Un decreto que impón a ideoloxía do PP
Coa filosofía e coas bases que o alentan e estruturan, o borrador que regula a presenza e o uso da lingua galega nos centros non universitarios ten tódalas bazas para se converter, sen consenso posible, no Decreto do PP. Lonxe de desideoloxizar o ensino e de derivar nas aulas a cordialidade lingüística da rúa, como prometeu Feijóo, o que vai conseguir é todo o contrario: impoñer a súa ideoloxía e provocar o que non existía até a campaña electoral, tensión e conflitividade lingüística. Contra o que é de obrigado cumprimento constitucional e estatutario, o goberno que en boa parte lle debe á lingua galega a súa existencia e lexitimidade, non ten reparo en colocala aos pés dos cabalos. Subordinándoa a porcentaxes, e atribuíndolles ás familias a capacidade de decisión que nin a Constitución nin a xurisprudencia lles conceden, ese goberno escamotea tódolos supostos reais –aqueles que proceden de estudos científicos e non da estulticia ideolóxica- que a fan merecedora dunha discriminación positiva.
Poñéndoa a terzos, como se o castelán e o inglés pesaran política, institucional, social, mediática e economicamente o mesmo ca ela, o presidente Feijoo e cantos o seguen na súa teima desgaleguizadora derrogará non só o decreto de 2007 do que abxuraron no último minuto, senón tamén a filosofía e o consenso cos que naceran a lei do 83 e o Plan de Normalización posterior. O borrador confirma que o executivo asume na práctica as esixencias do nacionalismo lingüístico español que, cunha malévola intencionalidade, denuncia como imposición non o deber que tódolos españois teñen de coñecer o castelán, que sería entendible, senón unha norma que non vai máis alá dos usos sociais que os habitantes de Galicia poidan afianzar para asegurar a cohesión social e garantir a supervivencia da súa lingua propia.
Articulan o decreto en base a escandalosas falacias. Empezando pola máis estendida, a da pretendida liberdade lingüística, coa que os galegófobos que están detrás de Galicia Bilingüe e dos seus altofalantes mediáticos, por unha banda, e os restauracionistas do PP, pola outra, argumentan a prol dunha asfixiante secundarización do galego no sistema educativo. Quedando en evidencia o escapismo do goberno e do seu presidente cando renuncian a exercer o seu poder de decisión en asuntos de especial transcendencia para o país –este é un deles-. Utilizan o da liberdade lingüística como coiraza e reclamo electoral, pois que a reducen á potestade paterna de decidir por centros, e por maioría, cal será a súa lingua vehicular. Cos riscos que iso comporta, especialmente no tramo educativo de infantil, do que en boa medida depende a transmisión interxeracional da lingua. Ula a liberdade e o dereito das minorías –sexa cal sexa a súa opción de lingua en cada centro-? Ula a liberdade e os dereitos da comunidade educativa no seu conxunto? Polo demais, existe realmente liberdade de opción paterna, cando sabemos que unha maioría de proxenitores descoñecen, por falta de formación ou en base a prexuízos negacionistas, tanto os valores que comporta unha conxunción de linguas como o que os expertos en sociolingüística e pedagoxía das linguas teñen suficientemente consensuado?
A outra gran falacia está na utilización do inglés como pretexto, e como abeiro no que esconderen o goberno e mailo PP as súas verdadeiras intencións. Ben está establecer as bases dun plurilingüismo, introducindo linguas estranxeiras no itinerario curricular, pero non en prexuízo das linguas cooficiais. Menos aínda da lingua na que se dá, ademais, a condición de minorizada, polo que merece unha especial protección –ha ser por iso o centro de gravidade dunha educación bilingüe, segundo o Constitucional-, tal e como o asumiu España cando ratificou en 1992 a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas. Equiparándoo a terzos co galego e co castelán, o goberno de Feijoo outórgalle ao inglés –curiosamente non ao portugués, como tamén prometera- un status de cooficialidade do que carece. Preguntémonos, pois, se é legal que unha lingua estranxeira lles reste presenza vehicular ás linguas cooficiais que, ao contrario que aquela, son usufrutuarias exclusivas de normas de rango superior –Constitución, Estatuto, Lei de Normalización, tratados internacionais asinados por España- nas que se sustenta a obriga que ten o goberno de Feijoo de desenvolver medidas específicas de protección para o galego como lingua cooficial e minorizada. Nós pensamos que cando menos é irregular. Se, ademais diso, se fai imposible ese reparto a terzos por carecer de profesores con dominio nativo, como debe ser, e mesmo coloquial do inglés, o engano vólvese maiúsculo.
Na estratexia equidistante dos redactores dese borrador seguramente hai claves que se nos escapan. Por caso, a radicalización contra todo tipo de consenso lingüístico dos máis achegados a Feijoo no partido da gaivota –os que se retrataron detrás da pancarta de Galicia Bilingüe reclamando a separación de escolares por linguas-. Sexa como sexa, a equidistancia non garante a imparcialidade e a eficacia –o dominio oral e escrito cando remata a educación obrigatoria- que a cuestión lingüística demanda, por ser fundamental para a cohesión social, a convivencia e o autogoberno. Impoñer ese decreto valéndose do único deputado que lle dá a maioría parlamentaria ao PP, que non a maioría de votos en urna, sería poñer en perigo eses obxectivos básicos. A única maneira de saír desa lameira, en que Feijoo se meteu buscando réditos electorais, é facilitando de novo o consenso que abortaron no 2007. Sobre a filosofía e as bases que o fixeran posible no 83 (Lei) e no 2004 (Plan de normalización). Aínda se está a tempo. Impoñer un decreto superideoloxizado e que implicitamente asume a existencia de dúas comunidades lingüísticas diferenciadas, e por iso irreconciliables, é suicida. Tamén para Feijóo e para o PP. Que non se enganen.
Editorial do número 152 de Tempos Novos, de xaneiro de 2010.








