Un balance do primeiro ano de goberno de Feijóo
[1 comentario]Transcorrido xa máis dun ano desde aquela noite do 1 de marzo, albíscanse xa as principais liñas do que estes catro anos de goberno neoconservador liderado por Alberto Núñez Feijóo van supor para o país. E o que se esculca non pode cualificarse, en balanzo xeral, de positivo. O goberno do Partido Popular desaproveitou en boa medida a súa maioría absoluta, pois en vez de conducir como un estadista –coas luces largas, afrontando os problemas de fondo do país na actual conxuntura–, o Presidente Feijóo conduciu o país coas luces de cruce, entregándose á satisfacción pragmática de obxectivos conxunturais, que non dan resposta a aqueles problemas, senón que obedecen á consolidación dos apoios políticos do partido no goberno.
Os condicionantes políticos da acción de goberno de Núñez Feijóo eran claros xa en marzo de 2009:
1. Consolidar unha vitoria pírrica. A maioría absoluta do Partido Popular é mínima. Depende dun escano. Isto dá lugar a unha intensa competitividade política na que –como lle aconteceu ao bipartito– o triunfo electoral nas seguintes eleccións depende da mobilización plena da base electoral propia e da desmobilización máxima da base electoral allea. Dado que os saldos de ambos os procesos son cada vez máis axustados, a formación de goberno depende dun número relativamente cativo de votantes. Este marco de oportunidade electoral condiciona a acción de goberno na medida en que, por unha banda, unha acción excesivamente crispadora pode mobilizar masivamente o voto de esquerda que se desmobilizou o 1 de marzo de 2009; mentres que, por outra banda, unha acción de goberno centrada ou excesivamente pragmática pode dar lugar á perda de apoios na dereita.
2. Gobernar Galiza para gañar en Madrid. Feijóo ten a necesidade de compatibilizar a súa axenda de goberno coa axenda electoral dun Partido Popular que a nivel estatal está na oposición e que necesita perentoriamente levar a Mariano Rajoy en 2012 á Moncloa, obxectivo para o cal está a loitar coas mesmas tácticas de crispación que vén ensaiando –con importante éxito– desde 2004.
3. A crispación, método de campaña e de goberno. A campaña electoral foi unha aplicación máis do manual da crispación amplamente desenvolvido polo Partido Republicano estadounidense nos anos noventa e polo propio Partido Popular español tras a derrota electoral de marzo de 2004. Porén, dado que a credibilidade social deste tipo de campañas tan competitivas, baseadas na destrución moral e persoal do inimigo, descansa na súa machucadora continuidade, non é de estrañar que as vitorias electorais acadadas sobre tal base dean lugar a unha acción de goberno igualmente crispada e competitiva –agora contra a oposición–, como vía de alimentación sistemática dos frames ou marcos de campaña que deron a maioría electoral.
4. A crise económica: de problema a oportunidade. A crise económica mundial desencadeada desde finais do 2007 comezou a golpear Galiza en 2008, mais o seu impacto na economía do país prodúcese especialmente a partir do primeiro ano da lexislatura 2009-2013. Nada fai presaxiar unha saída inmediata nin doada da crise, senón todo o contrario. Precisamente por iso, o Partido Popular ten moi claro o enfoque político fronte á crise: facer da necesidade virtude, imputándolle a crise ao inimigo e aproveitándoa para acadar dous grandes obxectivos: en primeiro lugar, os estruturais, netamente neocapitalistas e de clase; en segundo lugar, os superestruturais: utilizar a crise como ariete de desaloxo do goberno Zapatero e como instrumento de denigración constante da coalición PSdeG-BNG.
5. Superar o modelo ideolóxico do Partido Popular de Manuel Fraga. Consciente de que o fraguismo rematou coa xubilación política de Fraga en 2005, a acción de goberno de Alberto Núñez Feijóo buscou formulacións netamente distintas. Os tempos do conservadorismo paternalista, autoritario e neorrexionalista de Fraga deron paso a un modelo distinto, máis urbano e relambido, neoespañol, neoliberal e sen complexos. Un modelo que non dubida, por exemplo, en romper con consensos básicos do país como o da normalización da lingua galega para así introducir os marcos cognitivos propios da dereita a nivel estatal.
A clara inspiración ideolóxica do think tank neoconservador, a Fundación FAES, trasládase a unha acción de goberno construída como escaparate da oferta electoral a vender en toda España polo Partido Popular de Mariano Rajoy. Porén, o máis interesante a este nivel ideolóxico é a aposta de Núñez Feijóo por unha sorte de populismo neoliberal, que se torna visible en terreos como o da lingua vehicular no ensino, o canon eólico ou a reforma da política urbanística e territorial. Populismo consistente en converter a acción de goberno na simple aplicación das decisións que “votan os cidadáns democraticamente”: “o que quere a xente”. Nova versión do laissez faire, laissez passer que lexitima a abstención da esfera política e administrativa fronte ás dinámicas sociais, consideradas esencialmente válidas e positivas para a marcha do país: a mellor administración é a que non existe, a que non intervén e deixa que as forzas económicas, sociais e culturais dominantes guíen coa súa sabia man invisible o rumbo da nosa sociedade.
Estes cinco grandes obxectivos políticos de fondo foron guiando a acción de goberno de Núñez Feijóo, outorgándolle unha indubidable coherencia.
O artigo completo pódese consultar no número 155 de TEMPOS Novos, de abril de 2010.









