ProTexta 11 Verán 09

Margarita Ledo protagoniza a capa do ProTexta 11: “A xeración que hoxe goberna é a máis ignorante do mundo”. A escritora e cineasta centra igualmente o número cunha entrevista en profundidade, acompañada do seu perfil por conta de Chus Pato (“Contrasinal”), e dunha recensión de María do Cebreiro (“Unha bandeira baixo o río”) sobre a súa última obra -adicada ao público máis novo- O serrote do Gil (Galaxia, 2009). “Para traballar con materiais do real fai falta establecer ese vencello afectivo que implica querer facelo e cun respecto total aos materiais”, reflexiona a autora de Porta Blindada arredor da súa obra narrativa. "É interesante ver que hai unha certa consciencia de novo de suxeito comunal", di ao respecto da literatura galega actual, e nomeadamente da narrativa, "un ámbito que non desmerece do que son as literaturas europeas e do seu universo xeral”.
Este ProTexta 11 ábrese coa crónica que Iván García Abruñeiras fai do Simposio Poéticas de Resistencia, celebrado o 16 e 17 de abril no Centro de Estudos Avanzados da USC. Un intento por repensar, de xeito colectivo e multidisciplinar, as prácticas contra-hexemónicas e os discursos resistentes.
A seguir abre o apartado de ficción Armando Requeixo cunha crítica sobre o último premio Blanco Amor, o Monte Louro (Xerais, 2009) de Luís Rei Núñez; obra que, “coma todas as grandes obras que antes dela foron, convídanos a contemplar o inconstante, impredicible e extraorinario vivir humano." Xiana Arias dá conta de Sidecar (Galaxia), de Alberto lema, e Oriana Méndez de A perspectiva dende a porta (Positivas), de Patricia A. Janeiro. Tocante ás traducións máis recentes á nosa lingua, Marta Pérez Pereiro ocúpase de O caderno dourado (Galaxia), de Doris Lessing, e Ramón Fernández Mariño da última novela de Bernardo Atxaga, Sete casas en Francia (Factoría K). En poesía, entre outros, Teresa Seara achégase ao Libro de Alicia, de Olalla Cociña. Banda deseñada, literatura infantil e xuvenil e teatro completan este primerio terzo de suplemento.
Canto á non ficción, abre sección "Cartografía da rebelión" , onde Daniel Salgado dá conta do último ensaio de Mike Davis (El coche de Buda: breve historia del coche bomba, El viejo topo). Aurelio Castro céntrase na recente tradución por parte de Akal do díptico que compoñen Seguridad, territorio, población e Nacimiento de la biopolítica, do filósofo francés Michel Foucault. A abordaxe do fenómeno do totalitarismo por parte de Simona Forti (El totalitarismo: trayectoria de una idea límite, Herder) e Slavoj Zizek (Quién dijo totalitarismo? Cinco intervenciones sobre el (mal) uso de una noción, Pre-Textos), ocupa a Miguel Vázquez Freire, mentres que Rebeca Baceiredo volta sobre o esloveno e a súa formulación do problema da micropolítica nas sociedades contemporáneas, en Sobre la violencia. Seis reflexiones marginales (Paidós, 2009). Unha entrevista ao pensador galego Basilio Lourenço, o repaso ás novidades que preparan as editoras para este outono, a cargo de Belén Puñal, ou a perspectiva lectora do experto en xenética Anxo Carracedo, completan este ProTexta 11.











