TemposDixital

As mulleres están a mudar as disciplinas científicas

Xoves 11 de Decembro, 2008    Engadir a digg | Engadir a technorati | Engadir a wikio | Chuza esta nova | Engadir a Mename | Engadir a Del.icio.us | Engadir a Yahoo
Escoitamos a miúdo que a ciencia é unha actividade neutral e aséptica, o mellor dos coñecementos posibles. Nesta conversa, Eulalia Pérez Sedeño amósanos que as cousas non son exactamente así e que cómpre ir mudando o noso xeito de facer ciencia para evitar nesgos sexistas.

Unha entrevista de Juan R. Coca


Como rematou traballando en Ciencia, Tecnoloxía e Xénero?

Logo de ler unha tese sobre historia da astronomía, fun á Universidade de Cambridge, como investigadora, a traballar con Jeffrey Lloyd. Froito dun consello de Laín Entralgo, un dos membros do meu tribunal de tese, a miña intención era estudar medicina antiga para vincular a astronomía con esta disciplina. Mais Jeffrey Lloyd comentoume que sería moi interesante tratar a autoridade epistémica das mulleres.

Autoridade epistémica?

Si, os médicos gregos antes non podían ver as mulleres por cuestións de pudor. A isto se lle engade que as mulleres non eran consideradas maiores de idade. Entón, as mulleres non tiñan autoridade ningunha. Porén, había un grupo de mulleres intermediarias que si tiñan autoridade epistémica, inda que oficialmente non se lles concedía. E foi por aí por onde comecei.

Que é o que se pretende neste eido dos estudos de xénero?

Preguntáronme moitas veces: “pero ti a que te dedicas?” (rise) Eu estudo as relacións entre a ciencia, a tecnoloxía e as mulleres. Mais o que máis me interesa é analizar os mecanismos sociais de exclusión para combatelos.

Por que?

Por motivos, se me apuras, puramente económicos, pois a exclusión das mulleres supón unha enorme perda de recursos. Mais tamén por cuestións epistemolóxicas. En economía, por exemplo, non se tomou en conta, ata fai pouco, o que supón o traballo das mulleres no produto interior bruto. Hoxe en día, a ONU afirma que chega ao 30 por cento. Tamén noutras moitas disciplinas se observa esa falta de consideración da realidade das mulleres. Eu penso que se está a facer unha mala ciencia se non se ten en conta ás mulleres.

Mala ciencia?

Existen disciplinas, as que eu chamo biosociais, nas que se fai un coñecemento que mantén as condicións de desigualdade. Recentemente, nos Darwin Seminars da London School of Economics, alguén comentou que as mulleres cobran menos nos traballos porque evolutivamente se adaptaron deste xeito. Como digo eu, se che sacan o xene que só se activa cando chegas a ser profesora titular…

(risos)

Si, ata ese intre todas imos ben. Pero logo de chegar a profesora titular semella que, como di este home, non podemos chegar ao máis alto porque xeneticamente non estamos preparadas.

Nesgos científicos, non si?

A ciencia deixou ao lado determinados aspectos da realidade. O que non enriquece. Recentemente, unha muller, Ameenah GURIB-FAKIM,  recibiu un premio L´Oreal-Unesco “A muller e a ciencia” por facer valer o coñecemento tradicional das mulleres das illas Mauricio, que son as que realmente coñecen as plantas e as súas propiedades. Pois ben, o feito de que ese coñecemento o obtivera xente sen preparación fixo que se desprezara, o que é absurdo. O que temos que facer é sumar, tentar abranguer o máis posible.

De xeito moi resumido, o que se busca é a equidade?

Si, pero tamén mellorar o coñecemento. Un coñecemento que exclúa negros, homosexuais, mulleres, … é parcial. De feito, pensa un intre se a nosa ciencia sería igual se as mulleres tiveran feito máis ciencia.

Non temos resposta a iso.

Efectivamente, é unha pregunta que non podemos contestar, pero temos datos que amosan que cando entran mulleres, con outra visión, cun xeito diferente de ver as cousas, mudan as disciplinas. Un exemplo claro é Jane Goodall que modificou o xeito de estudar os primates, xa que fixo estudos a longo prazo, púxolles nomes aos animais, etc. Pódesme dicir que é casualidade, pero noutros casos temos exemplos semellantes.
 
Cal é a razón diso?

Eu non penso que as mulleres teñan unha esencia, un non sei que,… Coido que as mulleres estamos socializadas doutro xeito. Son moi kuhniana nisto. Os científicos están educados nun paradigma, entón os que fan as revolucións son aqueles que están fora do paradigma. Se as mulleres non estiveron aí, as que entran son as que teñen posibilidades de cambiar, pero igual que se fosen homes.

E aquí é onde podería estar o impacto social destes estudos.

Home, o impacto social é enorme. Estás a ampliar o coñecemento, non só en historia, en economía, en socioloxía, en bioloxía, en primatoloxía,… en medicina é brutal. De feito, ata fai pouco os ensaios que se facían, desenvolvíanse sen mulleres. O meirande ensaio clínico realizado para ver se a aspirina era boa para as enfermidades coronarias, fíxose con 20.000 individuos varóns e ningunha muller.

Impresionante

Si, si, de feito Carmen Abad fixo un estudo analizando varios artigos en revistas de alto prestixio e comprobou que as enfermidades vinculadas en certo xeito coas mulleres son pouco tidas en conta nos estudos.

Entón temos unha fenda norte/sur e masculino/feminino?

Temos unha fenda norte/sur, masculino/feminino, e temos tamén outra fenda. Os máis probes dos pobres son mulleres. Cando ti atopas un país con moita pobreza podes comprobar que as mulleres están nun chanzo por debaixo.

Para cambiar iso, que temos que facer?

Penso que o maior número de mortes no mundo son por enfermidades con auga en mal estado, pero temos a tecnoloxía para solucionalo. Entón é cuestión de vontade política. Coa metade do que Bush vai destinar para solucionar o actual problema económico solucionábase a fame no mundo nos próximos anos.

Políticas, pero non sería preciso manter tamén unhas propostas sólidas en educación?

Coido que si. Obviamente, a educación non pode ser a arma para tirar entre partidos políticos. No entanto, fai anos pensaba que para solucionar os problemas de xénero era preciso educar dende abaixo, aos máis pequenos. Mais mudei de idea, agora creo que é moi importante comezar pola universidade. Na universidade están os futuros profesores.

Cal é o futuro dos estudos de Ciencia, Tecnoloxía e Xénero (CTX)?

Existe un debate moi forte arredor de se debemos fomentar un área específica ou decantarnos por introducírmonos nas diversas especialidades. Eu son partidaria do último, porque coido que estamos unha cuestión transversal. Está ben que haxa espazos específicos, pero é preciso que nos incorporemos en cada área e en cada disciplina. Se só fixeramos un área específica poderíamos quedar illados.

E a responsabilidade dos medios de comunicación?

Ui, total! (risas) Moita, eu entendo que moitos xornais non teñen medios para ter periodistas informados, pero penso que existe unha responsabilidade moi grande no xeito en que se presentan mediaticamente as novas. Dáse noticia dos grandes impactos e ocúltase algo moi importante que é o que facer diario dos científicos e os procesos. Penso que iso é o que se debería coñecer da ciencia.

Contra o sexismo científico

Profesora investigadora do CSIC, dirixiu a Fundación de Ciencia e Tecnoloxía e é unha das principais estudosas dos problemas de xénero na ciencia e na tecnoloxía. Escribiu unha chea de libros e artigos e fai unha importante labor a prol da equidade social.

Temas relacionados: , ,

Deixe unha resposta

TEMPOS Dixital resérvase o dereito de editar ou borrar as colaboracións dos usuarios/as que comporten:

  • Vulneracións do respecto e dignidade das persoas ou mensaxes discriminatorias, xenófobas ou sexistas.
  • Comentarios que atenten contra a xuventude, a infancia e a seguridade pública.
  • Ligazóns a contidos pornográficos ou arquivos ilegais.
Os comentarios publicaranse despois de admitilos o moderador.

Debe estar rexistrado para engadir un comentario.