TemposDixital


austeridade

Un balance do primeiro ano de goberno de Feijóo

Xoves 15 de Abril, 2010   Ler comentarios [1 comentario]
Carlos A. Amodedo Souto e Filipe. A. F. Díez, administradores do blog feijoomente.blogaliza.org

Transcorrido xa máis dun ano desde aquela noite do 1 de marzo, albíscanse xa as principais liñas do que estes catro anos de goberno neoconservador liderado por Alberto Núñez Feijóo van supor para o país. E o que se esculca non pode cualificarse, en balanzo xeral, de positivo. O goberno do Partido Popular desaproveitou en boa medida a súa maioría absoluta, pois en vez de conducir como un estadista –coas luces largas, afrontando os problemas de fondo do país na actual conxuntura–, o Presidente Feijóo conduciu o país coas luces de cruce, entregándose á satisfacción pragmática de obxectivos conxunturais, que non dan resposta a aqueles problemas, senón que obedecen á consolidación dos apoios políticos do partido no goberno.

Os condicionantes políticos da acción de goberno de Núñez Feijóo eran claros xa en marzo de 2009:

1. Consolidar unha vitoria pírrica. A maioría absoluta do Partido Popular é mínima. Depende dun escano. Isto dá lugar a unha intensa competitividade política na que –como lle aconteceu ao bipartito– o triunfo electoral nas seguintes eleccións depende da mobilización plena da base electoral propia e da desmobilización máxima da base electoral allea. Dado que os saldos de ambos os procesos son cada vez máis axustados, a formación de goberno depende dun número relativamente cativo de votantes. Este marco de oportunidade electoral condiciona a acción de goberno na medida en que, por unha banda, unha acción excesivamente crispadora pode mobilizar masivamente o voto de esquerda que se desmobilizou o 1 de marzo de 2009; mentres que, por outra banda, unha acción de goberno centrada ou excesivamente pragmática pode dar lugar á perda de apoios na dereita.

2. Gobernar Galiza para gañar en Madrid. Feijóo ten a necesidade de compatibilizar a súa axenda de goberno coa axenda electoral dun Partido Popular que a nivel estatal está na oposición e que necesita perentoriamente levar a Mariano Rajoy en 2012 á Moncloa, obxectivo para o cal está a loitar coas mesmas tácticas de crispación que vén ensaiando –con importante éxito– desde 2004.

3. A crispación, método de campaña e de goberno. A campaña electoral foi unha aplicación máis do manual da crispación amplamente desenvolvido polo Partido Republicano estadounidense nos anos noventa e polo propio Partido Popular español tras a derrota electoral de marzo de 2004. Porén, dado que a credibilidade social deste tipo de campañas tan competitivas, baseadas na destrución moral e persoal do inimigo, descansa na súa machucadora continuidade, non é de estrañar que as vitorias electorais acadadas sobre tal base dean lugar a unha acción de goberno igualmente crispada e competitiva –agora contra a oposición–, como vía de alimentación sistemática dos frames ou marcos de campaña que deron a maioría electoral.

4. A crise económica: de problema a oportunidade. A crise económica mundial desencadeada desde finais do 2007 comezou a golpear Galiza en 2008, mais o seu impacto na economía do país prodúcese especialmente a partir do primeiro ano da lexislatura 2009-2013. Nada fai presaxiar unha saída inmediata nin doada da crise, senón todo o contrario. Precisamente por iso, o Partido Popular ten moi claro o enfoque político fronte á crise: facer da necesidade virtude, imputándolle a crise ao inimigo e aproveitándoa para acadar dous grandes obxectivos: en primeiro lugar, os estruturais, netamente neocapitalistas e de clase; en segundo lugar, os superestruturais: utilizar a crise como ariete de desaloxo do goberno Zapatero e como instrumento de denigración constante da coalición PSdeG-BNG.

5. Superar o modelo ideolóxico do Partido Popular de Manuel Fraga. Consciente de que o fraguismo rematou coa xubilación política de Fraga en 2005, a acción de goberno de Alberto Núñez Feijóo buscou formulacións netamente distintas. Os tempos do conservadorismo paternalista, autoritario e neorrexionalista de Fraga deron paso a un modelo distinto, máis urbano e relambido, neoespañol, neoliberal e sen complexos. Un modelo que non dubida, por exemplo, en romper con consensos básicos do país como o da normalización da lingua galega para así introducir os marcos cognitivos propios da dereita a nivel estatal.

A clara inspiración ideolóxica do think tank neoconservador, a Fundación FAES, trasládase a unha acción de goberno construída como escaparate da oferta electoral a vender en toda España polo Partido Popular de Mariano Rajoy. Porén, o máis interesante a este nivel ideolóxico é a aposta de Núñez Feijóo por unha sorte de populismo neoliberal, que se torna visible en terreos como o da lingua vehicular no ensino, o canon eólico ou a reforma da política urbanística e territorial. Populismo consistente en converter a acción de goberno na simple aplicación das decisións que “votan os cidadáns democraticamente”: “o que quere a xente”. Nova versión do laissez faire, laissez passer que lexitima a abstención da esfera política e administrativa fronte ás dinámicas sociais, consideradas esencialmente válidas e positivas para a marcha do país: a mellor administración é a que non existe, a que non intervén e deixa que as forzas económicas, sociais e culturais dominantes guíen coa súa sabia man invisible o rumbo da nosa sociedade.

Estes cinco grandes obxectivos políticos de fondo foron guiando a acción de goberno de Núñez Feijóo, outorgándolle unha indubidable coherencia.

O artigo completo pódese consultar no número 155 de TEMPOS Novos, de abril de 2010.



Tempo de austeridade orzamentaria

Xoves 5 de Novembro, 2009
Víctor J. Montes

O Pacto de Estabilidade e Crecemento foi aprobado en 1997 co gallo de prolongar, despois do nacemento da Unión Económica e Monetaria (UEM), a continuidade da mesma disciplina fiscal que se establecera entre os países candidatos cos denominados criterios de converxencia nominal definidos no Tratado de Maastricht. Xermolo, polo tanto, da implantación e da entrada en vigor do euro, establecía na súa orixe un tope máximo para o déficit público de cada Estado membro da UEM -3 por cento do seu PIB- baixo ameaza, en caso de desbordamento, de activar o correspondente “expediente de infracción” por parte da Comisión Europea.

Porén, a rigorosidade inicial do Pacto adaptouse, en 2005, aos problemas que en materia orzamentaria presentaban naquel intre Francia e Alemaña. De xeito tal que se introduciron diversas cláusulas de flexibilidade para que nas fases máis adversas do ciclo económico se puidera aparcar, de xeito conxuntural, a disciplina orzamentaria. Flexibilidade que constitúe hoxe en día un dos piares fundamentais da estratexia, non só europea, seguida diante da crise.

Con todo, en pouco máis dun ano pasamos de programas de estímulo orzamentario e fiscal ás proclamas xeralizadas a prol da austeridade e a disciplina na xestión do gasto; xusto cando estamos a piques de rematar o 500 aniversario do nacemento de reformador Calvino (1509-1564), expoñente tradicional do aforro, a austeridade e o culto polo traballo.

Os distintos orzamentos públicos agora en trámite de aprobación, conflúen no tempo con dúas dificultades engadidas de transcendencia contraposta. No eido do ingreso temos a penuria fiscal motivada pola drástica diminución da recadación, e o negativo da súa previsible evolución no futuro inmediato. No do gasto, a existencia de moitas partidas suxeitas a unha inercia de difícil rotura, especialmente en todo o relativo ao gasto social, así como o dificultoso de aplicar medidas tendentes a propiciar, cando máis se precisa, un cambio de modelo produtivo.

Neste contexto, cómpre establecer os mecanismos tendentes a detectar as ineficiencias no gasto, evitar que teñan carácter recorrente e optimizar todos os recursos, particularmente os relativos a persoal, e tamén a investimentos vista a incapacidade para seren abordados sen recorrer a endebedamento adicional.

Agora ben, a austeridade orzamentaria non implica reducións lineais en todos os centros de gasto. Tampouco pode supor unha desculpa para xustificar dotacións insuficientes ou carestía de medios na prestación de servizos. Ben entendida, a austeridade constitúe a excelencia na utilización dos recursos escasos. Nesta liña, conquistar achegas na racionalización do gasto corrente e dos investimentos obriga a intensificar esforzos, mais tamén a buscar unha dimensión axeitada para cada orzamento, e mesmo para cada nivel de Administración. O que nos introduce noutro debate máis fondo e de complexa solución, sobre todo no eido local. Mentres, e como a finais do século XIX dixera Sagasta, o sete veces presidente do Goberno español entre 1870 e 1902: “xa que non gobernamos ben, alomenos gobernemos barato”.
*Víctor J. Montes é analista financeiro e investigador da Universidade de Vigo.



A austeridade como subterfuxio

Xoves 5 de Novembro, 2009   Ler comentarios [1 comentario]
Xavier Vence

Que dúbida cabe que a austeridade pode ser un bo fío argumental para reconstruír unha sociedade enferma de consumismo compulsivo e insostíbel. Tanto para refrear os impulsos ostentosamente desbaldidores das rendas altas e medias como para reeducar ás novas xeracións maleducadas no hiperconsumismo como modo e vida e mesmo de identidade.



Austeridade

Mércores 4 de Novembro, 2009   Ler comentarios [2 comentarios]
David Rodríguez

O concepto austeridade está moi imbricado nunha sociedade como a nosa que ten na tradición xudeucristiá un dos seus elementos constitutivos. Pola propia xénese do cristianismo –a relixión dos pobres– a falta de ostentación ou o desprendemento material foron considerados valores positivos. Porén se desde o mesmo comezo houbo contradicións entre o discurso e a práctica da igrexa no que ten a ver coa austeridade (a primeira xa cando Cristo ten que botar aos mercaderes do templo), aquelas –por poñer outros exemplos– aflorarían de xeito especialmente incisivo nos debates escolásticos entre benedictinos e franciscanos do s. XIII (lembrar O nome da rosa) e, xa máis preto de nós no tempo, nas disputas entre o Vaticano e os cregos da Teoloxía da Liberación.