riscos, tanto para traballadores como para consumidores. A nanotecnoloxía implica unha nova toxicoloxía. As nanopartículas son tan pequenas que penetran a pel, e inhaladas poden ir directamente ao cerebro, entrar no torrente sanguíneo e ser consumidas polas células. Algunhas poden danar ou modificar o ADN, e xa hai análises de laboratorio que amosan como algunhas poden provocar envelenamento, ou ser tóxicas en pulmóns e cerebro. Poden ter maior perdurabilidade, e terminar no chan, nas correntes de auga, afectando os ecosistemas e reingresando ás cadeas tróficas e ciclos produtivos. Porén, a presión dos negocios fai que se vendan produtos con nanopartículas antes que existan exames toxicolóxicos adecuados.
Está habendo unha gran discusión sobre o papel que os gobernos deben ter en canto á regulamentación. Algúns opinan que un ambiente non regulado facilita o desenvolvemento das nanotecnoloxías, como sucedeu coa computación. Outros opinan que debe haber unha autorregulación por parte das corporacións que venden os produtos ao mercado, e alí está a DuPont promovendo a empresa supostamente responsábel. Outros suxiren que o goberno debe regulamentar, porque hai serias preocupacións cos riscos para a saúde humana e o medio ambiente. Outros suxiren unha moratoria, baseada no principio de precaución que suxire que non deben lanzarse ao mercado produtos dos cales non se teña relativa certeza científica de que non implican riscos para a saúde ou o medio ambiente.
Tamén hai moitos problemas de regulamentación para patentar, para fiscalizar a súa comercialización interna e externa, para impulsar a investigación pública ou privada, e retos para enfrontar unha educación que talvez deba ser modificada dende a primaria, enfocándose a tecnoloxías converxentes interdisciplinarias.
Grupos empresariais, intelectuais, organizacións sociais, e ONGs comezan a manifestarse sobre as NT. A nivel sindical, o Australian Council of Trade Unions emitiu unha declaración sobre os perigos que as NT podían implicar. En 2006 a UITA latinoamericana (Unión Internacional de Traballadores da Alimentación, Agrícolas, Hoteis, Restaurantes, Tabaco e afíns) emite outra declaración, referendada no seu Congreso Mundial de 2007 (Rel-Uita, 2007). E, recentemente, decenas de organizacións sociais e ONGs emitiron os Principios sobre NT (Principles for the Oversight of Nanotechnologies and Nanomaterial). Todos eles preocupados por unhas tecnoloxías disruptivas que medran descontroladamente.
Referencias
Chicago Tribune (2006). Industrial Nanotech Launches Nansulate Thermal Wrap. News, November 20.
ETC Group (2005a). Las patentes de nanotecnología: más allá de la naturaleza. Implicaciones para el Sur global. Ottawa: ETC Group.
ETC Group (2005b). The potential impacts of nano-scale technologies on commodity markets: The implications for commodity dependent Developing countries. South Centre Trade Research Papers, 4.
LuxResearch (2007). Nanomaterial Forecast: Volumes and Applications.
Nasdaq (2006). Industrial Nanotech Reports Record First Quarter Sales. Company News. April 20, 2006.
Rel-UITA (2007). Resolución sobre Nanotecnología. 25 Congreso de la IUF Ginebra, 19-22 de marzo de 2007.
The New York Times (2006). Industrial Nanotech Distributor Signs Agreement for Use of Nansulate Throughout Large Dyehouse in Turkey. Business and Financial News. November 10.
USAToday (2006). Brazilian Oil and Gas Giant Requests Specifications for Industrial Nanotech’s Nansulate Coating for Pipeline Project. September 26.
Temas relacionados: , Nanotecnoloxía















