TemposDixital


Protexta


O escritor Juan Gelman fala para ProTexta


Descarga en PDF a revista de libros de TEMPOS Novos. Máis de trinta páxinas de crítica literaria con entrevistas, reportaxes, crónicas, pezas de creación e unha ollada ao blogmillo.

ProTexta, a revista de libros de maior difusión de Galicia,  está xa nos quioscos. A publicación trimestral distribuise gratuitamente o sábado 12 de xuño xunto cos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños e Diario de Arousa, así como co  número de xuño da revista TEMPOS Novos.

“Non concibo a resistencia se non é popularâ€. O escritor arxentino Juan Gelman, de vida marcada polo exilio e escrita tramada pola perda e o horror, falou para ProTexta, que fixo crónica do seu paso polo país para recoller o premio que lle foi concedido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Con motivo da publicación de Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha, ProTexta reuniu á autora, Mónica Bar, con Nanina Santos, militante do movemento feminista dende os inicios. A conversa, por veces tensa, deu conta dos debates internos existentes no feminismo galego e puxo de manifesto que o relato da súa traxectoria é unha das carencias máis notábeis na construción da historia contemporánea do país.

Co gallo do Ano Novoneyra, ProTexta repara en tres das últimas publicacións sobre o homenaxeado: A distancia do lobo. Bibliografía de Uxío Novoneyra de Antón Lopo, Dos soños teimosos (edición de Emilio Araúxo) e A casa, o val, a patria humilde! Celebración de Uxío Novoneyra, de Iris e Luís Cochón.

Narrativa
ProTexta dá conta,  na súa ampla sección de crítica, das últimas novidades da literatura galega e alén o país. As páxinas de narrativa abren cunha ampla recensión da novela de Teresa Moure, A intervención, e proseguen coa reedición de Desfeita, de Camilo Gonsar, e con Xuvia-Neda, de Vicente Araguas.

A revista analiza algunha das principais novidades na literatura foránea traducida ao galego: a obra dramática completa de Sarah Kane, a última novela de Paul Auster (Invisible), A rolda noctura, da británica Sarah Waters, e Bilbao, New York, Bilbao, de Kirmen Uribe.

Teatro
Serán dúas dramaturgas as protagonistas desta vez das páxinas de teatro. Nelas repararemos na publicación de Pressing Catch, obra de Paula Carballeira que foi levada á escena tamén nesta primavera, así como en dúas pezas da autoría de Clara Gayo: Movidas e Razóns de peso.

O apartado de poesía revisará o último de Raúl Gómez Pato, Tratado de Zooloxía para corazóns mancados, e fixarase así mesmo en dous poemarios que foron, respectivamente, premio e accésit no certame de poesía erótica do concello de Malpica: Xoguetes póstumos, de Emma Pedreira, e mais E alentar na túa rosa, de Paco Souto.

Literatura para xente miúda
Fina Casalderrey e María Lado estarán presentes desta vez nas páxinas dedicadas á literatura infantil. Da primeira reséñase Un saco de estrelas. Da segunda, a adaptación ao galego de Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll. Ademais, ProTexta repasa o último dun referente do álbum ilustrado, Javier Sáez Castán e o seu El pequeño Rey director de orquesta. A revista detense así mesmo en João Pedro Mésseder e Gémeo Luís, e nunha obra que foi mención especial do xurado no I Premio Compostela de Ãlbum Ilustrado, Ovelliña dame la, de Isabel Minhos e Yara Kono.

Ensaio
ProTexta traerá ás súas páxinas o 68 compostelán da man de dous traballos publicados polo historiador Ricardo Gurriarán: Inmunda escoria e  1968 en Compostela. 16 testemuños. Así mesmo, analizará o ensaio sobre a historia do BNG co que Xosé R. Quintana gañou o premio Ramón Piñeiro, Un longo e tortuoso camiño. Adaptación, crise e cambio no BNG, 1971-2009.

ProTexta prestará tamén especial atención ao mundo da imaxe. Do recoñecido teórico George Didi-Huberman fai valoración crítica de La imagen superviviente. Historia del arte y tiempo de los fantasmas e Ante el tiempo. Historia del arte y anacronismo de las imágenes. A revista recala ademais no último publicado sobre os cineastas Werner Herzog, de quen se reedita o diario Conquista de lo inútil, e mais Fernando Fernán Gómez, sobre quen acaba de publicar en Cátedra o catedrático galego José Luis Castro de Paz.

Abordan as páxinas de ensaio o estudo de Anxo Angueira sobre a novela de X.L. Méndez Ferrín, Bretaña Esmeraldina –A espiral no espello. Bretaña Esmeraldina e o sistema literario galego– e mais o último traballo do teólogo Victorino Pérez Prieto: Prisciliano na cultura galega. Complétase a sección con dous libros de artigos xornalísticos –Cartas marcadas, de Xavier Queipo, e Melancolía de sofá, de Luísa Castro–, o Dicionario de surrealismo e de surrealistas, de Xesús González, e o ensaio Noise and Capitalism, revisión da música improvisada como contestación política.

Análise, creación, novidades

Xosé Luís Axeitos analiza para ProTexta a traxectoria de Ediciós do Castro, o selo que Isaac Díaz Pardo puxo en marxa nos 60 co fin de recuperar o ideario nacionalista da II República.

Xil Xardón, premio Eusebio Lourenzo Baleirón en 2008, protagoniza deste vez o apartado de creación, ilustrado por Xosé Carlos Hidalgo. Saberemos tamén dos gustos lectores da enxeñeira informática e creativa multimedia Luz Castro, e tamén das novidades que, para o verán, reservan as editoriais galegas.

Números anteriores
Protexta 01 Inverno 07
ProTexta 01 Inverno’06
ProTexta 02 Primavera’07
ProTexta 02 Primavera’07
Protexta 03 Verán’07
Protexta 03 Verán’07
Portada Protexta 04 Outono’07
ProTexta 04 Outono’07
Portada Protexta 05 Inverno’08
ProTexta 05 Inverno’08
Portada Protexta 06 Primavera’08
ProTexta 06 Primavera’08
Portada Protexta 07 Verán’08
ProTexta 07 Verán’08
Portada Protexta 08 Outono’08
ProTexta 08 Outono’08
Portada Protexta 09 Inverno;08-09
ProTexta 09 Inverno’08-09
Portada Protexta 10 Primavera’09
ProTexta 10 Primavera’09
Portada Protexta 11 Verán’09
ProTexta 11 Verán’09
Portada Protexta 12 Outono’09
ProTexta 12 Outono’09